A Mariña, 21 de outubro de 2026. A Mariña acollerá do 24 de outubro ao 15 de novembro a terceira edición do programa Obradoiros con corazón, unha proposta de lecer no contexto do produto turístico A Mariña Artesá que ten como principal obxectivo coñecer o xeodestino e poñer en valor a súa actividade artesanal a través de experiencias artesás inmersivas. A iniciativa, promovida pola Mancomunidade de Concellos da Mariña co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, ten como principal novidade deste ano a colaboración na organización da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña Lucense.
A presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Rocío López, presentou hoxe esta iniciativa nun acto celebrado en Viveiro no que tamén participaron a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde; o presidente da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña Lucense, Marcelo Scapinachis; e a xefa de área provincial de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, Paloma Vázquez.
Tal e como explicou a presidenta da Mancomunidade na súa intervención, os Obradoiros con corazón desenvólvense no contexto da Mariña Artesá, “o produto turístico da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense que pon en valor a riqueza e a diversidade da artesanía no territorio, dando visibilidade aos seus oficios, ás persoas que os desenvolven e aos coñecementos e técnicas que forman parte da nosa identidade cultural”. Trátase, en palabras de Rocío López, “dunha oportunidade única para coñecer a artesanía da Mariña da man dos seus creadores e creadoras e a través de experiencias auténticas e participativas”.
Desestacionalización e dinamización turística
Nesta edición o programa trasládase ao outono en lugar do verán, xa que o obxectivo é contribuír á desestacionalización turística e á dinamización da Mariña fóra da temporada alta. Así amplíase e diversifícase a oferta turística e de ocio deste xeodestino durante os meses de menor afluencia, favorecendo a actividade estable do sector durante todo o ano; e, ao mesmo tempo, mellórase o coñecemento e a posta en valor deste recurso singular do territorio que é a artesanía, contribuíndo a un modelo turístico máis sostible, equilibrado e apegado ás persoas.
As prazas son limitadas, xa que se trata de garantir unha experiencia próxima e personalizada na que os participantes poidan experimentar de maneira pausada e guiada. Os obradoiros terán un custo de entre 5€ e 10€ e a recadación será investida en accións de promoción da propia artesanía da Mariña. As persoas interesadas poden realizar a súa reserva a través da web:
amarinalucense.gal/gl/a-marina-obradoiros-con-corazon
Nesta terceira edición están programadas 9 actividades diferentes en obradoiros situados en Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Ourol. Serán unhas semanas nas que se poderá practicar desde a elaboración de diferentes pezas de cerámica ata a creación de elementos decorativos típicos do Nadal, así como a creación de xoias de madeira, a técnica cerámica Rakú de orixe xaponesa, a reconstrución de cerámica coa técnica xaponesa do Kintsugi, o traballo da la e a ensamblaxe de madeira, entre outras actividades. Trátase de experiencias creativas inmersivas coas que afondar na creación artesá do territorio.
Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña
A principal novidade desta edición é a incorporación da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña como entidade colaboradora na organización. Os artesáns e as artesás colaboran coa Mancomunidade desde que se iniciou a actividade en torno á artesanía no ano 2011. Foi a raíz da implantación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) e da Estratexia e Plan Operativo de Marketing da Mariña Lucense, no ano 2023, cando se fixo unha reflexión que permitiu revitalizar a súa actividade, impulsar a súa constitución oficial como asociación e promover a súa profesionalización ata convertese, na actualidade, nun produto turístico estruturado e sostible, centrado na experiencia, na identidade local e na participación activa do visitante.
Nesta terceira edición dos Obradoiros con corazón recóllese o éxito das anteriores, nas que se rexistrou un gran resposta por parte do público, confirmando o interese polas experiencias artesás e a consolidación desta oferta como un produto turístico de calidade vinculado á marca A Mariña. No 2025 participaron nas diferentes actividades un total de 100 persoas, contando ademais cunha lista de agarda de 62 persoas.
