A Universidade de Santiago de Compostela, a través do Grupo Agronomía da Escola Politécnica Superior de Lugo, asesorará a empresa Mindoniense de Infraestruturas S.A. na viabilidade do proxecto de cultivo hortícola de produción integrada que pretende desenvolver na comarca de Mondoñedo.
O estudo, que estará rematado en dous meses, concretouse este xoves no edificio Cactus de Santiago coa sinatura do contrato na que participaron o vicerreitor de Investigación, Francisco González, e o xerente da empresa, Jorge Losada. O responsable na USC do estudo será o profesor do Departamento de Produción Vexetal da EPS Benigno Ruiz Nogueiras, que tamén asistiu ao acto.
Trátase de desenvolver un proxecto pioneiro en Galicia cuxa base é unha explotación hortícola, convertendo o problema do abandono de fincas nunha oportunidade de creación de emprego e aproveitamento económico das terras. Mindoniense de Infraestructuras desbota así as propostas tradicionais de minifundio, autoconsumo e comercialización de excedentes no mercado local para xerar un produto de calidade e alto valor engadido cuxo volume de produción permita o seu posicionamento no mercado nacional e internacional.
A rotación adecuada, as posibles especies a implantar, as técnicas de cultivo a empregar e o canal óptimo de comercialización (buscando chegar do produtor ao consumidor do xeito máis directo posible) son os obxectivos marcados por este primeiro convenio, que sentará as bases para a posta en marcha e explotación do proxecto hortícola.
Concretamente, estudarase a viabilidade dun proxecto de implantación da rotación máis axeitada totalizando aproximadamente unhas catro hectáreas en invernadoiro e 20 ao aire libre, tratando de maximizar beneficios en función das técnicas de cultivo (en particular con manexo integrado, o que lle confire un valor engadido) dentro do marco dunha agricultura sostible que redundará nun produto máis san e máis valorado polos consumidores. De partida, como explicou Benigno Ruíz, ” cóntase cunha boa base para este proxecto xa que se empraza nunha zona hortícola tradicional”.
A empresa puxo de manifesto que a partir da segunda semana de octubre abrira unha oficina situada en Mondoñedo (edificio do antigo INEM), donde os propietarios de fincas recibiran toda a información sobre o proxecto e recolleranse os curriculuns das persoas que esten interesadas en realizar unha preseleccion para recibir a formación necesaria e logo pasar a formar parte da plantilla .