Probablemente, nunca foi tan atinado o slogan «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral» como o vai ser a fin de semana do 25 e 26 de outubro. Dobre función. O venres, ás sete da tarde no Vello Cárcere, convidamos á Gala Mestra e Mestre da Memoria, títulos concedidos a Dorothé Schubart e a Pablo Quintana, e o sábado, a partir das dez horas e no salón de actos da Deputación, desenvolverase a XII Xornada de Literatura Oral co tema «Rimas e letras da música popular. Do romanceiro tradicional ao bravú». Ambas actividades organizadas pola AELG, coa colaboración das áreas de Cultura do Concello e da Deputación, insisten na idea de que Lugo é cidade liberada de prexuízos e reivindica a oralidade como cerna do noso ser cultural.
Distinción de Mestra para a musicóloga suíza, Dorothé Schubart, quen, logo de pasar cinco anos, entre 1978 e 1982, percorrendo Galicia cunha gravadora, deixounos en herdanza a mellor sistematización e transcrición, coa axuda de Antón Santamarina, do corpus das músicas de raíz do noso país, esforzo que se reflicte nos sete tomos publicados pola Fundación Barrié en 1984 baixo o título Cancioneiro Popular Galego. O título de Mestre concedéuselle ao músico, investigador, divulgador e editor, Pablo Quintana, un asturiano afincado desde mozo en Galicia, temporalmente en Lugo, que, ademais de editar O cego andante en 1982, salvou da desmemoria do noso inmaterial, entre outros méritos, as coplas do cego Florencio da Fontaneira e as músicas da pandereteira Eva Castiñeira. Xusto e necesario recoñecemento a dous imprescindibles na historia e transmisión da música tradicional.
O sábado dedicamos a xornada ás letras vinculadas á música popular. Un simposio no que van intervir, por esta orde, José Luis Forneiro, profesor da USC e un dos grandes especialistas no romanceiro galego e ibérico, e Dorothé Schubart, que levará á palestra a relación entre texto e melodía, amais dalgunhas descubertas feitas por ela no traballo realizado entre nós hai xa 40 anos. Ambos partillarán en mesa redonda aberta sobre rimas e melodías.
A sesión da tarde ábrea Xurxo Souto, recoñecido estes días en Láncara co premio Facer País, que nos levará da romaría á festa e da movida ao bravú, un movemento este na música popular galega que botou a andar da década dos 90 con grupos como Os Resentidos ou Os Diplomáticos de Monte-Alto. E rematarán os relatorios, que non a xornada, coa intervención da lucense Branca Villares, profesora da Tradescola que ademais imparte clases de baile, canto e pandeira por centros escolares e a diversos colectivos de toda a provincia; falaranos da pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas da montaña luguesa.
E tras a mesa aberta que compartirán Xurxo e Branca, cerrarase a xornada cunha sesión práctica a cargo, precisamente, do profesorado e alumnado da Tradescola de Lugo, un centro de formación de prestixio recoñecido polo respecto que guía o seu labor docente na transmisión de materias como a gaita, requinta, zanfona, acordeón, pandeireta, linguaxe musical ou canto.
Se desexa asistir a calquera destes actos ou aos dous, pode facelo libremente. Se desexa que lle conste no currículo a súa presenza na xornada do sábado debe inscribirse, ben a través da AELG (aelg.gal) ou da AS-PG (as-pg.gal). Quizais nunca Lugo gozou de tanta e tan boa oralidade musicada como a que se nos ofrece esta fina de semana!
Antonio Reigosa
Vogal responsabel da sección Literatura Oral da AELG



















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



