A partir do 8 de abril, dúas alumnas de Actividades Físicas e Deportivas do IES Monte Castelo de Burela incorporaranse á dinámica de traballo do CD Burela FS Pescados Rubén para comezar as prácticas formativas do antedito ciclo. A semana pasada o vicedirector do centro, Alfonso Iglesias, visitou a nova sede laranxa (avenida Arcadio Pardiñas, número 91, Burela) para reunirse co director da ED EON Burela FS, Alfonso Mera, como coordinador e supervisor da aprendizaxe das mozas.
Ao longo de case tres meses, as alumnas, María Galdón e a xogadora burelista Lara Balseiro, terán a oportunidade de realizar labores propios de xestión, coa organización de varios torneos de base, e participar no día a día dos adestramentos da escola nas diferentes categorías.
O traballo conxunto pola potenciación da práctica deportiva une o centro de ensino e o club burelista dende hai máis dunha década. No marco do convenio de colaboración entre ambas as entidades, figuran como axudas prestadas polo club burelao ao instituto a organización de charlas educativas e conferencias relacionadas coa saúde e a práctica deportiva, así como na promoción da aprendizaxe permanente. O IES Monte Castelo, por outro lado, deixa á disposición da entidade laranxa recursos humanos e materiais; ademais de participar activamente no Campus Internacional Mixto, o centro educativo tamén cede ao club todas as súas instalacións e mostra o seu apoio na elaboración de proxectos e publicacións do club.