A Coruña, a 6 de xullo de 2020. Esta mañá, a CIG fixo público o informe xurídico elaborado polo profesor titular de Dereito Administrativo UdC, Carlos Aymerich, a respecto da posibilidade e as modalidades da adquisición pública das factorías de aluminio primario de San Cibrao, A Coruña e Avilés, como vía para manter a actividade e o emprego nun sector considerado estratéxico. Esta intervención resulta plenamente conforme ao ordenamento español e europeo e podería facela tanto a Administración estatal, como a galega ou ambas as dúas.
O documento foi solicitado pola central sindical e vén completar e actualizar o informe previo elaborado por Aymerich, tamén a petición da CIG, tendo en conta a situación da planta de Alcoa San Cibrao, o incumprimento das condicións de venda das factorías da Coruña e Avilés e os cambios na UE a raíz da crise sanitaria da Covid19.
Nin a Xunta nin o Goberno español teñen actuado
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que “en abril de 2019 presentamos o primeiro Informe sobre adquisición pública das factorías de Alcoa A Coruña e Avilés, e hoxe actualizámolo sobre a dramática realidade en San Cibrao”. Lembrou que daquela, a central nacionalista remitiulle o parecer xurídico ao presidente da Xunta, á ministra de Transición Ecolóxica e á ministra de Industria, “sen que a día de hoxe tiveran dado ningún paso, máis ben ao contrario. O lamentábel papel da Xunta de Galiza e do Goberno español ten creado as condicións para a tormenta perfecta que nos pode levar á ruína”.
Carril criticou a negativa do Goberno español a derrogar a reforma laboral, cando menos aqueles artigos que impidan que as empresas de forma unilateral e sen autorización administrativa poidan despedir, ao que hai que sumar “o atraso e as mentiras acumuladas que fan que sigamos sen ter un marco enerxético para a industria electrointensiva estábel e competitivo”.
O aluminio e a enerxía, continuou, son sectores estratéxicos en Galiza, pero neste momento está en risco a súa continuidades “sen que desde o Goberno galego se teña tomado nin unha soa iniciativa para impedir o peche das empresas polo alto prezo da enerxía”. Unha realidade “inxustificábel”, denunciou, cando Galiza é excedentaria na produción, “cando padecemos o espolio e o dano ambiental e social que implica esta actividade, mais sen obter ningún tipo de proveito para o noso desenvolvemento industrial e para a xeración de emprego digno”.
“É intolerábel que sigan facendo ouvidos xordos, esta indolencia e inacción do Goberno español e galego por impedir o peche das fábricas de aluminio. Non podemos permitir esta nula vontade política por resolver unha situación que pon en risco miles de postos de traballo e que constitúe un golpe mortal para A Mariña e para Galiza”, aseverou Carril.
Por iso, a CIG reclama ao Goberno galego e ao Goberno español actuación rápidas e decididas “para intervir publicamente as fábricas por calquera das vía que legalmente está demostrado son posíbeis, porque é a única vía a día de hoxe para garantir o emprego, a actividade produtiva do aluminio e que as cubas non paren en San Cibrao”.
A este respecto, o secretario xeral da CIG advertiu que “canto máis tarden en actuar, canto máis deixen pasar o tempo que non temos, máis avanzará Alcoa na aplicación na desfeita laboral e social que ten posta en marcha. Levamos un ano perdido, porque de terse intervido A Coruña e Avilés, afrontaríamos a situación de San Cibrao con máis capacidade de éxito”.
Nesta liña, Águeda Montero, delegada da CIG en Alcoa San Cibrao, reclamou a intervención con urxencia porque “co ERE enriba da mesa non temos tempo para desenvolver a proposta que presentou o Ministerio nin materializar outras solucións”. Julio Moskowich, delegado da central en Alu Ibérica, aseverou que “sería imperdoábel que se perdera a produción de aluminio primario en Galiza” e alertou da enorme incerteza que pesa sobre a planta Coruña tras os incumprimentos de Parter no plan industrial e a dubida adquisición de Industrial Riesgo. “Moito nos tememos que haxa unha descapitalización da empresa e non se cumpra nin un só dos compromisos. A intervención é a única saída”, sentenciou.
Toma do control público das plantas para salvagardar un sector estratéxico
Pola súa banda, Carlos Aymerich reiterou que, dende o punto de vista legal, non hai impedimento no dereito español nin europeo para que os gobernos interveñan as factorías de aluminio, “pero precísase é vontade política”. Salientou que os poderes públicos galego e español poden recorrer á recapitalización ou á toma de control público das plantas para garantir garantir o mantemento da actividade e o emprego.
Sobre a recapitalización, referiuse ás medidas de aprobadas pola UE en maio para a entrada dos poderes públicos no capital das empresas, especialmente naquelas que operan en sectores considerados estratéxicos, como é o sector do aluminio. Unha tendencia que xa viña dándose en varios estados da Unión e que a pandemia acentuou. Explicou o profesor que a planta de Alcoa San Cibrao podería beneficiarse destas axudas de recapitalización, aplicábeis tanto polo goberno galego como o español, ou ambos os dous en conxunto, na procura dun socio industrial solvente. Esta operación, matizou, tería que ser solicitada de forma expresa pola empresa e requiriría da súa colaboración.
Pero no caso de que Alcoa decidira pechar ou reducir substancialmente a produción de aluminio primario, negándose a cooperar para manter a actividade produtiva, as Administracións “debería empregar todos os medios que o ordenamento lles habilita, entre eles a nacionalización da fábrica. Por moitos menos cartos do que custou o rescate das autovías radiais de Madrid pódese garantir a produción de aluminio primario e os postos de traballo”, afirmou.
Esta nacionalización xustificaríase en aras do salvagardar o interese xeral e a utilidade social destas instalacións, atendendo ao elevado volume de emprego, a completar o ciclo produtivo ou á importancia da produción do aluminio para sectores como o automobilístico, aeroespacial, construción naval, edificación, etc. Esta intervención tamén é extensíbel ás fábricas de aluminio primario da Coruña e Avilés.
A nacionalización, aclarou, “podería efectivizarse a través dos procedementos xerais previstos na Lei de Expropiación Forzosa ou por medio dunha lei que articulase un procedemento expropiatorio específico”. Neste suposto, subliñou Aymerich, Alcoa estaría obrigada a prover de alúmina ás plantas en condicións de mercado.






















A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



