Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2025. A directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, Elsa Quintas, trasladoulle á conselleira do Mar, Marta Villaverde, as queixas recibidas pola Mesa pola Normalización Lingüística, a través da Liña do Galego e do propio Observatorio, respecto dun libro dirixido ao público infantil que semella estar en galego, mais os nomes dos peixes están todos en castelán e que foi recentemente enviado aos concellos para que sexa difundido nos colexios.
Quintas solicítalle a Villaverde “que tome as medidas necesarias para corrixir esta situación e evitar que se repita no futuro” e advírtelle que “promover o desuso dos nomes galegos dos peixes só pode levar á súa extinción”. Neste sentido, a vicepresidenta da Mesa recorda que, “perante a dúbida, existen recursos para consultar ao respecto e, especialmente, no caso da infancia, A Mesa pola Normalización Lingüística editou no 2016 o libro Os peixes e outra fauna mariña”.
O presidenta da Mesa, Marcos Maceira, recorda que esta semana o secretario xeral de política lingüística, Valentín García, anunciou medidas como “aproveitar os servizos de bibliotecas para distribuír material lúdico que beneficie a lingua”. “Esta publicación”, lamenta Maceira, “demostra o desleixo e nulo interese da Xunta en reverter a emerxencia lingüística”. “Anuncian unhas medidas e despois, na práctica, fan o contrario”, sentencia.
A Mesa pola Normalización Lingüística ten entre as súas liñas de traballo asesorar, informar e tramitar parabéns ou queixas sobre os dereitos da comunidade lingüística galega. A entidade recorda que o Estatuto de Autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego” e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.
Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.
Ademais o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (de aquí en diante PXNLG) establece no seu obxectivo 2.1.25. “Fomentar a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, na perspectiva de que este se converta no idioma de base da aprendizaxe escolar” e no 2.1.33. “Promover plans de lectura mediante técnicas de animación nas bibliotecas do centro e das aulas, aproveitando o protagonismo social que acadou nas últimas décadas a literatura infantil e xuvenil en lingua galega.” Tamén incluía este Plan nos seus obxectivos específicos (medida 4.1b) a necesidade de “Incrementar os recursos lingüísticos e ofrecer as ferramentas tecnolóxicas que permitan que a empresa desenvolva a súa actividade en galego” e (medida 5.1.9) “potenciar a presenza do galego nas publicacións científicas e de divulgación editadas en Galiza).
Cómpre lembrar tamén as Recomendacións de obrigado cumprimento do Consello de Europa que engadían no seu Informe de avaliación a medio termo do 5º ciclo de avaliación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas que “o ensino debe ter o galego como lingua de instrución” e, no 6º informe instaba o goberno a “desenvolver materiais educativos en lingua galega, para a educación técnica e vocacional”.
Achegamos unha das imaxes do libro denunciado a través da Liña do Galego e do Observatorio de dereitos lingüísticos. Tedes tamén dispoñíbel para descarga un vídeo con declaracións do presidente da Mesa. Agradecemos a difusión e quedamos á vosa disposición para calquera aclaración.



















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



