O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ó Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, os responsables do establecemento ribadense Hola!Ola, David Martínez e Juan Carlos Rubio, e representantes dos clubs de surf da Mariña, presentaron este luns na praia viveirense de Area a terceira edición do Surf-Camp, que terá lugar entre os días 3 e 5 de maio nas praias da Mariña. Con este certame, financiado ó 80% con fondos europeos a través do programa Lug02, o organismo provincial “consolida un evento que xa é un revulsivo económico para A Mariña”, destacou Gómez Besteiro, tendo en conta os centos de persoas que participan, chegados de toda a metade norte peninsular, e a ocupación hoteleira rexistrada, que o pasado ano acadou o 80% na zona oriental da comarca e rozou o cheo total en Ribadeo.
Estes resultados, asegurou o Presidente, “confirman o lecer medioambiental como fórmula eficaz para desestacionalizar o turismo na Mariña e poñer en valor a súa riqueza paisaxística”. Neste senso, o mandatario provincial amosou a súa confianza en que este ano seguirá aumentando o éxito de participación no Surf-Camp, pois “é froito dunha perfecta combinación entre un deporte que cada vez conta con máis afeccionados e uns escenarios ideais, como son as praias mariñás, para poder practicalo”.
Por parte dos clubs de surf da Mariña, no acto de presentación das actividades, ademais de David Martínez e Juan Carlos Rubio, de Hola!Ola Surf Club, estiveron presentes Borja Rocha Vázquez, de North Shore; Brais Ledo Blanco, de Surfiños; Antón Rodríguez, de Sensación Surf; Ignacio Fernández Lage, de Van Surf; e David Díez Polo, de Oxígeno surf.
A capital do surf
O Surf-Camp reunirá unha vez máis á elite de toda Europa desta modalidade deportiva, o que converterá á Mariña na capital do surf durante a primeira fin de semana de maio. Un total de 18 dos mellores surfistas europeos teñen confirmado a día de hoxe a súa participación nas xornadas, durante as que ensinarán, de xeito totalmente gratuíto, a todo aquel que o queira as súas técnicas e coñecementos. Repiten figuras como Gony Zubizarreta, Aritz Aramburu, Kepa Acero, Hodei Collazo, Adur Letamendia, Indar Unanue ou Pablo Solar, e incorpóranse outras, como Mario Azurza, Jonathan González ou Guillermo Alonso.
Haberá tamén representantes da Federación Española de Surf e de medios especializados neste deporte, como www.fuelsurf.tv; www.surflimit.com; www.costasurf.com; www.aremojo.com ou www.cervezasalada.com atraídos polo número de surfistas do máis alto nivel que se concentrarán na Mariña. Se ben Galicia acolle campionatos de nivel, esta é a única ocasión na que calquera poderá surfear da man de profesionais destacados e recibir as súas ensinanzas, polo que se trata dun evento único na comunidade galega.
Propostas para toda a familia
As xornadas do Km0 Surf-Camp inclúen actividades libres e gratuítas pensadas para toda a familia, como paseos en skate eléctrico, segway, longskate, exhibicións e música.
A programación é a seguinte:
– Venres, 3 de maio: Tralo acto de inauguración ás 19:00 horas no porto de Rinlo, terá lugar cunha exhibición de skate nesta mesma localización.
– Sábado, 4 de maio: A xornada arrancará ás 11:00 horas cunha expression session de surf nos areais de Barreiros, e ás 14:30 horas terá lugar unha comida popular na praia. Pola tarde, a partir das 16:30 horas, as actividades continuarán no paseo marítimo de Viveiro, cun simulador de surf, e percorridos en skate eléctrico, segway e longskate. Dende as 16:30 tamén haberá exhibicións de surf nas praias de Barreiros. As 00.00 terá lugar un concerto do grupo vivariense Sunday Morning Club no pub TRES60 de Ribadeo.
– Domingo, 5 de maio: Entre as 12:00 e as 14:00 horas, os mellores surfistas de Europa, acompañados de monitores, ensinarán a surcar as olas a todos aqueles que o desexen na praia focense da Rapadoira. Ós interesados en facer surf que non teñan material, prestaráselles de balde todo o que necesiten. Para elo, teñen que facer as reservas chamando ó número de teléfono 982-12-00-64.
As persoas que queiran máis información poden dirixirse á páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org; á web do certame http://km0surfcamp.deputacionlugo.org; ó Twitter, @surfcamplugo; ou ó Facebook facebook.com/km0surfcampdeputacionlugo
A Mariña ten 7 clubs de surf con máis de 200 socios
Coa iniciativa colaboran os 7 clubs de surf existentes na comarca da Mariña, e que contan a día de hoxe con máis de 200 socios, aínda que o número non deixa de medrar. Trátase de: Hola!Ola Surf Club de Ribadeo; North Shore Surf Club de Barreiros; Surfiños Surf Club e Sensación Surf Club de Foz; Limosa Surf Club de San Cibrao; e Oxígeno Surf Club e Van Surf Club de Viveiro. A cantidade de colectivos mariñáns desta modalidade deportiva dá boa conta da grande e crecente afección polo surf que existe na Costa lucense.
Cartel de campións
Mostra da boa acollida e a proxección do Surf-Camp é que o cartel de campións participantes medra ano tras ano. Nesta terceira edición están confirmados polo momento 18 figuras de primeiro nivel. Son os seguintes:
– Gony Zubizarreta: o surfista galego máis laureado neste deporte, gañador o pasado ano do San Miguel Zarautz Pro, unha importante proba do circuíto World Qualifing Series Tour (WQS), e 2º clasificado no WQS máis importante para Galicia, o WQS Pantin Classic.
