Campos Conde concorre a estas eleccións municipais “con máis ilusión ca nunca” e co respaldo dun equipo consolidado que “levamos traballando moitos anos xuntos, o que nos dá unha gran experiencia de xestión”
A Pontenova, 17 de maio de 2023. O candidato do PSdeG-PSOE e Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, aspira á reelección na vindeira cita electoral do 28 de maio, “para seguir facendo proxectos que cambien para mellor a vida dos nosos veciños e veciñas, entre eles, abrir o novo Centro de Atención a Maiores que dará resposta a unha das necesidades sociais máis grandes que temos hoxe na localidade”.
Así o manifestou ante unha Casa da Cultura chea de veciños e veciñas que acudiron a este encontro socialista celebrado este mércores á noite no que, xunto ao Alcalde, participaron a Deputada no Parlamento de Galicia Patricia Otero e a primeira Tenente de Alcalde da Pontenova, Isabel Couto, que repite como número dous na candidatura socialista da localidade.
Campos explicou que a residencia pública que está construíndo a Deputación en colaboración co Concello na Chousa de Abaixo de Vilaoudriz, “quedará rematada nun ano”. Puxo o foco en que funcionará seguindo un modelo propio que ten a institución provincial, que radica en ser centros de pequeno tamaño e cunha atención de alta calidade moi próxima á xente. “Queremos que as nosas persoas maiores queden a vivir preto da casa e dos seus veciños, evitando ante todo que teñan que marchar lonxe de aquí, e a maiores, esta residencia creará novos postos de traballo na Pontenova”.
Restaurar a Ferrería de Bogo
Entre as súas prioridades para o próximo mandato atópase a restauración da Ferrería de Bogo, “que está practicamente caendo e vaina comprar o Concello para restaurala”. “Será un dos nosos obxectivos para seguir fomentando un turismo de calidade, como fixemos, por exemplo, coa Tirolina das Minas”, engade.
Tamén se marca entre os seus propósitos continuar mellorando as vías de comunicación, agardando no vindeiro ano contar con banda ancha en todo o termo municipal, o que será “un reclamo para que a xente poida teletraballar con mellores condicións e o que axudará ao asentamento de novas empresas e a fixar poboación no territorio”.
Outro dos eixos será continuar renovando os accesos, o saneamento municipal, a construción de depósitos de auga en Dodrín e Foxas, ademais da substitución do alumeado municipal por luminarias led, entre outros novos servizos para as parroquias do municipio.
Unha Pontenova mellor
Darío Campos leva á fronte do Goberno da Pontenova dende o ano 2007 e dende entón o concello “cambiou moito, fíxose un cambio na fisionomía do pobo en moitos sentidos e hoxe presenta unha imaxe renovada, con beirarrúas renovadas, vías de comunicación novas e moitos proxectos realizados que melloran o día a día dos veciños e veciñas”.
“Ao longo destes 16 anos tivemos a oportunidade de priorizar novos proxectos que contribuíron a realzar a nosa vila, como por exemplo o acondicionamento do encauzamento do río e as obras na Praza dos Fornos, así como o impulso doutros recursos educativos e culturais, como a Escola de Música e a de Teatro, e tamén, a posta en marcha do PAI, pero aínda nos quedan moitas propostas que realizar. Por iso, queremos seguir camiñando nesta senda de crecemento”, subliñou.
Campos afirmou que conta con novas ideas, que levará á práctica cun “bo equipo, o mellor, que xa está consolidado e que levamos traballando moitos anos xuntos, o que nos dá unha gran experiencia de xestión”. “O máis importante é que estamos con máis ilusión ca nunca por facer que A Pontenova avance”, manifestou o socialista.
Candidatura socialista da Pontenova ás eleccións municipais
A lista electoral do PSdeG na Pontenova está formada polos seguintes candidatos e candidatas:
1. Darío Campos Conde
2. Isabel Couto González
3. Francisco Martínez Bermúdez
4. Manuel Alonso López
5. Francisco Javier Rois Freijo
6. Jesús Cabodevila Fernández
7. María José Canto Seijo
8. Ana Belén Quintela López
9. José María Fernández Navais
10. Eliseo Villarino Méndez
11. Justo Maseda Fernández
Suplentes: José Ramón Uria Alonso, David García Miranda e Carlos Traviesas Sampedro.
























En total foron ofertadas preto de 80 prazas de surf, piragüismo e vela, destinadas a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos. As escolas desenvolvéronse en diferentes quendas nos meses de xuño e xullo. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou “a importante participación da rapazada ribadense nas escolas deportivas de verán, que organizamos desde o Concello de Ribadeo coa axuda dos clubs que as impartiron. Queremos agradecer ás familias a confianza depositada nas nosas actividades, que lles serviron aos asistentes para practicar deporte na auga e para pasar uns días aprendendo e perfeccionando técnicas”.
No encontro mantido na sede da delegación territorial da Xunta en Lugo, no que tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro. abordáronse liñas de cooperación para a mellora de Infraestruturas e de seguridade viaria, de interese para este municipio. O departamento que dirixe M. Allegue segue prestando apoio aos municipios para executar actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a reforzar a competitividade económica.
Xa se poden ver auténticas "artistadas", todas coas serea como protagonista, enchendo o ambiente desa creatividade tan propia da celebración.
O corte estará vixente entre as 00:00 e as 05:00 horas da madrugada do venres 7 ao sábado 8 de agosto, co obxectivo de garantir a seguridade das persoas asistentes e o correcto desenvolvemento do evento, que terá lugar nos Xardíns Noriega Varela. Desde o Concello de Viveiro solicítase a colaboración da veciñanza e das persoas condutoras, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e utilizar itinerarios alternativos durante o tempo que permaneza vixente esta restrición.
Os deslizadores acuáticos enchen de diversión a praia dos Bloques. Onte, martes, estiveron operativos pola tarde e hoxe, mañá e o venres estarán dispoñibles de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a achegarse á praia dos Bloques a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. Hóuboas para todos os gustos e idades tanto na pista multideporte como na praia dos Bloques. Agardamos que disfruten estes días cos deslizadores acuáticos, xogando e pasando un mes de agosto o máis divertido posible”.
A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.



