Burela, 7 de xuño de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, impúxolle este sábado ao Burela FS a medalla de ouro do Concello en recoñecemento aos éxitos acadados a tempada pasada polo equipo feminino. Manuel Blanco, o presidente do club, foi o encargado de recoller esta distinción, coa que só contan outras dúas persoas: Francisco Cacharro, ex presidente da Deputación de Lugo, e Xosé Cuiña, o que fora conselleiro de Política Territorial da Xunta. No seu discurso o rexedor destacou o traballo en grupo, a tenacidade e a constancia do equipo:
“Sr. Presidente do Burela Fútbol Sala, membros da Corporación Municipal, Presidente da Federación Galega de Fútbol, Sr. Deputado no Congreso, Sras. e Sres. Deputados provinciais, membros da Directiva do Burela Fútbol Sala e patrocinador, representantes do Fútbol Sala a nivel galego e nacional, afeccionadas e afeccionados, veciñas e veciños, bos días a todos.
Burela, poboación dinámica, acolledora, nova, ten afianzado o seu carácter e as súas sinais de identidade ó longo de todo o século pasado, configurando unha sociedade na que priman os valores que invocan ó traballo, non exclusivamente para ter máis, senón para sermos mellores día a día. Valores que invocan e apelan ó sacrificio persoal, pero tamén ó sacrificio compartido como o ten demostrado, demostra, e demostrará, o mundo do mar. Valores que apelan á tenacidade na consecución dos obxectivos, fundamentalmente en base ó esforzo colectivo no que ninguén se quere quedar atrás. Valores que invocan á capacidade de integración das xentes que foron chegando dende hai décadas, e que seguen chegando, para conformar a sociedade multi cultural que hoxe en día somos. Valores que apelan á tolerancia ben entendida, aquela que busca o respecto mutuo e que ten claro que todos somos iguais pero tamén todos somos distintos. Valores que se identifican cunha forma de vida, cunha forma de configurar a sociedade. Valores que, en definitiva, se identifican con Burela.
Efectivamente, esta configuración que nos temos dado como comunidade, ese sentir os valores citados como propios, non se teñen xerado en poucos anos. O paso de xeracións, xunto coa transmisión serena e consciente entre cada unha delas do legado que se vai acumulando, é o que propicia e ineludiblemente trae consigo o presente.
E non debe caber dúbida algunha para non crer firmemente que se o pasado nos foi modelando como comunidade, que se o presente é robusto, serio e rigoroso, a pesares das circunstancias coxunturais negativas de carácter económico que afectan á globalidade do mundo en que vivimos, ó futuro non lle queda máis ca un camiño: continuar avanzando polo que os que nos precederon e nós mesmos nos estamos marcando, que non é outro ca afianzar e polo tanto afondar día a día os valores citados e deste xeito facer que esta comunidade, que este grupo social no que vivimos progrese armonicamente, sen esquecer os vaivéns que en todo camiño de progreso se producen.
Pode que haxa quen non vexa similitude entre o que veño de indicar e o mundo do deporte. Aínda que máis ben coido que é ó contrario, a maioría da xente si atopa non unha, senón moitas coincidencias entre o que veño de manifestar sobre Burela e o mundo do deporte.
No deporte prima o traballo individual para acadar a condición técnica e física, os fundamentos, como diría un entendido, para ser competitivo ou alomenos para superarse a un mesmo.
No deporte de equipo prima o esforzo colectivo para chegar ós obxectivos marcados. Prima tamén a tenacidade, a perseveranza, a constancia, como factores que impulsan cara diante, que nos dan forza.
E no deporte, o pasado supón as bases do presente; o pasado é o fundamento do presente, polo que o presente sempre é mellor, ou alomenos o pretende, que o pasado. E polo tanto, queda marcado un nivel de esixencia cara ó futuro.
O Burela Fútbol Sala, no meu modesto entender, é un magnífico reflexo de todo o antedito. Un pasado no que se sentan as bases do presente, en base a unha programación seria e rigorosa e a un traballo coordinado, intenso e previsor. Durante anos se foron integrando persoas, identificándose co proxecto e polo tanto asumindo todo o que iso representa, asumindo, en consecuencia,os seus valores.
E de ese presente é do que disfrutamos. O da temporada 2012-2013, se nolo contan hai catro anos, non o creemos: un doblete que ningún equipo galego acadou nunca, agás, se os datos non me fallan, e se me fallan pido disculpas, o Liceo Hockey da Coruña. Pero é que de non ter pasado o da temporada 12-13, tampouco nos creríamos o que vivimos e estamos a vivir na temporada actual: o equipo feminino subcampión de Liga, na final a catro da Copa de España, gañadoras da Copa Xunta, e o equipo masculino por vez primeira no play-off polo ascenso.
Vós tedes conseguido poñer a Burela no mapa de España do deporte. Vós tedes conseguido que Burela, ademais de polo bonito, sexa coñecida polo fútbol sala (e moita xente xa nos coñece polas dúas cousas, o cal non é nada malo, todo o contrario). Con todo o que iso significa de promoción do nome de Burela, da Mariña, e de todo o que iso trae consigo.
Pero por riba de todo, vós, as mulleres e os homes que conformades os equipos do Burela Fútbol Sala tedes un enorme mérito: ser capaces de inculcar ilusión e as gañas de estar canto máis alto mellor a un montón de persoas e afeccionados que se dan cita todos os sábados no Vista Alegre.
Hai un ano, eu dicía que sempre levaremos no corazón o doblete das rapazas daquela temporada 2012-2013; dicía que fóstedes capaces de xerar ilusión mesmo entre a xente que non se identifica moito co deporte, pero que tamén sentía os logros como algo propio. Pois ben, volvo dicilo, na seguridade de que o futuro vos deparará, nos deparará, máis éxitos, e que os viviremos coa mesma intensidade que vivimos os hasta agora acadados.
Pero os vosos logros non serían posibles sen unha estrutura, a do Burela Fútbol Sala, que perdura no tempo pero se adapta ós novos tempos: ó presidente actual do Burela Fútbol Sala, a todos os presidentes que o foron, ó da temporada 2012-2013, ós directivos e directivas que pasaron e están na estrutura do club, ós patrocinadores, especialmente ó actual, Pescados Rubén, noraboa polos logros acadados, que tamén o son do conxunto da cidadanía desta vila que, como queda reflectido, ten razóns importantes para vivir e seguir progresando e que se identifican plenamente coas razóns que vós tedes para acadar éxitos e seguir na súa procura no futuro.
Por todo iso, o Pleno Municipal do Concello de Burela vos ten concedida a Medalla de Ouro do Concello, terceira que se concede desde a constitución de Burela como entidade local, hai xa cáseque vinte anos. Como vedes, tamén costa traballo ter a medalla de Ouro de Burela.
E remato. Burela, esta gran sociedade na que vivimos, e o Burela Fútbol Sala, teñen como norma o fair play, o xogo limpo. Pero tamén, recordando ó Sabio de Hortaleza, sempre queremos gañar, gañar e gañar. Gañar, gañar e volver a gañar.
Moitas grazas polo que nos tedes dado e polo que vos queda por darnos, e moitos éxitos no futuro, para vós como club e para Burela no seu conxunto, que estou seguro que así sucederá”.
O acto desenvolveuse este mediodía no auditorio da Casa da Cultura de Burela.
























A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
O actor e humorista continuará a súa xira pola comarca e presentará esta mesma proposta en Burela o venres 27 de marzo, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura. O monólogo combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos e as entradas, a 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.
