O voceiro popular critica que o goberno faga “propaganda de contas saneadas” mentres acumula atrasos, gastos irregulares e incumpre o período medio de pago
Foz, 17 de novembro de 2025. O Grupo Municipal do Partido Popular de Foz alerta da existencia de máis de 1.300.000 euros en pagos pendentes correspondentes aos anos 2023, 2024 e 2025, unha situación que cualifica de “gravísima” e que atribúe á “nefasta planificación e falta de control” do equipo de goberno.
Segundo detallan os populares, só do ano 2025 acumúlanse 926.000 euros en facturas que non teñen cabida nos orzamentos prorrogados, polo que non poden ser aprobadas sen o apoio da Corporación Municipal. “Non é unha cifra menor e, ademais, non se nos deu ningún tipo de información sobre estes gastos, máis alá do importe. Trátase de facturas realizadas sen partida orzamentaria, nun ano no que non existen presupostos aprobados”, sinala o voceiro do PP de Foz, Javier Castiñeira.
A esta situación súmanse 360.000 euros en facturas do ano 2024 aínda pendentes, así como as subvencións dos anos 2023 e 2024 destinadas a clubs deportivos e asociacións, que continúan sen abonarse. “É gravísimo que se esté a paralizar a actividade das entidades locais pola incapacidade do goberno municipal para cumprir cos seus compromisos”, lamenta Castiñeira.
Estes datos déronse a coñecer na reunión mantida o pasado venres co equipo de goberno e co interventor municipal, onde se confirmou que o total supera xa os 1.300.000 euros. Un importe que o alcalde pretende levar ao próximo Pleno mediante un suplemento de crédito, co único obxectivo de agochar a súa nefasta xestións, a súa negativa reiterada a presentar o orzamento de 2025 –tal e como o Partido Popular leva reclamando durante todo o ano- e a existencia de centos de facturas con reparos de intervención que agora queren aprobar ás presas, “tarde, mal e a rastro”, usando ademais ás asociacións e os clubs como moeda de cambio.
O voceiro popular critica que o goberno faga “propaganda de contas saneadas” mentres acumula atrasos, gastos irregulares e incumpre o período medio de pago: “Cando un Concello gasta moito máis do que ten asignado, deixa ás empresas sen cobrar e bloquea a vida das asociacións, o que toca é pedir desculpas e asumir responsabilidades, non presumir de xestión”.
APOIO ÁS SUBVENCIÓNS AOS CLUBS E ASOCIACIÓNS… PERO POR SEPARADO
O Partido Popular de Foz reitera que non apoiará ningún suplemento de crédito que mesture as facturas irregulares dos anos 2024 e 2025: “Non imos premiar a mala xestión. Non se nos consultou, non se nos pediu opinión cando se fixo o gasto, e agora preténdese que votemos a favor ou non absteñamos a cambio dalgunha compensación en propostas de obras ou investimentos. Esa non é a forma de traballar do PP”.
Sen embargo, o PP ofrece unha vía de solución inmediata: “Se o goberno trae por separado as subvencións aos clubs e asociacións dos anos 2023 e 2024, apoiarémolas sen dúbida. Son necesarias e levan meses bloqueadas. O que non aceptaremos é que se xunten con facturas irregulares e gastos feitos sen partida orzamentaria”.
Polo tanto, desde o PP de Foz volven a instar ao equipo de goberno a que presente dous suplementos de crédito diferenciados: un primeiro destinado ás subvencións e asociación, que apoiarían sen dúbidas; outro separado para as facturas sen partida económica dos anos 2024 e 2025, que suman máis de 1,2 millóns de euros, e sobre as que existen dúbidas e discrepancias.
“O que non imos aceptar baixo ningún concepto son chantaxes, mentiras nin escenificacións políticas como as do señor Cajoto e da súa concelleira de Economía e Facenda, que agora pretenden falar do orzamento de 2026 cando foron incapaces de presentar o de 2025, causando unha situación que prexudica gravemente a asociacións, clubs e empresas do noso municipio. Moitas delas levan meses e mesmo anos sen cobrar o que lles corresponde, unha responsabilidade que recae directamente na señora Couto e no alcalde, que consenten esta situación”, subliña o voceiro popular.
O Partido Popular de Foz xa deixou claro en numerosas ocasións que está disposto a dialogar e negociar polo ben do municipio, pero nunca a costa de renunciar á súa funcións de fiscalización das contas públicas. Esa responsabilidade non a van abandonar, por moitas ofertas ou investimentos que o señor alcalde queira poñer sobre a mesa.
“A VECIÑANZA DE FOZ MERECE TRANSPARENCIA TOTAL”
Javier Castiñeira conclúe que a situación é “de extrema gravidade e absoluta falta de transparencia”: “A veciñanza, as empresas locais e as asociacións teñen dereito a saber a verdade. O alcalde debe explicar como se chegou a este punto e por que se gastou o que non se podía gastar”.


























O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.