Programa de actividades Obradoiros con Corazón 2026
VIVEIRO – Sábado 24 outubro 16:00h
Regal Cerámica
Curso de iniciación á cerámica Raku
O Rakú é unha técnica cerámica de orixe xaponesa cunha historia de máis de 500 anos, ligada nas súas orixes á cerimonia do té. Neste obradoiro as persoas asistentes achegaranse á súa historia e, sobre todo, vivirán de preto un proceso de cocción moi diferente ao da cerámica convencional.
As pezas esmáltanse e introdúcense no forno, onde alcanzan altas temperaturas. A parte máis espectacular chega ao sacalas aínda incandescentes e introducilas en serraduras para provocar a redución. O lume, o fume e o choque térmico transforman os esmaltes e fan que cada resultado sexa diferente.
Unha primeira experiencia para descubrir o Rakú, entender o proceso e gozar dunha das técnicas máis sorprendentes da cerámica.
RIBADEO – Domingo 25 outubro 17:00h
Lucía Barro – Serendipia
Creación dun servilleteiro de cerámica decorado mediante a técnica do esgrafiado.
Neste obradoiro os participantes crearán desde cero o seu propio servilleteiro de cerámica e poderán decoralo ao gusto mediante a técnica do esgrafiado. Traballarán sobre a superficie da arxila para crear debuxos, formas e texturas, retirando parte da capa superficial e facendo aparecer o deseño.
Non é necesaria experiencia previa: a actividade está pensada para achegarse á cerámica dunha maneira sinxela, creativa e moi persoal. Todos os materiais están incluídos e o obradoiro está dirixido a persoas a partir de 14 anos.
Ao rematar, as pezas quedarán no taller para completar o proceso de secado, cocción e esmaltado. Poderase recoller ou enviar o servilleteiro máis adiante, xa completamente rematado.
MONDOÑEDO – Sábado 31 outubro 17:00h
Artesanía do pasatempo
Kintsugi, a beleza da imperfección
O kintsugi é unha antiga técnica xaponesa de reparación da cerámica que, en lugar de ocultar unha rotura, destaca as súas cicatrices e convérteas en parte da beleza da peza. Neste obradoiro os participantes coñecerán brevemente a súa historia e esa maneira tan particular de entender a imperfección e o paso do tempo.
Despois reconstruirán unha peza rota, encaixando os fragmentos con paciencia e facendo visibles as unións mediante pigmento dourado. Traballarán cunha adaptación contemporánea do kintsugi tradicional, utilizando resinas modernas que permiten realizar o proceso durante o obradoiro.
Pódese traer unha pequena peza de cerámica rota á que se lle teña cariño ou empregar unha das que haberá preparadas. Todos os materiais están incluídos.
MONDOÑEDO – Domingo 1 novembro 17:00h
Esquina Atlántica
Dende as Venus de arxila ata a maxia do torno de oleiro
Un percorrido pola cerámica a través de dúas das maneiras máis antigas de dar forma á arxila: as mans e o torno. A xornada comezará modelando unha pequena figura inspirada nas Venus do Paleolítico, traballando directamente coa arxila e descubrindo técnicas sinxelas como os beliscos e os rolos.
Despois pasarán ao torno de oleiro para experimentar co movemento: aprenderán a centrar a arxila, abrila e facer medrar as paredes dunha peza. Non é necesaria experiencia previa; trátase de tocar, probar e comprender o oficio desde dentro.
Inclúese a arxila, ferramentas e uso dos tornos. As pezas seleccionadas quedarán no obradoiro para secar e cocer e poderán recollerse ou enviarse unhas semanas despois.
VIVEIRO – Sábado 7 novembro 11:00h
Pura Garra
Caos Poético: obradoiro de creación de pendentes de madeira con transferencia de imaxes
Este é un obradoiro para crear uns pendentes de madeira deixando que a intuición forme parte do proceso. Comezará escollendo as formas e combinando imaxes dunha selección preparada para crear pequenas composicións tipo colaxe. A partir de aí traballarase a madeira e as persoas asistentes aprenderán a transferir as imaxes á súa superficie. Poderán engadir detalles con pintura e probar diferentes acabados ata atopar o resultado que máis lles guste. Finalmente furarán e montarán as pezas para convertelas en pendentes.
