Ribadeo, 14 de maio de 2014. O xoves 15 de maio ábrese o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais de verán, que organiza a Concellaría de Deportes. Ese período abranguerá ata o fin de prazas ou ata o inicio da escola correspondente. As modalidades das que poderán disfrutar os nenos e as nenas nados entre 1999 e 2006 son as seguintes: pesca deportiva, remo, vela, surf e piragüismo.
En pesca deportiva ofértanse 20 prazas. A escola desenvolverase os días 1, 4, 7, 9, 12, 14, 19, 21, 23 e 26 de xullo de dez da mañá a dúas da tarde. En vela son 15 as prazas que se ofertan. Neste caso terá lugar os luns e os venres do mes de xuño en horario de 16 a 20 horas e tamén os días 1 e 4 de xullo no mesmo horario.
A escola de surf contará con 20 prazas e desenvolverase en xuño os martes, mércores e xoves de catro a seis da tarde. E en xullo do 1 ao 11 (de luns a venres) tamén de catro a seis.
En piragüismo ofértanse 20 prazas. A escola presentarase o 23 de xuño ás catro da tarde. E terá lugar os días 23, 25 e 30 de xuño de 16:30 a 19 horas. En xullo será os luns e os mércores no mesmo horario e continuará en agosto os días 4, 6, 11, 13, 18 e 25 tamén de 16:30 a 19 horas. E en remo haberá 15 prazas. A presentación desta escola será o 19 de xuño ás 18:30 horas, e terá lugar durante os meses de xuño, xullo e agosto os martes e os xoves de 18:30 a 20:30 horas. Neste caso desde a organización advirten que esta escola é para nen@s nad@s ata 2004 e é imprescindible que saiban nadar.
Desde a Concellaría de Deportes sinalan que terán preferencia para participar nas escolas os/as empadroados/as escolarizados/as en Ribadeo. As inscricións deben realizarse na Casa da Xuventude de luns a venres de 9 a 14 horas e martes e xoves tamén pola tarde de 16 a 19 horas. A cota será de 40 euros. O pagamento da taxa deberá facerse efectiva na conta corrente do Concello en Caixa Rural antes do comezo a escola e deben poñer no concepto matrícula escola deportiva, así coma o nome do matriculado. O resgardo debidamente cumprimentado será entregado na Casa da Xuventude. A falla do ingreso implicará a baixa na/s escola/s.