Burela, 6 de decembro de 2024. A Fundación Expomar organizou este xoves 5 de decembro a segunda edición do chamado “Día do Orgullo Mariñeiro”, que volveu combinar a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar.
Esta celebración naceu hai un ano para poñer en valor a importancia da cultura mariñeira de Burela, polos 101 anos recentemente cumpridos de historia da confraría de pescadores, pola importancia da lonxa de Burela a nivel rexional, nacional e europeo, pola relevancia dos provedores locais no comercio pesqueiro ou pola puxanza do sector estaleiro, entre moitos outros activos non materiais.
A xornada comezou ao mediodía con “Orgullo Mariñeiro nas Escolas”, unha iniciativa coa que a Fundación Expomar repartiu nos comedores escolares de oito colexios públicos de toda A Mariña Lucense máis de 700 racións de filetes de “Merluza de Burela” nos seus menús do día.
A presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, e o director xeral de pesca da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, participaron na xornada visitando a cociña do colexio CEIP Península da Paz de San Cibrao e o comedor escolar do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Burela. Nestas visitas estiveron acompañados da alcaldesa de Cervo, Dolores García, da xefa territorial da Consellería do Mar, Mariña Gueimunde, e do xerente da Fundación Expomar, José M. Gonzáles “Brais”.
Os centros educativos que recibiron pescada da lonxa de Burela nos seus comedores a través das empresas habituais de cáterin, Eurest e Twitty, foron o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme e CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela; o CEIP Plurilingüe de Foz Número 1; o CEIP Península da Paz de San Cibrao; a Escola de Educación Infantil San Roque, o CEIP Lois Tobío e o IES María Sarmiento de Viveiro; e o CEIP Antía Cal Vázquez de Muras.
A segunda parte da xornada, “Orgullo Mariñeiro na Memoria”, celebrouse pola tarde no auditorio da Casa dá Cultura de Burela e consistiu nunha charla-coloquio titulada “Mirando a popa e mirando a proa”, guiada por Martín Piñeiro, subdirector do Correo Galego, na que distintas persoas vinculadas á historia do Mar de Burela falaron das súas experiencias.
As charlas dividíronse en dous bloques: en “Mirando a popa” fíxose unha retrospectiva da historia do porto de Burela, coa intervención de Herminia Pernas, cronista oficial de Burela; Loli Sueiras, familia de mariñeiros e armadores; Narciso González, primeiro concelleiro de Mar de Burela; e Manolo Casas, mariñeiro sobrevivente do naufraxio do “Reina Victoria”.
A continuación, en “Mirando a proa” púxose en valor a importancia actual do porto de Burela e do seu futuro, coa intervención de Abelardo Basanta, presidente de ABSA; Xusto García, xefe de cuberta da lonxa ABSA durante 25 anos; Begoña Pernas, presidenta da cooperativa de estibadoras “O Cantiño”; e Basilio Otero, patrón maior de Burela, presidente da federación provincial de Lugo e presidente da federación nacional de confrarías de pescadores.
Durante o evento proxectáronse diferentes imaxes da historia do porto de Burela, un audiovisual sobre Armadores de Burela e un fragmento do documental gañador en 1996 dun certame autonómico de vídeos do mar: “El mar nuestro de cada día”, con imaxes de Sergio López Maseda e montaxe de Julio López.
O broche final á xornada cultural puxérono o director xeral de Pesca da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, e a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López.
A continuación, “Orgullo Mariñeiro Musical” coa actuación do grupo musical “Medio Quinhón”, que serviu de ligazón entre o acto no auditorio e a festa gastronómica, xa que acompañaron ao público desde a Casa da Cultura ata a carpa na Praza da Mariña.
Alí iniciábase pasadas as 8 dá tarde “Orgullo Mariñeiro na Praza”, unha celebración gastronómica popular dentro da carpa de Nadal de Burela, cunha degustación gratuíta de diferentes pratos elaborados coas principais especies da lonxa de Burela: empanada de Bonito de Burela, salpicón de pescada e Merluza de Burela en salsa.
Como novidade este ano celebrouse tamén o “Orgullo Mariñeiro nos Bares”, uníndose á promoción gastronómica 15 locais de hostalería de Acia Burela, co obxectivo de ir abrindo cada vez máis esta celebración a máis xente e poder chegar a todos os públicos, e que ofreceron diferentes tapas e pratos de “Merluza de Burela”.
Desde a xerencia da Fundación Expomar agradécese toda a colaboración prestada desde a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, do Concello de Burela e de todas as entidades que forman o Padroado da Fundación, sen a que non sería posible levar a cabo este tipo de iniciativas.
Esta acción está organizada pola Fundación Expomar coa colaboración do Concello de Burela, e cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).






















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