Non se trata de repetir un modelo, senón de xogar coas imaxes, as formas e mesmo cos pequenos imprevistos do proceso. Ao rematar, levarán uns pendentes únicos feitos por cada persoa.
RIBADEO – Domingo 8 novembro 16:00h
Raíces Nómadas
Coroa de Nadal de macramé
Neste obradoiro os participantes aprenderán a crear unha coroa de Nadal empregando a técnica do macramé. Partirán dos nós e recursos básicos necesarios para ir construíndo a peza paso a paso, aprendendo a traballar os fíos e a dar forma ao conxunto.
É unha actividade pensada para gozar do traballo manual e descubrir as posibilidades decorativas do macramé mentres se elabora unha peza para levar á casa. Non é necesario ter experiencia previa: o obradoiro é axeitado tanto para quen se achega por primeira vez a esta técnica como para persoas que xa teñen algún coñecemento e queren seguir practicando. A actividade está dirixida a maiores de 16 anos e todos os materiais están incluídos.
MONDOÑEDO – Sábado 14 novembro 17:00h
Miratú Artesanía
Volta á la: fiar e dar forma
Un obradoiro para achegarse á la desde a propia materia e descubrir como se transforma co traballo das mans. Comezará achegando aos asistentes á la en bruto, parcialmente preparada, e aprenderán a fiala utilizando unha roca de man.
Despois empregarán esa mesma materia para crear unha peza propia, dándolle forma e experimentando coas súas posibilidades. A proposta deixa espazo para que cada persoa lle dea un carácter diferente ao seu traballo. Pódense levar pequenos elementos propios —obxectos naturais, anacos de tea, fíos ou outros detalles— e incorporalos á creación para engadir textura e facela máis persoal. Unha experiencia para tocar, experimentar e coñecer a la desde a súa orixe.
OUROL – Domingo 15 novembro 11:00h
Madeiraman
Descubrindo as ensamblaxes en madeira
Neste obradoiro os asistentes achegaranse a unha das bases da carpintaría tradicional: as ensamblaxes, un sistema que permite unir diferentes pezas de madeira sen utilizar cravos. Aprenderán de maneira práctica como se preparan estas unións, traballando o corte e a montaxe das pezas e coñecendo ao mesmo tempo algunhas das calidades dos distintos tipos de madeira.
É unha oportunidade para utilizar ferramentas, entender como traballa un carpinteiro e descubrir a precisión que hai detrás dunha unión aparentemente sinxela. Non fai falta experiencia previa e a actividade está aberta a persoas adultas. As ferramentas e o mandil de traballo serán proporcionados no obradoiro e, ao finalizar, poderase levar para a casa a peza realizada.
TRABADA – Domingo 15 novembro 16:00h
Lucía Catuxo Cerámica
Enmarcando a creatividade: crea o teu propio marco de cerámica para fotos ou espellos
Neste obradoiro os participantes crearán coas súas propias mans un marco de cerámica, pensado para colocar nel unha fotografía ou un espello. Partirán da arxila para darlle forma á peza e despois decorarán ao gusto, buscando un resultado persoal e diferente. A proposta está pensada para experimentar coa cerámica dunha maneira libre, gozar do contacto coa materia e descubrir como unha idea vai tomando forma pouco a pouco entre as mans.
Ao finalizar, a peza quedará no taller, xa que a cerámica necesita completar o seu proceso: primeiro deberá secar durante varios días e despois será cocida nun forno cerámico a 1.000 ºC. Poderá ser recollida ou enviada días máis tarde, unha vez rematada a cocción.





















O lobo, os cabalos e as persoas comparten desde hai séculos un mesmo territorio, unha convivencia que forma parte da realidade do rural e que presenta importantes retos. No marco da programación das San Lucas 2026, o Concello organiza este encontro para reflexionar e dialogar sobre esta situación, escoitar diferentes perspectivas e abordar os desafíos que implica compartir espazo co lobo. A cita terá lugar este mércores 21 de outubro, ás 18:30 horas, no Auditorio Pascual Veiga. Trátase dun tema de grande relevancia para o presente e o futuro do rural.
Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.



