Lugo, 24 de abril de 2015. O vicepresidente e responsable de Benestar e Deporte da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou esta mañá na rolda posterior á Xunta de Goberno do organismo provincial a “aprobación das bases que rexerán as subvencións para gastos correntes derivados da posta en marcha dos Servizos de Normalización Lingüística, unha liña de colaboración que creamos para que os concellos poidan contratar traballadores para desenvolver este servizo”, indicou un Antonio Veiga que concretou que este programa será presentada a próxima semana, unha vez que as bases sexan publicadas no Boletín Oficial da Provincia. Este proxecto conta cun orzamento de 100.000 euros.
Así mesmo, o vicepresidente provincial avanzou o contido dunha moción sobre a sanidade que presentará o grupo do BNG para o vindeiro pleno da Deputación, que se celebrará este próximo martes, día 28: “Imos levar unha moción para demandar uns servizos de atención primaria de calidade nos concellos da provincia de Lugo”.
Veiga relatou a difícil situación que atravesan os centros de saúde de moitos pequenos concellos do rural lucense, que acaba derivando nunha peor atención aos pacientes. “Desde o ano 2009, os cartos que a Xunta destina á atención primaria viñeron decaendo dun xeito alarmante e as consecuencias destes recortes tradúcense nun deterioro constante da atención sanitaria na nosa provincia, xa que a atención primaria é unha parte fundamental da mesma”, apuntou.
O vicepresidente provincial denunciou, “unha vez máis, que nos últimos anos desapareceron prazas de atención primaria; non se cubriron as vacacións ou baixas por enfermidade ou xubilación; existe sobrecarga de traballo e falta incluso material de traballo básico en moitos centros de saúde, polo que se impide que se estea prestando unha asistencia con eficiencia”, lamentou.
Novo caso en Burela
Antonio Veiga fíxose eco dun novo caso, “o dos pais e nais de Burela que recolleron máis de 700 sinaturas para que a praza de pediatra pola que estiveron esperando moito tempo sexa cuberto por un especialista e non por un médico de familia, como vén de facer o Sergas. Entenden que non é de recibo que non cubra esa praza un pediatra, unha opinión coa que estamos totalmente de acordo”, relatou.
Veiga recordou “as mobilizacións dos últimos meses en Brollón, Riotorto ou Pedrafita” e non circunscribiu estas reclamacións só aos concellos pequenos do rural, “senón que tamén hai carencias graves na capital, en barrios da cidade de Lugo, onde hai centros masificados como o da Milagrosa ou se levan prestando servizos de atención primaria nun local totalmente inadecuado, situación que se dá no Sagrado Corazón”, criticou.
Novos centros de saúde no Sagrado Corazón e na Residencia
Por todas estas razóns, “o que lle pedimos á Consellería de Sanidade é que cubra de inmediato as prazas vacantes en todos os centros de saúde da provincia, o incremento do orzamento necesario para dotar a eses centros de saúde dos recursos humanos e sanitarios suficientes en todos os concellos; e, finalmente, esixímoslle á Xunta a construción dun novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón e outro no barrio da Residencia, para atender a demanda dos veciños destes barrios”, concluíu.
“Vacile á democracia” do PP coa moción sobre o rexistro civil
Tamén no referente ás mocións que se debaterán no vindeiro pleno da Deputación, o vicepresidente provincial fixo referencia á presentada polo Partido Popular relativa á reforma do rexistro civil, onde esixen que se garanta o carácter público deste servizo e que se manteña a gratuidade de todos os trámites e certificacións. “É curioso que o Partido Popular presente este moción. Entenderíamos que o fixese no Entroido, pero non agora, porque é un auténtico vacile á democracia”, afirmou.
Veiga argumenta esta opinión polo feito de que “o propio PP foi o que fixo esta reforma e agora desdinse. Xa sabemos que ao PP de Lugo o teñen marxinado en Santiago, pero o que tiñan que propoñerlle aos seus deputados de Lugo é presentar unha moción de censura ao señor Rajoy, que foi o que propuxo isto. Agora parece ser que se opoñen, cando outros partidos sairamos xa hai tempo posicionándonos en contra e avisando do que ía acontecer ao respecto”, rematou.























O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.



