A Xunta de Goberno celebrada este venres aprobou a lista dos primeiros 70 beneficiarios do Ben Empregado!, o 4º macroproxecto de fomento do emprego que a Deputación puxo en marcha nos últimos catro anos. Son os primeiros dun total de 300 lucenses desempregados que accederán a un posto de traballo en máis de 220 empresas e asociacións sen ánimo de lucro de toda a provincia.
Estes 70 beneficiarios asinarán a vindeira semana os contratos para comezar a traballar en diferentes empresas e entidades da provincia por un período dun ano. Serán contratos de calidade, nos que se inclúen cláusulas sociais; estables e con vocación de continuidade, xa que para a selección final das entidades beneficiarias puntuouse máis alto canto máis grande era o compromiso de ditas empresas e colectivos para prolongar os contratos. Igualmente, tamén a vindeira semana, e antes de incorporarse aos seus novos postos de traballo, todos eles recibirán unha xornada de formación gratuíta na Deputación.
En canto ás entidades nas que prestarán servizos estes traballadores, cuxos perfís responden ás necesidades reais destas, atópanse negocios de hostalería; explotacións agrícolas; axencias de viaxes; empresas do sector da madeira; librarías; empresas de servizos inmobiliarios; de artesanía; panaderías; consultorías medioambientais e de servizos de novas tecnoloxías; negocios de automoción ou de electrónica, entre outras.
A Deputación está a desenvolver a segunda fase deste plan que, cun orzamento que aumenta ata os 6 millóns, permitirá a participación de aínda máis entidades e, polo tanto, a contratación de máis desempregados, en concreto máis de 350.
Máis fomento do emprego
Tamén en relación coa creación de emprego, a Xunta de Goberno acordou solicitar a ampliación da programación de cursos do Pacto polo Emprego II, cofinanciado ao 80% por fondos europeos, para aumentar o número de accións formativas deste plan de emprego grazas a máis de 320.000 euros procedentes de remanentes.
As accións formativas previstas son 11: 5 de Coidador de discapacitados físicos e psíquicos; 4 de Atención especializada para enfermos de Alzheimer e 2 de Asesoramento na función xerencial. Cada unha destas accións ofrecerá 15 prazas, polo que se poderán beneficiar outros 165 lucenses desempregados.
Nesta liña, outro dos acordos adoptados hoxe foi a adxudicación de tres novas bolsas formativas para o Servizo de Novas Tecnoloxías, dirixidas a alumnos de Formación Profesional da provincia de Lugo. Este programa de bolsas, no que levan participado 37 persoas nos dous últimos anos, foi posto en marcha pola Deputación hai algo máis de dous anos, á vista do elevado número de alumnos procedentes de ciclos que solicitaban facer prácticas neste departamento do organismo provincial.
Ampliación de prazos
Outros dos acordos adoptados pola Xunta de Goberno celebrada hoxe foi ampliación do prazo de execución das actividades e obras subvencionables co Plan en Impulso do rural e o sector primario, dotado con 2,2 millóns de euros. Este novo prazo rematará o vindeiro 30 de xuño e non o 30 de abril como estaba previsto inicialmente.
Martínez destacou que o obxectivo desta prórroga é non prexudicar a ningún dos máis de 800 veciños e colectivos que as solicitaron atendendo, por unha banda, ao elevado número de peticións recibidas e, por outra, á natureza das obras subvencionadas (recuperación de terras; peche de viñedos; dotación e mellora de traídas de auga; arranxo de camiños, etc.), moitas das cales non se puideron acometer a causa da climatoloxía invernal.
Apoio aos veciños da Residencia
Fóra dos asuntos da Xunta de Goberno, o voceiro provincial socialista trasladou en nome do equipo de Goberno “o total apoio ás reivindicacións dos veciños e veciñas do lucense Barrio da Residencia”, que piden a dotación inmediata de servizos nas instalacións do antigo hospital Xeral, tal e como prometeu Feijóo o 25 de febreiro de 2011.
Martínez lembrou que o pasado mes de marzo o Pleno provincial aprobaba, coa abstención do PP, unha moción esixindo a posta en uso destes edificios, que hoxe “seguen baleiros, abandonados como toda a provincia de Lugo”. Esta falta de actividade está a provocar o deterioro do inmoble e afectando á actividade económica da zona e, por extensión, á de todo Lugo.






















O acto celebrarase este venres 4 de setembro ás 20:30 horas na sala de exposicións. Servirase un viño e un pequeno petisco. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 4 de novembro.
Unha iniciativa destinada "a expresar apoio, afecto e solidariedade con Ceuta". A concentración terá lugar diante da Casa do Concello.
O Concello destacou que esta primeira edición nace para impulsar a creación literaria e manter vivo o legado de Manuel García-Galano. A obra gañadora, definida pola autora como unha historia de suspense psicolóxico sobre amizade, lealdade e segredos, engádese á programación cultural da XXXIII Feira Campomar. Con este premio, o concello inicia unha traxectoria destinada a honrar a figura do escritor a través da literatura.
Villares felicitou á entidade lucense polos éxitos acadados na última tempada e puxo en valor “o traballo e dedicación dos nadadores e nadadoras e o esforzo do equipo técnico” do club. Recalcou en especial o impulso ao deporte base dende idades moi temperás, en liña coa aposta da Xunta por fomentar a actividade física entre os nenos e nenas con accións como o programa de deporte escolar Xogade, que no curso pasado chegou case ao 60% do alumnado galego.
A convocatoria enmárcase na iniciativa promovida pola FEMP para trasladar desde as entidades locais o seu apoio e solidariedade coa Cidade Autónoma de Ceuta. Deste xeito, Viveiro únese á convocatoria xunto con concellos de todo o territorio, amosando o seu respaldo institucional á Cidade Autónoma.
A obra premiada aborda a emigración galega desde unha voz feminina, e o pregón destacou o traballo colectivo e a transmisión entre xeracións dentro da Banda. Con este acto, o Concello dá inicio a unha programación festiva que nos próximos días combinará tradición, cultura, deporte e música para todos os públicos.
Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.



