A Mariña, 21 de xaneiro, 2026. O centro de saúde de Barreiros foi o escenario elixido pola Plataforma Sanitaria da Mariña para presentar ante os medios de comunicación a manifestación en defensa da sanidade pública que o domingo 1 de febreiro partirá ás 12.00 horas da Alameda de Compostela e rematará na Praza do Obradoiro.
Baixo o lema “Máis Sanidade Pública”, SOS Sanidade Pública —plataforma da que este colectivo forma parte e que agrupa todas as plataformas sanitarias galegas— fai un chamamento ao conxunto do país para defender o dereito á saúde e frear a destrución e privatización da sanidade pública galega, procesos que, segundo denuncian, avanzan a gran velocidade.
Carlos Fernández Fraga, médico xubilado de Atención Primaria e integrante da plataforma, lembrou que “levamos máis de dezaseis anos vendo como o sistema sanitario público foi esmorecendo paso a paso, sen que a poboación se decatase ata que a desfeita xa era evidente”. Sinalou que os fondos públicos destinados á sanidade “están a desviarse a centros privados mentres se desmantelan servizos públicos sen ningún miramento, obrigando milleiros de pacientes a seren atendidos na privada, moitas veces a moitos quilómetros do seu domicilio”.
Engadiu que a Atención Primaria, “base do sistema sanitario”, non está a poder resolver os problemas de saúde da poboación pola falta de persoal, o que provoca “o colapso dos servizos de urxencias, síntoma inequívoco da crise da sanidade pública”. Lembrou tamén a entrega, o pasado 15 de xaneiro, de case seis mil sinaturas ao conselleiro de Sanidade para reclamar máis médicos e pediatras na Mariña, “proba do desastre sanitario que sofre a comarca”.
Autobuses para o desprazamento a Santiago
O colectivo anunciou que se habilitarán autobuses para acudir á manifestación. Segundo explicou Montse Porteiro, coordinadora da Plataforma Sanitaria da Mariña, fletaranse buses desde Viveiro e Ribadeo, en principio. Para reservar praza están dispoñibles os teléfonos 982 140 654, 982 581 861, 667 052 058 e 629 588 833.
O prazo para facer a reserva remata o xoves 29 de xaneiro ás 14.00 horas. Poderá facerse mediante chamada ou por mensaxe de WhatsApp, lembrando que as mensaxes deben recibir confirmación por parte da organización para que a praza quede efectivamente reservada. É necesario indicar nome, contacto e número de persoas que viaxarán.
Desde a plataforma sanitaria animan a toda a veciñanza da Mariña a acudir a Compostela “para demostrar unha vez máis que non imos consentir a destrución da sanidade pública e que o pobo mariñao loita incansablemente cando se atacan os seus dereitos”. “Temos que petar a Praza do Obradoiro de novo”, conclúen.





















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



