A alcaldesa, Marta Rouco, recibiu a Jordi Hereu na Casa do Concello e acompañouno durante unha visita na que puido coñecer proxectos estratéxicos para o presente e o futuro do municipio
Vilalba, 16 de xullo de 2026. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, recibiu hoxe na Casa do Concello ao ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, nunha visita institucional que serviu para amosarlle algúns dos proxectos e investimentos que están a contribuír á transformación e ao desenvolvemento do municipio nos ámbitos da modernización dos servizos públicos, a industria e o turismo.
Durante a recepción institucional, o ministro asinou no Libro de Honra do Concello e percorreu as instalacións da Casa do Concello, recentemente sometida a unha rehabilitación integral a través do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), cun investimento superior aos 1,1 millóns de euros.
A actuación permitiu modernizar e mellorar a eficiencia enerxética do edificio mediante a instalación de placas solares fotovoltaicas, a renovación integral da iluminación con tecnoloxía LED e a mellora da envolvente exterior. Ademais, incorporáronse medidas orientadas á accesibilidade e á mellora da atención á cidadanía, como a implantación dun sistema de orientación guiado por cores e a adaptación dos espazos para persoas con mobilidade reducida.
Posteriormente, a alcaldesa acompañou ao ministro na súa visita ás instalacións de Entrepinares, no polígono industrial Sete Pontes, onde a compañía prevé investir 20 millóns de euros para a implantación dunha nova liña de produción de queixo cottage cunha capacidade superior aos 7 millóns de quilos anuais.
O proxecto permitirá a creación de arredor de 60 postos de traballo vinculados a esta nova actividade, consolidando o papel de Vilalba como un polo industrial e agroalimentario destacado en Galicia.
A alcaldesa, Marta Rouco, destacou que “Vilalba está demostrando que conta coas condicións necesarias para atraer investimentos, xerar emprego e ofrecer oportunidades ás persoas que queren desenvolver aquí o seu proxecto de vida”. Engadiu tamén que “a aposta de empresas como Entrepinares por seguir medrando en Vilalba é unha mostra da confianza no potencial industrial e humano do noso municipio”.
A xornada concluíu no Parador de Vilalba, onde o ministro puido coñecer os traballos de conservación e posta en valor realizados recentemente na Torre dos Andrade, símbolo da vila e un dos principais referentes patrimoniais e turísticos da comarca. Estas actuacións supuxeron un investimento próximo aos 950.000 euros, financiados a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos europeos Next Generation xestionados por Turespaña.
Marta Rouco destacou finalmente que “a visita permitiu amosar unha imaxe moi representativa da Vilalba actual: unha vila que moderniza os seus servizos públicos, que continúa xerando actividade económica e emprego e que aposta tamén por conservar e poñer en valor o seu patrimonio e os seus recursos turísticos”. A alcaldesa agradeceu ao ministro a súa visita ao municipio e o interese mostrado polos proxectos que se están a desenvolver, así como o compromiso do Goberno Central co impulso de iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico e social do territorio.



















Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
Solicítase á veciñanza que retire os vehículos estacionados nesta zona durante a mañá do martes, co fin de facilitar o desenvolvemento dos traballos. A Policía Local colocará esta tarde a sinalización informativa correspondente. Durante as actuacións poderán producirse cortes puntuais de circulación, procurando facilitar o acceso aos garaxes da zona. A duración dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas e da súa evolución. O Concello de Viveiro agradece a colaboración da veciñanza e desculpa as molestias que se poidan ocasionar.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.
Tras unha parada nas Pontes para contemplar o lago e lembrar o pasado industrial da zona, o grupo visitou Pontedeume, onde repasou a historia da liñaxe dos Andrade e percorreu unha vila chea de patrimonio e vitalidade. Pola tarde, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, os participantes apreciaron o legado da orde do Císter e do barroco galego, e escoitaron parte dunha mostra de música coral. A entidade agradeceu as explicacións de Enrique Campos, secretario da ACFL, así como as achegas de Celia Castro sobre arquitectura medieval e a vida cisterciense.



