O Vicedo, 17 de novembro de 2025. O Grupo Municipal Socialista do Vicedo vén de presentar unha moción coa que insta á Xunta de Galicia a incluír nos orzamentos de 2026 os investimentos que o concello precisa e que, un ano máis, non aparecen recollidos nas contas autonómicas. A iniciativa recolle as denuncias realizadas pola agrupación hai unhas semanas, cando advertiran de que o Vicedo quedaba “completamente excluído de calquera investimento significativo” por parte do Goberno galego.
Os socialistas insisten en que esta situación non é nova, senón “un abandono evidente que se repite exercicio tras exercicio e que perpetúa un desequilibrio territorial inxusto e prexudicial”. “As contas da Xunta para 2026 volven deixar fóra actuacións imprescindibles para o desenvolvemento e o benestar da nosa veciñanza”, lembran.
A moción presentada polo PSdeG recolle unha relación clara de actuacións prioritarias que deben incorporarse aos orzamentos autonómicos: a mellora integral da estrada LU-862, a execución de proxectos de saneamento e abastecemento, o apoio á posta en marcha do centro de día, a reforma integral do porto e a inclusión de O Vicedo na planificación da Vía de Alta Capacidade (VAC) da Mariña.
Un dos puntos centrais da moción é a ausencia de partidas para mellorar as infraestruturas viarias autonómicas, en particular a LU-862, cuxo estado é deficiente no tramo que une O Vicedo co límite provincial, mentres que nos concellos veciños xa foi arranxada. Os socialistas subliñan que “esta actuación é imprescindible e segue sen recibir atención por parte da Xunta”.
A proposta sinala tamén a falta de recursos para mellorar o saneamento e o abastecemento, que presentan carencias importantes en varias parroquias. Os socialistas lembran que se trata dunha infraestrutura “básica e inescusable”, e que, mentres a Xunta fala de reto demográfico e igualdade territorial, “O Vicedo continúa sen o investimento necesario para modernizar e completar a súa rede, asumindo consecuencias ambientais, sanitarias e urbanísticas que penalizan o seu futuro”.
A iniciativa tamén denuncia a ausencia de apoio económico para abrir e poñer en marcha o centro de día, unha infraestrutura social prioritaria para un concello cun alto índice de envellecemento. “Non se pode presumir de políticas sociais mentres se mantén bloqueada unha instalación imprescindible como é o centro de día”, subliñan.
Outro dos puntos destacados é a situación do porto do Vicedo, que continúa precisando unha reforma integral -de competencia autonómica- para mellorar a seguridade e potenciar a actividade pesqueira e turística. Os socialistas lembran que “un porto estratéxico como o do Vicedo non pode seguir fóra de calquera planificación realista”.
Ademais, o PSdeG reclama que o municipio sexa incluído na planificación e execución da VAC da Mariña. Esta exclusión, xa denunciada publicamente pola agrupación, “condena O Vicedo a unha posición periférica no mapa das comunicacións do norte da provincia” e evidencia que “sen boas conexións non hai futuro posible”.
A moción solicita dar traslado destas demandas á Presidencia da Xunta de Galicia, ás consellerías competentes e aos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia.
“O Vicedo merece máis. O Vicedo tamén é Galicia e ten dereito a recibir os investimentos que lle corresponden”, subliñan desde o PSdeG-PSOE. “Esta moción non é un xesto simbólico, senón unha cuestión de dignidade colectiva e de xustiza coa nosa veciñanza. O noso concello leva demasiado tempo agardando o que lle pertence por dereito, e imos seguir reclamándoo con firmeza ata que a Xunta asuma as súas responsabilidades”.





















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



