O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, interveu esta mañá na Comisión 5ª do Parlamento
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026. O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, remarcou hoxe no Parlamento galego que o programa Hermes, posto en marcha na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos para a integración entre a atención primaria e a hospitalaria, permitiu resolver desde o centro de saúde de Vilalba máis de 800 actos asistenciais o pasado ano, reforzando deste xeito a capacidade resolutiva do centro de saúde.
O director xeral detallou na Comisión 5ª do Parlamento galego que este programa leva varios anos funcionando cun grao de adecuación alto, contando con vías prioritarias de derivación para todas as especialidades de referencia, consultas non presenciais entre médicos de familia e especialistas e circuítos consensuados para pacientes crónicos, mellorando, deste xeito, a continuidade asistencial e evitando desprazamentos innecesarios.
Tamén dixo Alfredo Silva que, no pasado ano, na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, preto de 7.000 pacientes se beneficiaron das vías prioritarias do Hermes, e máis de 21.000 pacientes das consultas non presenciais.
En consecuencia, moitas das consultas que antes obrigaban ao paciente a ir fisicamente ao hospital agora resólvense desde o propio centro de saúde, co apoio directo do especialista, gañando tempo, eficiencia e comodidade para o cidadán.
Na súa intervención, o director xeral tamén remarcou que na última oferta de emprego público do Servizo Galego de Saúde ofertáronse tres prazas de médico de familia para o centro de saúde de Vilalba: dúas delas xa están cubertas e a terceira quedou vacante porque a persoa que resultou adxudicataria optou por continuar noutro centro e, esa praza, será convocada novamente en próximas datas.
O representante de Sanidade incidiu na falta de médicos que está a acontecer en toda España, consecuencia da falta de planificación do Goberno central, que non pon solución a este problema que é da súa competencia.
Mentres o Ministerio de Sanidade non actúa, o Servizo Galego de Saúde está a organizar e planificar co obxectivo de que a cidadanía non quede sen atención, a través de reforzos de profesionais, intersubstitucións ou prolongacións voluntarias de xornada. Isto fai que a demanda asistencial en Vilalba estea cuberta todos os días.
Alfredo Silva detallou que o centro de saúde de Vilalba conta cunha dotación ordinaria de 11 prazas de medicina de familia e, na actualidade, están cubertas de maneira estable máis de sete (quenda de mañá). Ademais, existe outro facultativo que atende as urxencias e demandas derivadas de ausencias, co obxectivo de evitar sobrecargas. A quenda de tarde tamén está cuberta.
Polo que atinxe ao PAC, está totalmente cuberto sen ningunha vacante nin baixa.
Respecto da actividade, durante 2025 realizáronse máis de 76.800 consultas no centro de saúde de Vilalba, unha media de 6.000 ao mes, incluíndo atención domiciliaria.
Servizos especializados
Na súa intervención, o director xeral tamén incidiu nos novos servizos e a ampliación de persoal por parte do Sergas en Vilalba, como a hospitalización a domicilio desde o ano 2021, con 469 pacientes atendidos no pasado ano; a creación dunha nova praza de enfermería en quenda de tarde; a incorporación dunha segunda matrona; e a creación dunha praza de fisioterapeuta. Ademais, disponse periodicamente dos servizos dun nutricionista e dun psicólogo; e púxose en marcha a enfermería de apoio domiciliario que, no pasado ano, atendeu 321 pacientes.
Para rematar a súa intervención, o director xeral de Asistencia Sanitaria dixo que a Xunta seguirá a traballar co obxectivo de estabilizar o cadro de persoal e amosouse convencido de que, coa incorporación dos novos profesionais da oferta de emprego público, se dará un paso decisivo neste sentido.
Así mesmo, incidiu na súa petición ao Ministerio de Sanidade de que poña solución á falta de médicos en determinadas especialidades para poder fortalecer a sanidade pública.





















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



