Alfoz e Valadouro, 4 de outubro do 2025. Hoxe celebrouse a IV Carreira Valadouro–Alfoz, unha proba que volveu reunir a centos de corredores e afeccionados ao deporte nun ambiente festivo e de convivencia entre ambos concellos. A carreira, organizada conxuntamente polos Concello do Valadouro e Concello de Alfoz, forma parte do circuíto Tour Mariña e contou con diferentes categorías, tanto infantís como absolutas.
Na entrega de premios estiveron presentes Manono Cadramón, xefe dos Servizos Provinciais de Deportes da Xunta de Galicia; Dani García, deputado provincial de Mocidade; Efigenia Maseda, alcaldesa de Alfoz; José Manuel Lamela, alcalde do Valadouro; e os concelleiros de Deportes, Eliseo Lorenzo (Alfoz) e Ana Rubal (Valadouro).
Os participantes percorreron un circuíto que uniu as dúas vilas nun entorno natural incomparable, con saída dende O Valadouro e meta en Alfoz, poñendo en valor a colaboración intermunicipal e a promoción do deporte como ferramenta de cohesión social.
No podio masculino, o triunfo foi para Álvaro Pico Fernández seguido de Adrián Paz Castro e Diego Blanco.
Na categoría feminina, impúxose Lourdes López Villar, completando o podio Sonia Geada Eiroá e Leticia Teijeiro Pernas.
Tanto a organización como as autoridades asistentes destacaron a excelente participación e o ambiente deportivo e familiar que se viviu ao longo da xornada. A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, subliñou “a importancia de seguir impulsando actividades que fomenten hábitos de vida saudables e que, ao mesmo tempo, sirvan para unir dous concellos irmáns”. Pola súa banda, o alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela, agradeceu “a implicación do voluntariado e do persoal que fixo posible o desenvolvemento desta carreira xa consolidada”.
A IV Carreira Valadouro–Alfoz contou coa colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, o Tour Mariña e dúas foodtracks da campaña Galicia sabe Amar, así como con numerosos patrocinadores locais que contribuíron ao éxito desta nova edición.