O BNG Alfoz-Valadouro congratúlase de que o Concello de Alfoz tivese en conta a proposta rexistrada en febreiro do presente ano e rematase este vrao o arranxo do tellado da Báscula de Correlos, despois de ter reparado a porta na primavera pasada. Do mesmo xeito, dende a Asemblea Local agardamos que estes traballos vaian acompañados dunha limpeza periódica dos mecanismos, tal como demandaba a proposta elaborada polo BNG, así como dun básico mantemento anual desta histórica construción.
Por outra banda, acometeuse o balizamento do lago artificial creado polas obras de concentración no Barral (Mor), despois de que o BNG local advertise (nunha proposta presentada en xuño) do perigo que supoñía unha balsa de auga oculta polo maleza, situada á beira dunha estrada e a carón de terreos adicados á gandaría.
O contido da proposta referida á Báscula de Correlos e presentada o 13 de febreiro era o seguinte:
A báscula de Correlos, na parroquia de Mor, forma parte do patrimonio histórico do noso Concello, cómpre decatarse de que é a derradeira báscula de feira que queda tanto no Alfoz como na comarca natural do Río Ouro.
Aínda que a devandita instalación se atopa nun terreo privado, a báscula da Feira de Correlos é un ben público, do que se ten servido a veciñanza durante moitos anos, cómpre sinalar que a báscula daba servizo tamén fóra dos días de feira e a varias parroquias da contorna.
Actualmente atópase nun aceptábel estado de conservación malia dúas eivas que convén arranxar antes de que o tempo incida na súa deterioración. Habería que repoñer unhas poucas táboas nunha das portas -afectada parcialmente polo vento e a chuvia a comezos de febreiro- e máis arranxar unhas lousas do tellado -problema xurdido hai máis de dous anos- pra evitar que chova dentro e afecte á bascula propiamente dita.
POLO ANTERIORMENTE EXPOSTO DEMANDA:
-O arranxo da porta orientada ao poñente.
-O arranxo do tellado, (só a pequena parte pola que entra a auga).
-Unha limpeza do interior pra evitar o apodrecemento das pezas.
ARGUMENTACIÓN
Na Asemblea Local do BNG cónstanos que no 2011 unha asociación local xa se dirixiu ao Concello de Alfoz pra demandar o coidado da báscula de Correlos, mais por parte do Concello non se acometeu mellora ningunha, polo que a instalación segue a deteriorarse, nomeadamente no inverno, xa que hai varios anos que os furados do tellado permiten o paso da chuvia, e por riba, a comezos de febreiro o temporal rachou unhas táboas da porta.
A Báscula da Feira de Correlos forma parte da historia da parroquia, do Concello e da contorna do Río Ouro, cómpre sinalar que estamos a falar da derradeira báscula de feira que se conserva non só no Alfoz, senón en toda a bisbarra do Valadouro. Trátase dun elemento propio das tradicións comerciais rurais e da idiosincrasia local. Malia atopárense nun terreo privado, a báscula é de titularidade pública, xa que era unha instalación baixo responsabilidade municipal no tempo en que foi de uso cotián.
A Feira de Correlos tiña lugar o primeiro mércores de cada mes, e a construción da que falamos é de mediados dos anos ’40, anteriormente a esta data a báscula estaba protexida por un cobertizo de madeira, mais a febleza desta protección obrigou á construción dun inmoble de pedra.
A pesaxe dos xatos era un servizo público, controlado normalmente por un empregado municipal -ou ou veciño con licenza, en Correlos tamén exerceron como pesadores os taberneiros locais- que cobraba aos veciños que se achegaban pra pesar os animais. A báscula daba servizo non só os días de feira, e foi a instalación de referencia para varias parroquias da contorna. Aínda que está en desuso debido á desaparición das feiras de gado vacún hai máis de vinte anos, non debemos deixar que desapareza este ben público que constitúe un elemento vivo da historia, da identidade e da cultura do noso povo.
