Verónica Soto explica que “volveron deixar escapar subvencións que eran importantes para o deporte focense” e asegura que “non por ter máis concelleiros e dedicacións o Concello vai mellor”
Foz, 17 de outubro de 2023. O PP de Foz subliña unha nova mostra máis de “deixadez do goberno local” por non ter solicitado unha subvención á Xunta de Galicia para un novo videomarcador electrónico para o pavillón de Marzán, tal e como o confirmou o concelleiro de deportes do BNG no último pleno.
Os populares condenan a “desculpa” do BNG asegurando que “non se solicitou porque a subvención non é total, cando todos sabemos que hai poucas axudas que sexan do 100%”. E, neste caso, “con esta axuda poderíase adquirir a moi pouco custe para o Concello un videomarcador electrónico para o pavillón de Marzán”.
Os populares tiñan instado ao goberno local a través dun rogo hai varios meses a solicitar esta axuda atendendo ao que nos tiñan pedido dende o CB Celtas; xa que “o pavillón de Marzán ten un marcador electrónico desfasado mentres que outros pavillóns teñen videomarcador electrónico que, incluso, serve para proxeccións audiovisuais”.
A concelleira Verónica Soto explica que “volveron deixar escapar subvencións que eran importantes para o deporte focense”. Así, asegura que “non por ter máis concelleiros e dedicacións o Concello vai mellor”.
De feito, “a falta de xestión do goberno bipartito ten como resultado a perda dunha oportunidade para que os nosos clubs contaran coas dotacións á súa altura” sobre todo tendo en conta que “se trata de equipamentos solicitados polos propios usuarios que resultaría positivo para todo o Concello”.



























O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.
O campo de fútbol do Cascabeiro acolleu o pasado sábado a III Festa do Mexillón, organizada polo Celta Barreiros. Centos de persoas achegáronse a gozar dunha tarde de gastronomía e de música. En total foron servidas 670 racións entre veciñanza e visitantes, que saborearon mexillóns e lacón. Os organizadores amosasen satisfeitos da acollida: “estamos contentos pola boa resposta dos asistentes”. E tiveron palabras de agradecemento “para os Concellos de Barreiros e de Foz pola boa colaboración”.



