Eduardo Chao González, voceiro do Grupo Municipal do BNG na Corporación do Concello do Valadouro, ao abeiro da lexislación vixente, presenta, para o seu debate en PLENO a seguinte MOCIÓN:
O Valadouro debe render homenaxe a dous persoeiros que pertencen á historia do municipio
XOSÉ VIZOSO VIZOSO “O MESTRE DO CONDADO” e RAMÓN GASALLA ÓNEGA “O MÉDICO DOS POBRES”.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Don Ramón Gasalla Ónega, nado na parroquia de San Tomé o 1 de xuño de 1916 exerceu diversos oficios da rama sanitaria (practicante, dentista, comadrón) nas terras do noso val ao longo da súa dilatada vida profesional. Sempre con recto proceder, absoluta profesionalidade e unha especial sensibilidade cara aos máis desfavorecidos, o cal lle valeu o popular alcume de O Médico dos Pobres.
Máis de 1000 persoas naceron de partos asistidos por don Ramón; sempre disposto a axudar e a se desprazar até os núcleos máis afastados e recónditos; a pé, en bicicleta, en moto e en automobil en tempos máis recentes.
Tal dedicación e boa vontade xa foi motivo dunha homenaxe en Lugo no ano 2011, dispensada polos seus colegas do Colexio Oficial de Enfermaría, ocasión que aproveitaron para lle entregar o prestixioso galardón “Premio Practicante Faustino Vilar”.
Ramón Gasalla tivo ademais unha experiencia política de case 20 anos, na cal, desenvolveu cargos de concelleiro e tenente alcalde na Corporación Municipal do Valadouro. Cómpre sinalar que grazas ás incansábeis xestións deste exemplar veciño, Ferreira gozou dun Grupo Escolar dende comezos dos anos ’70 do pasado século. Xa que a idea imperante naquel momento pasaba por manter unhas escasas e deficientes escolas parroquiais; don Ramón logrou convencer ao daquela Gobernador provincial, explicándolle o insuficiente e obsoleto daquelas infraestruturas amais do custoso que resultaría un transporte de longo percorrido para cubrir as múltiples rutas. Foi nese momento cando as institucións observaron as auténticas carencias e decidiron crear unha completa infraestrutura (hoxe denominada CEIP Sta. María), na que xa cursaron estudos varias xeracións de valadoureses.
Por todo isto, e moitos outros incontábeis beneficios achegados á cidadanía do noso municipio, consideramos que don Ramón Gasalla é merecedor do título de fillo predilecto do Valadouro, así como dunha placa no CEIP Santa María do Valadouro, na que se lembre o seu esforzo por que o noso concello contase con tan necesaria infraestrutura. Afortunadamente, na actualidade continuamos a gozar da presenza de don Ramón na vila de Ferreira.
———– En agosto de 2003 finou na Coruña don Xosé Vizoso Vizoso, mestre nado na alfocesa parroquia de Lagoa.
Xosé Vizoso foi un dos derradeiros represaliados do franquismo no Valadouro. Exerceu o seu maxisterio na escola do Cadramón, lugar de onde tivo que fuxir perseguido polos falanxistas.
Debido aos seus ideais republicanos, o Estado privouno da licenza para exercer a docencia, ademais de sufrir persecución e acoso pola súa coñecida militancia socialista.
Exiliouse durante uns anos no Brasil, de onde tivo que marchar polos problemas de saúde que o clima tropical provocaban na súa dona, quen o acompañou sempre na súa azarosa existencia, malia as presións familiares que tentaban afastar os destinos da parella.
De regreso na Galiza e aínda con Franco detentando o poder, artellou unha pasantía na súa casa, é dicir, unha escola á que acudirían aqueles estudantes que precisasen clases de reforzo ou persoas xa en idade adulta que quixesen adquirir os coñecementos que noutrora non puideran. Do mesmo xeito, aqueles mozos e mozos que pretendían presentarse a exames de reválida, probas de acceso, etc., adoitaban se preparar nesta caste de escolas.
O bo facer de don Xosé, a súa erudición e máis uns métodos pedagóxicos que non se empregaban nas escolas convencionais, converteron aquela casa nunha sorte de escola de elite, á que adoitaban asistir aqueles nenos e adolescentes que amosaban boa predisposición para o estudo e desexaban continuar estudos superiores.
A sona e prestixio da Escola do Condado acadou tales cotas que aconteceu un episodio anecdótico arredor desta “oficiosa” institución. Unha mestra dun colexio público interpuxo unha denuncia contra don Xosé, alegando intrusismo e labor docente non regrado, pasaron uns anos e a propia mestra denunciante acabou levando a súa filla ás maxistrais clases do Mestre do Condado.
Xosé Vizoso era chamado O Mestre do Condado polo nome do barrio onde moraba e exercía o maxisterio, O Condado, en Lagoa. Gozaba de tal denominación con orgullo, afirmando: Foi o título que me outorgou o Pobo.
Como curiosidades relataremos que unha coñecida academia coruñesa (por motivos familiares botaba longas tempadas na Coruña) demandou os seus servizos tras coñecer a eficacia do seu ensino, mais o feito de ter que xurar os Principios del Movimiento Nacional fixérono rexeitar o emprego oferecido.
Mantivo amizade cos círculos intelectuais da época de preguerra, entre eles co escritor galeguista Ánxel Fole.
Nos últimos anos da súa vida recibiu visitas de historiadores, investigadores, escritores, etc., a todos amosaba os manuscritos cos cargos que lle imputaron no comezo da guerra, totalmente falsos (entre eles a aldraxe contra símbolos relixiosos, extremo que sempre negou), e froito dos cales xurdiu a aventurada existencia do Mestre do Condado.
Consideramos que don Xosé Vizoso, polo exposto, e outros incontábeis méritos, é merecedor dunha rúa co seu nome na vila de Ferreira, e dunha placa na Escola do Cadramón, parroquia onde impartiu ensinanzas até que os acontecementos históricos o afastaron do ensino oficial.
Malia non se tratar dun argumento sumábel ao relatorio que vimos de facer sobre Xosé Vizoso e Ramón Gasalla, cómpre lembrar que ambos os dous persoeiros compartiron grande amizade, pese ás diferenzas ideolóxicas dun e máis outro.
POLO ANTERIORMENTE EXPOSTO PROPONSE A ADOPCIÓN DO SEGUINTE ACORDO:
1. Dedicar unha rúa na vila de Ferreira a don Xosé Vizoso Vizoso, quen exerceu como mestre na parroquia do Cadramón.
2. Colocar unha placa en lembranza de don Xosé Vizoso Vizoso na Escola do Cadramón.
3. Nomear fillo predilecto do Valadouro a don Ramón Gasalla Ónega, polo seu labor sanitario con absoluta dedicación e abnegación, durante corenta anos nas parroquias do Valadouro e a súa contorna.
4. Colocar unha placa en agradecemento a don Ramón Gasalla Ónega no CEIP Santa María do Valadouro, de Ferreira, por ter sido o máximo impulsor na consecución do Grupo Escolar.


















A banda presentará o seu espectáculo nunha cita aberta ao público, que promete unha noite de rock e diversión para todos os asistentes.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.