O contido da proposta presentada o 13 de xuño referida á lagoa artifical do Barral era o seguinte:
LAGOA PERIGOSA NO BARRAL (MOR) ORIXINADA POLAS OBRAS DA CONCENTRACIÓN PARCELARIA
As obras derivadas da extracción de area para a apertura de pistas e camiños da concentración parcelaria de Alfoz, foron deixando áreas nas que ficaron grandes ocos sen recheo algún, en ocasións furados de grande magnitude. Un dos devanditos furados acabou por converterse nun perigo despois de transformarse nunha lagoa por efectos naturais: acción de acuíferos subterráneos e acumulación de auga de chuvia.
A devandita lagoa atópase a carón da estrada O BARRAL-A GARITA (parroquia de MOR), e está a causar grande alarma entre a veciñanza polo perigo que representa, tanto pra persoas como pra animais, xa que non conta con ningunha caste de sinalización nin peche que evite posíbeis accidentes. Localízase a escasos metros da estrada, semioculta pola matogueira e nun terreo con grandes desniveis e anacos de rocha que camuflan a súa inmediatez, cómpre sinalar que se atopa enfronte dunha área adicada a pradarío (son os pastos coñecidos como A Sunogueira), feito que orixina certo tránsito de gado vacún e cabalar. Sen ánimo de dramatizar engadimos que o resgate dunha persoa ou dun animal, sería moi difícil nunha poza encaixada nun terreo tan abrupto a causa dos desmontes nel realizados,
POLO ANTERIORMENTE EXPOSTO
DEMANDA:
-Que o Concello de Alfoz xestione as accións precisas (contactar coa empresa que realizou as obras, cos propietarios do terreo…) pra que a devandita lagoa deixe de representar un perigo pra os transeúntes, pra o gado e nomeadamente pra a veciñanza do barrio do Barral.
-Que o Concello de Alfoz, no caso de observar desleixamento por parte dos responsábeis directos, tome as medidas precisas para o balizamento da lagoa ou calquera outra necesaria pra que isto deixe de representar un perigo.
Alfoz, 4 de setembro do 2013.
ALFREDO FREIRE
Responsábel local do BNG






















Afectarán aos seguintes servizos: Piscina: pechada. Duchas dos vestiarios: pechadas. Ximnasio e actividades en seco: abertos no horario habitual. O Concello agradece a comprensión da cidadanía.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.
Será na Igrexa de Santa María ás 20:30 h. Debido ao aforo limitado e ao cumprimento da normativa vixente, editaranse entradas que se repartirán no acceso da igrexa o propio día do concerto, onde tamén se realizará o control de acceso.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.
As deputadas do PP lucense no Parlamento galego, Raquel Arias e Nicole Grueira, e a alcaldesa de Cervo, Dolores García, mantiveron na localidade un encontro con mulleres vinculadas ao sector do mar co obxectivo de visibilizar e poñer en valor o seu papel fundamental na economía mariñeira e na vida das vilas costeiras. A reunión serviu como espazo de diálogo e recoñecemento ao traballo que durante anos desenvolveron mariscadoras, redeiras e outras profesionais do sector. As populares manifestaron a súa defensa da igualdade e aseguraron que “sen as mulleres o sector do mar non se atende”.
Será na Explanada do Círculo Habanero, en carpa climatizada. Programa: 13:30: Sesión vermú con Dúo Puma. 14:30: Xantar (fabada, costela con patacas, sobremesa, café e bebida). Prezos: Socios 20 €. Non socios 30 €. Nenos 6–12: 15 €. Menores de 6 anos: gratis. Entradas: domingos 15 e 22 de marzo, de 11:30 a 13:30 no Local Social. Contacto: 682 06 57 07
A feira instalarase na Praza da Constitución e contará con showcookings, catas, música en directo e actividades para todos os públicos. O sábado haberá demostración culinaria con Marcos Pereiro, sesión vermú, talleres infantís e concertos de 9Louro e Mondra. O domingo incluirá showcooking de Miguel Mosteiro, novas catas e a tradicional sesión de baile no Centro Cultural.



