Pídelle ao titular da Xunta que escoite o clamor social e rectifique en lugar de responder con desprezo e insultos aos galegos e as galegas
Santiago de Compostela, 26 marzo 2025. A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de enganar á cidadanía tapando con “bulos, mentiras e manipulacións” a “bomba ambiental” de Altri demostrando unha vez máis que son “o Partido Popular do bulo e da mentira”.
Pontón desmontou na sesión de control un a un todos os enganos do Executivo do PP sobre o proxecto da multinacional portuguesa, a comezar polo primeiro de todos, “o que chegou co seu xefe de filas antes de marchar a salvar a política madrileña”, recalcou en clara referencia a Alberto Núñez Feijóo, quen anunciou no seu día un “complexo de fibras téxtiles” cando, na realidade, era unha macrocelulosa, tal e como quedou recollido no DOG.
O seguinte bulo do PP ao que aludiu a portavoz nacional foi o do emprego, anunciando a creación de 2.500 postos de traballo directos que logo pasaron a ser directos e indirectos e que, agora e como moito, a empresa di que “serán 500 no papel”, unha cifra que, subliñou, contrasta cos máis de 4.000 empregos que hai na comarca de Arzúa-Ulloa no sector do agro e os 19.000 da ría de Arousa que os populares poñen en risco coa macrocelulosa.
Pontón tamén desmontou o terceiro gran bulo que o PP repite sistematicamente, tal e como volveu facer o propio Rueda nesta sesión de control, sobre un suposto cambio de opinión do BNG, cando o que se aprobara no seu día no Parlamento fora “unha planta de fibras téxtiles na provincia de Lugo” e non unha macrocelulosa.
“Iso o 8 de febreiro de 2022 e vostedes seguiron co bulo e a ocultación, enganando á cidadanía até que pasaron as eleccións”, recriminou ao titular do Executivo, a quen acusou de “coidarse moi ben” de non publicar antes das eleccións galegas o proxecto de Altri, “porque se descubría o bulo da fábrica das fibras téxtiles que era unha macrocelulosa que viña a contaminar o País”, recalcou.
“Hai que ter valor para ser do Partido Popular e vir aquí a falar de bulos cando son o Partido Popular do bulo e da mentira”, acusou á bancada dos populares, aos que recordou que “mentiron no 11-M, mentiron no Prestige, mentiron con Alvia, mentiron cos pellets e agora volven mentir con Altri”.
Roza a prevaricación
A líder nacionalista reiterou que a macrocelulosa “é un atentado ecolóxico en contra de Galiza” que a cidadanía galega, e o BNG con ela, non lle vai permitir a un Rueda que repite como un mantra que estamos ante unha decisión técnica “cando todo o mundo sabe que esta é unha decisión política tomada polo seu Goberno, que mesmo aproba normas a medida da macrocelulosa”. “No seu empeño por ser o comercial de Altri está vostede rozando a prevaricación”, advertiulle.
Pontón alertou tamén sobre o verdadeiro motivo que hai na chegada a Galiza da multinacional portuguesa e que non é outro que o de vir aquí a “buscar os eucaliptos que non poden plantar en Portugal”, logo da prohibición desta especie decidida polo país veciño tras a tráxica vaga de lumes de 2017 que levou por diante a vida de 111 persoas.
“De verdade está disposto a converter Galiza nun gran eucaliptal e os nosos montes nun polvorín en pleno cambio climático? A impoñer unha macrocelulosa que envelenaría o río Ulla e a ría de Arousa poñendo en risco miles de postos de traballo na terra e no mar?”, cuestionou Pontón a Rueda nunha sesión de control na que tamén lle repetiu a mesma pregunta que o titular
do Executivo leva meses sen querer responder: “Se a macrocelulosa é tan boa, por que non a queren en Portugal?”.
Pontón considerou “lamentable” ver ao presidente da Xunta “facendo de comercial de Altri de despacho en despacho en Madrid e en Bruxelas” para pedir 250 millóns de euros para unha empresa “que vai contaminar o País e que pon en risco máis emprego do que promete e do que anuncia”.
Neste contexto, pediulle unha vez máis a Rueda que escoite o clamor social e rectifique, na vez de responder con “desprezo e insultos” aos milleiros e milleiros de galegos e galegas que se manifestan en contra da macrocelulosa, acusándoos de “alborotadores e propagadores de bulos” ou de “desinformados e manipulados” e dos que o PP mesmo se mofa en sede parlamentaria ao dicir que “queren volver aos castros”. Toda unha declaración de intencións que demostra, sintetizou, que estamos ante “o Partido Popular máis ultra, máis antidemocrático e máis antigalego” da historia.
Logo de recordarlle que “rectificar é de sabios”, a portavoz nacional reclamoulle ao titular do Executivo un cambio de posición para frear esta bomba ambiental porque senón, afondou, “a cidadanía deste País non lle vai perdoar nin a súa deslealdade, nin a súa traizón a Galiza”. En todo caso, advertiu que a cidadanía, e o BNG xunto a ela, vai gañar esta batalla, “pese ás súas mentiras e as súas manipulacións”.
A líder nacionalista ironizou coa referencia á melancolía do presidente da Xunta durante o debate parlamentario. “A súa melancolía vémola na política industrial, cando quere traer aquí o franquismo industrial e, 60 anos despois, unha nova Ence”, reprochou a un Rueda a quen recordou que “iso non é futuro para este País” e fronte ao que confrontou o modelo do BNG, que pasa polo apoio ás empresas tecnolóxicas e de vangarda ou á produción de alimentos, sector estratéxico para o desenvolvemento económico e social galego.
Neste contexto, amosou o seu desexo de ver algún día en Galiza a mesma imaxe que mostrou durante o debate cun presidente de Portugal “perseguindo os eucaliptos coas súas propias mans porque os acusaba dos incendios que provocaron”. “Non converta Galiza nun eucaliptal, pense no futuro dos nosos fillos e fillas”, reiterou ao titular do Executivo para concluír a súa intervención.




















Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
O tráfico estará regulado por semáforos e está previsto que este venres rematen as obras.
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.



