Mondoñedo 1 de outubro de 2016.- O Concello de Mondoñedo participará no IV Forum de Cidades e Territorios Creativos de España, que se levará a cabo do 10 ao 12 de novembro en Málaga, coa presentación a convocatoria dun proxecto para poñer en valor o patrimonio histórico, turístico e cultural da cidade mindoniense. Así o anunciou a alcaldesa, Elena Candia, quen avanzou que eses días tamén participará “nunha reunión da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España”.
Candia precisou que con esta iniciativa, que nace baixo o nome de Retinae, “preténdese poñer as novas tecnoloxías ao servizo da cultura e o turismo da localidade, resaltando dunha forma rechamante e innovadora o seu patrimonio histórico e facendo así máis atractivo o seu turismo”.
Candia sinalou que o proxecto se levou a cabo en convenio con varias institucións e conta co valor engadido de que os contidos foron supervisados por autoridades científicas, universitarias e académicas, dotándolle así dunha información de calidade. “O equipo do proxecto está formado por profesionais de diferentes sectores como: o asesoramento xurídico e legal, comunicólogos, deseño e impresión 3D, informática, marketing digital ou pilotos de drons”, puntualizou.
Deste xeito a iniciativa conta coa colaboración e o respaldo de diferentes institucións académicas e profesionais como a Universidade Rey Juan Carlos ou a Universidade a Distancia de Madrid.
As novas tecnoloxías ao servizo da cidade mindoniense
Candia apuntou que “o contido principal desta proposta innovadora estará constituído por gravacións aéreas con drons, tomando fotografías e inmortalizando en vídeo diferentes zonas da cidade, resaltando o seu patrimonio histórico e cultural, así como as súas paisaxes e contornas”.
A rexedora avanzou que a tecnoloxía da Realidade Aumentada empregarase para crear diferentes modelos en tres dimensións de edificios e persoas emblemáticas; a cámara de 360 grados servirá para gravar lugares importantes de Mondoñedo para que poidan ser explorados en todos os ángulos; e a impresión 3D vincularase estreitamente coa Realidade Aumentada e empregarase para xerar as figuras dos modelos 3D creados a catedral de Mondoñedo, Álvaro Cunqueiro e o Mago Merlín, sendo estas exactamente as mesmas que se observaron coa Realidade Aumentada.
Expansión e divulgación en China
A alcaldesa amosouse moi satisfeita con este proxecto e adiantou que “está previsto que se desenrole internacionalmente, especialmente en países como China e en plataformas locais como Baidu, principal buscador en China, cos beneficios que esta expansión traería para a nosa cidade”, concluíu.