A campaña incluirá actividades educativas, participación cidadá e accións de sensibilización para visibilizar e combater a violencia machista no día a día da sociedade vilalbesa
Vilalba, 19 de novembro de 2025. O Concello de Vilalba presentou hoxe a programación que levará a cabo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha campaña que se desenvolverá baixo o lema “O teu machismo aquí non entra: péchalle as portas á violencia” e que busca levar a reflexión sobre a violencia machista ás aulas, ás rúas e ás conversas cotiás da veciñanza.
A alcaldesa e concelleira de Igualdade, Marta Rouco, destacou na presentación que “temos claro que a loita contra o machismo non pode limitarse a un día ao ano. É unha tarefa constante na que todos e todas debemos asumir o noso papel. Queremos que Vilalba fale do 25N, que o debata e que se implique, porque só así avanzaremos nunha sociedade máis xusta e libre de violencia”.
A programación arrancou o pasado luns, 17 de novembro, cunha charla sobre violencia sexual no IES Basanta Silva, a cuxa presentación asistiu a alcaldesa. As actividades continuarán durante toda a semana nos centros de educación primaria, onde o alumnado completará o lema da campaña respondendo á pregunta: “E ti, a que lle pechas a porta?”, un exercicio de reflexión e participación activa adaptado á súa idade.
O 24 de novembro terá lugar unha enquisa e un obradoiro no IES Santiago Basanta Silva, organizado coa colaboración da FEGAMP, que permitirá coñecer o nivel de sensibilización da mocidade vilalbesa en materia de igualdade de xénero. A maiores, do 24 ao 28 de novembro, animarase á cidadanía a enviar vídeos nos que expresen aquelas actitudes machistas ás que lles pechan a porta. As gravacións, en formato horizontal, deberán remitirse ao correo ax.igualdade@vilalba.es e servirán para elaborar un vídeo colectivo que se publicará nas redes sociais municipais.
Xa o 25 de novembro, ás 12:00 horas, terá lugar no templete da Praza da Constitución un acto participativo no que se elaborará unha pancarta colaborativa con achegas da veciñanza sobre comportamentos machistas presentes na sociedade. Ese mesmo día estrearase o vídeo oficial da campaña, que se está preparando en colaboración cos establecementos hostaleiros da vila. Durante a próxima semana, estes locais repartirán pousavasos co lema da campaña para acompañar as consumicións, co obxectivo de levar o debate ao ámbito cotián.
“Queremos que o 25N se vexa, se escoite e se fale. Que o compromiso de Vilalba contra a violencia machista estea tamén nos bares, nas escolas, na casa e na rúa. Só dende a implicación real e colectiva podemos avanzar cara a igualdade plena”, afirmou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.
A programación complétase os días 2 e 3 de decembro coa actividade “Lentes Violetas”, un obradoiro impartido pola Cooperativa Aventeira no IES Basanta Silva e no IES Lois Peña Novo, centrado en ofrecer ferramentas para identificar e cuestionar roles, mensaxes e actitudes discriminatorias presentes na vida cotiá.
Con esta campaña, o Concello de Vilalba reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa loita contra a violencia machista a través da educación, da participación cidadá e da visibilización constante da problemática.























O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.
Daniel García reafirmou o apoio ao festival, que conta cunha colaboración estable e continuada da Vicepresidencia provincial desde a primeira edición e valorou "o impulso que a Asociación Fanto Fantini lle dá ano a ano ao festival, cun programa que vai máis alá do cartel musical e que profundiza na súa identificación e o seu vínculo con Burela e coa Mariña". A Vicepresidencia da Deputación achega 25.000 euros ao patricinio desta edición do Osa do Mar.
Presidenta e xerente, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, acudiron ao Teatro a escoitar a Pepe Conde, quen fora xefe do servizo de cirurxía do HULA e persoa moi vinculada a esta vila por motivos familiares. Co seu pregón arrincaron varios días festexos que rematarán o vindeiro martes, día da patroa. Cruzado e Pérez departiron cos responsables da comisión das festas minutos antes do inicio do pregón.
A sesión incluirá a proxección da peza, de 27 minutos de duración, e un coloquio con Ugía Pedreira sobre música, saúde e outros temas. A obra forma parte da selección oficial do Barcelona Indie Filmmakers Festival (BARCIF) 2025 e a actividade está promovida por A Pomba do Arco.
O evento comezou cunha misa na igrexa parroquial de Santa María de Meira e a continuación, tivo lugar o tradicional xantar no Pavillón dos Deportes e o recoñecemento ao home e á muller de maior idade do municipio. Nesta xornada de convivencia, Fernández Méndez puxo en valor a contribución das persoas maiores á sociedade e enxalzou o seu papel activo no municipio, “é unha satisfacción compartir este día coas nosas persoas maiores, que tanto teñen achegado á sociedade e que merecen espazos de encontro e celebración como este”.



