Nota de prensa
A XUNTA ANUNCIA UN INVESTIMENTO DE 1,5 MILLÓNS DE EUROS PARA MODERNIZAR OS EQUIPAMENTOS COMERCIAIS DE 20 CONCELLOS LUCENSES
* A delegada territorial, Raquel Arias, explicou que as axudas da Consellería de Economía e Industria medran case un 9% na provincia e alcanzan a seis concellos máis que no pasado exercicio
* Mediante as subvencións do Plan Ágora Re-Comercia, a Xunta achega o 75% do investimento que realizan a práctica totalidade dos municipios seleccionados
Lugo, 12 de agosto de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, anunciou hoxe que a Consellería de Economía e Industria realizará un investimento de 1.546.817,71 euros na modernización dos equipamentos comerciais de 20 concellos da provincia de Lugo. Deste xeito, no presente exercicio a contía global asignada á provincia medra preto dun 9% e alcanza a seis concellos máis que no pasado ano.
Arias detallou os proxectos que cofinancia a Dirección Xeral de Comercio ao abeiro do Plan Ágora Re-comercia 2010-2013, achegando na práctica totalidade dos casos ata o 75% do orzamento, e explicou que todos recollen actuacións sobre espazos urbanos ou infraestruturas municipais.
A delegada incidiu no feito de que “as contías das axudas gardan relación directa co investimento proxectado polos concellos”, dado que en todos os casos se outorgou a máxima porcentaxe de subvención autorizada, o 75%, con dúas salvidades: No Vicedo e en Ribas do Sil, atendendo ás características da proposta e aos baremos establecidos, a axuda foi do 70% do custe das obras. Pola súa banda, a actuación presentada polo concello de Trabada só podía ser subvencionada ao 50% segundo as bases da Orde de convocatoria.
Co fin de mellorar o financiamento das obras programadas e axudar aos concellos nunha época na que as administracións están a ver minorados os seus ingresos, a Xunta contempla anticipos de ata o 50% das subvencións.
A relación completa dos concellos beneficiarios está integrada por Cervo, Láncara, Sober, Vilalba, Cospeito, Taboada, Palas de Rei, Pol, Folgoso do Courel, O Vicedo, Abadín, Ribas do Sil, Pedrafita do Cebreiro, Pantón, Lourenzá, O Saviñao, Monterroso, Trabada, Guitiriz e Ribadeo. Catorce deles presentan obras plurianuais, con dotación consignada tamén para o vindeiro ano.
Durante a súa comparecencia, que tivo lugar no Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá, a delegada territorial destacou que as iniciativas presentadas polos distintos concellos “embelecen os espazos urbanos para reforzar o atractivo das zonas comerciais”, condición que considera “indispensable para construír un sector comercial galego máis competitivo e dinámico”.
Arias subliñou a aposta da Xunta polo sector comercial a través de distintas liñas de actuación, “que van dende a colaboración cos concellos ata as axudas directas aos comerciantes e actividades de promoción, soportes que resultan fundamentais para o impulso dun sector básico na nosa economía”.
Intervencións na Mariña
Con respecto ás actuacións a desenvolver dentro do Plan Ágora na Mariña, cabe destacar que a subvención de maior contía corresponde ao concello de Ribadeo -79.7757,68 euros-, que proxecta actuar sobre a rúa San Roque e unir a praza do mesmo nome coa rúa Rodríguez Murias para potenciar este punto neurálxico do equipamento comercial do casco urbano da vila.
O concello do Vicedo actuará na zona comercial da estrada de Viveiro. Os traballos, subvencionados con 70.000 euros, supoñen a substitución do mobiliario urbano, sinalización viaria e comercial, creación dunha zona específica para contedores de lixo e a preinstalación para soterramento de liñas na área afectada.
No propio concello de Lourenzá, a Consellería de Economía e Industria sufraga con 54.817,13 euros a remodelación dunha nave industrial no mercado comarcal gandeiro. Por último, ao abeiro destas axudas, Cervo procederá á sinalización das zonas peonís de San Ciprián e Cervo, e no municipio de Trabada crearán un punto de información da Rede de Innovación do Comercio.
Outras actuacións
No conxunto da provincia, será o concello de Guitiriz o que reciba a subvención de maior contía -182.872,22 euros- para a urbanización da rúa Terra Cha, onde se realizarán traballos que consistirán tanto na mellora do saneamento e abastecemento como na remodelación dos elementos urbanos externos.
Os concellos de Vilalba e Cospeito reciben unha subvención de 180.000 euros cada un. No primeiro caso, para a reurbanización da praza Suso Gaioso e da rúa García Mato, e no segundo para o acondicionamento das rúas e zonas do recinto da Feira do Monte e o seu entorno.
En Palas de Rei, o concello procederá a mellorar as condicións dos mercados retallistas da Praza do Concello e da zona da Praza de Galicia, con intervencións sobre o recinto que acolle as feiras mensuais, medidas de regulación do tráfico e instalación de alumeado ornamental. Contan cunha subvención da Dirección Xeral de Comercio de 78.885,53 euros.
Superan os 50.000 euros de subvención as actuacións previstas en Abadín, que destinará o orzamento a mellorar o mercado de Gontán; Pedrafita do Cebreiro, que acometerá obras de canalización nas rúas de acceso ao mercado gandeiro; e Monterroso, onde se reformará a pavimentación e servizos da rúa Rosalía de Castro.
O concello de Pol actuará sobre os eixos comerciais da vila de Mosteiro, e no municipio de Láncara construirase unha beirarrúa na marxe dereita da rúa Rosalía de Castro, na Probra de San Xulián.
Zona sur
As axudas da Xunta de Galicia chegan tamén a seis concellos da zona sur da provincia. Así, o concello de Sober recibirá 176.625 euros para a reforma da zona comercial do campo da feira e a Praza do Toural, e o de Pantón 138.885,71 euros para a reforma da rúa peonil Comandante Cruz Ponte Ordax, no núcleo urbano de Ferreira de Pantón.
O Saviñao procederá tamén á adecuación da zona peonil da Praza de España, para o que percibe 90.077,78 euros, mentres que Folgoso do Courel destinará os 70.065 euros da subvención á rehabilitación da praza de Fondo da Vila.
Por último, en Taboada procederase ao acondicionamento da rúa Real, no tramo que une a praza do Xeneral Muinelo e a praza Riazón, e en Ribas do Sil as actuacións afectarán á zona comercial do casco urbano de San Clodio.





















O venres descubrirase a placa que oficializa o nomeamento da Biblioteca Municipal co seu nome, dentro da iniciativa “Miradas sobre Agustín 2026-2027”, que busca divulgar o legado do escritor e apoiar a súa candidatura ás Letras Galegas de 2028. O programa inclúe unha exposición, a lectura dun manifesto e unha conferencia. O sábado entregarase no Auditorio o IX Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade. Rouco destacou a importancia de visibilizar a figura do autor e convidou a veciñanza a participar nos actos.
As nenas e nenos coñeceron o proceso de moenda e levaron unha mostra de fariña. García destacou a importancia de achegar a realidade do rural á infancia e agradeceu a colaboración das granxas, ANPAS e centros educativos. O Muíño de Coea é unha das novas incorporacións a un programa que este ano inclúe 210 actividades e chega a máis de 6.000 escolares de 74 centros da provincia.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.



