Foz, 12 de agosto de 2014. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, agradeceu publicamente o traballo da asociación Sempre Foz para sacar adiante unhas festas de San Lourenzo coma as que se viviron o pasado fin de semana na vila focense. O rexedor destacou o correcto transcurso das celebracións, sen incidentes.
“Dende o Concello queremos agradecer publicamente o labor da asociación Sempre Foz, organizadora das festas do San Lourenzo. A verdade é que consideramos que foi un verdadeiro éxito de organización sen ter que salientar ningún tipo de incidente. Queremos sobre todo valorar a cantidade de actos que houbo nun fin de semana intenso no que non acompañou o tempo, aínda que iso non foi problema para que multitude de xente, miles e miles de persoas, gozaran dunhas festas verdadeiramente importantes”, explicou Javier Castiñeira.
O alcalde focense recoñeceu “a dificultade que supón a día de hoxe organizar unhas festas deste tipo, de Interese Turístico Galego” e declarou que “creo que esta xente merece un agradecemento unánime de tódolos veciños de Foz por facer un labor tan salientable sacando unhas festas adiante no mes de agosto, cando hai tamén moitos festexos noutros pobos da Mariña. Saíu todo moi ben, sen incidentes, sobre todo no momento final que é o dos fogos artificiais”.
Castiñeira felicitou a Sempre Foz “porque este ano creo que se esmeraron e porque o resultado é froito dun traballo intenso durante varios meses que temos que saber valorar todos os veciños” e personalizou o agradecemento na persoa do concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo, “que foi capaz de capitanear un bo grupo de xente e sacar adiante estas festas das que tódolos focenses estamos moi orgullosos”.