– Pablo Gutiérrez: actual camión de Europa de surf.
– Kepa Acero: inmerso no seu proxecto “5 olas, 5 continentes”, viaxa por todo o mundo descubrindo olas case imposibles de surfear como na Antártida, na que estivo catro veces.
– Adur Letamendía é famoso por surfear grandes olas e actual gañador do evento máis importante de Europa destas olas, o Punta Galega EVE Challenge 2012.
– Marlon Lipke: surfista alemán afincado en Peniche (Portugal) participou no WQS durante anos, acadando o seu paso ó WCT (World Circuit Tour), un nivel ó que moi poucos europeos chegaron.
– Artitz Aramburu: o campión de Europa Profesional 2007 e primeiro español en clasificarse ó WCT encontrou un oco para participar no Surf-Camp.
– Hodei Collazo: un dos grandes do WCT, e 2º do mundo no circuíto junior de 2004.
– Jaji Iglesias, o rei do marketing surfeiro, é un surfista rápido en olas pequenas.
– Luis Rodríguez: o 2º surfista galego máis laureado dos últimos tempos, premiado ó mellor Wipeout durante durante o Punta Galea EVE Challenge 2012.
– Lucía Martiño: campiona de España de surf 2011.
– Dani Aznar: monitor de surf na súa propia escola, amante do surf libre e un artista voando coa súa táboa en xiros impensables.
– Yoli Rodríguez: un dos máximos expoñentes a loitar polo liderado do campionato de surf feminino nos próximos anos.
– Indar Unanue: free surfer, coñecido por loitar contra as olas xigantes de todo o litoral europeo.
– Pablo Solar: actual seleccionador da Federación Española de Sur, e gañador do circuíto nacional durante anos.
– Mario Azurza: máis ben un free surfer que un competidor, conta cun blog que recibe máis de 50.000 visitas anuais.
– Jonathan González: o máis afamado surfista de Canarias, practica este deporte dende os 9 anos e actualmente está realizando o circuíto WQS.
– Guillermo Alonso: surfista asturiano, continuo viaxeiro e flamante gañador do programa televisivo San Miguel, cracks del surf, ten unha escola de surf no seu pobo natal, Ribadesella.
– Garazi Sánchez: surfista vizcaína gañadora do circuíto ESHF, practica este deporte dende os 7 anos.




















Os traballos, cun orzamento de case 190.000€, afectan aos catro primeiros quilómetros da vía. Habilitaranse desvíos alternativos, que estarán debidamente sinalizados.
Foi impartida polo sumiller Alberto Vega. A Masterclass buscou aportar coñecemento, fomentar a posta en valor do produto e seguir reforzando a formación e profesionalización do sector dentro da programación de Ribadeo Sabe. Ata a Praza de Abastos se achegaron o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, a concelleira de Comercio, Marta Saiz, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez. O Ribadeo Sabe terá lugar do 14 ao 17 de maio en 22 locais hostaleiros, que ultiman os preparativos para sorprender con elaboradas e saborosas propostas.
Esta nova publicación, que fai o número 19 da colección periódica do SEVA, recolle unha parte esencial do patrimonio musical e oral do Valadouro. Os compiladores da obra son Manuel Lourenzo —xa falecido—, Isaac Ferreira e Xesús Pisón, quen contribuíron a preservar e poñer en valor este legado cultural.
De 12:30 14:00 horas no CEIP Juan Rey farán actividades e demostracións. E de 18:00 a 21:00 horas na Praza do Concello haberá unha exposición estática e mini relevos. O Concello de Lourenzá destaca que é “unha oportunidade única para coñecer de preto o labor da Garda Real. Animámosvos a participar!”.
Nesta edición, a programación céntrase na Idade Moderna en Galicia, combinando sesións teóricas no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina con visitas guiadas por Mondoñedo e a súa comarca. O Concello destaca a excelente acollida desta iniciativa e anima a seguir promovendo actividades culturais deste nivel, posibles grazas ao compromiso da USC e ao apoio da Xunta de Galicia.
Categoría Infantil: 1º premio, Celia Blanco. 2º, Mara Blanco. 3º, Nuno Villares. Categoría Primaria: 1º premio, Laia Rodríguez. 2º, Paula Martínez. 3º, Jesús López e Samuel Riera (empate). Categoría Adultos: 1º premio, Unha receita para a felicidade, de Sonia Corral. 2º, O merodeador da néboa, de Manuel Fernández. 3º, Ou lobo ou o can, de Xolo. O Concello felicita a todas as persoas premiadas e agradece a participación de todas e todos os que fixeron deste certame unha auténtica celebración da lectura e da creación literaria.
10:00 h: Apertura do mercado e Andaina histórica por Vilaronte con Moncho Ermida (dificultade baixa). 11:00–14:00 h: Experiencia a cabalo para nen@s (de balde). 12:00 h: Actuación da Charanga Os Sureños. 14:00 h: Sesión vermú con Super Glu. 16:30 h: Contacontos “Contamos contos de lobos” – Ghazafelhos. 18:00 h: Concerto de Tapa D’Orella. Durante a mañá haberá demostración de coiro. Pulpería Suso servirá churrasco, polbo e xamón. Organiza: O Atrio Colaboran: Concello de Foz, Xunta de Galicia, Área de Cultura da Deputación, Centro AD e Fiore Tondo.
