Santiago, 21 de decembro 2016.- O Grupo Popular defenderá este xoves na Comisión de Sanidade do Parlamento galego unha proposición non de lei a través da que insta á Xunta de Galicia a impulsar a creación dunha consulta de enfermería oncolóxica no Hospital da Costa, en Burela.
Os deputados Encarna Amigo e Daniel Vega explicaron que esta nova prestación asistencial viría a completar os servizos dos que dispón o hospital público da comarca do norte lucense, que xa na pasada lexislatura contou con grandes avances no coidado de enfermos de cancro grazas á posta en marcha da sala de tratamentos de quimioterapia.
Encarna Amigo apuntou que “a creación da nova consulta especializada de enfermería oncolóxica permitirá que os doentes e os seus familiares conten cun persoal encargado de explicarlles os coidados que teñen que seguir, os efectos dos tratamentos, as fórmulas para palialos e, en xeral, resolver todas as dúbidas ou calquera cuestión referente á enfermidade”.
A posta en marcha da nova consulta persegue, ademais, diminuír o grao de ansiedade que produce a enfermidade e axilizar os procesos de valoración, así como a frecuencia das visitas dos pacientes á área de urxencias, como garantía para mellorar os obxectivos terapéuticos e de calidade de vida dos enfermos.
ONCOLOXÍA A PLENO RENDEMENTO
Encarna Amigo lembra que un dos avances máis significativos na sanidade pública da Mariña lucense acadados na pasada lexislatura por decisión do Goberno galego foi a posta en marcha do hospital de día oncohematoloxico no Hospital da Costa en novembro de 2014.
“Este novo servizo permitiu que moitos enfermos de cancro poidan recibir no centro hospitalario mariñán, preto dos seus fogares e sen necesidade de desprazarse ata a cidade de Lugo ou de A Coruña, os tratamentos de quimioterapia prescritos xunto á asistencia dun oncólogo especializado en función da tipoloxía dos tumores”, indicou.
Neste sentido, apuntou que, “aínda que a súa implantación foi progresiva ao longo do tempo, desde principios do pasado mes de setembro as consultas xa funcionan os cinco días da semana, o que significa que o servizo xa está a pleno rendemento”. Neste momento o hospital aplica os tratamentos de quimioterapia a todas as patoloxías oncolóxicas. “De feito, cada doente ten un oncólogo de referencia especializado na súa patoloxía o que achega maior calidade ao servizo”, lembrou.
O Hospital da Costa conta tamén con diversas vías rápidas que permiten unha detección precoz ante a mínima sospeita e de comités de tumores, integrados por oncólogos e especialistas de cada área, ademais dos internistas ou profesionais de anatomía patolóxica que se encargan de abordar cada cancro dun xeito multidisciplinar, un obxectivo que se completaría definitivamente co reforzo dunha nova enfermeira.
COMPROMISO COA SANIDADE COMARCAL
Amigo salienta que “os deputados populares da Mariña iniciamos esta nova lexislatura do mesmo xeito que remataron o anterior: con propostas en positivo para a mellora do sistema público de saúde na comarca norte lucense”.
Nese sentido, fixo un recoñecemento expreso ao papel de Jose Manuel Balseiro que, na súa condición de deputado (da que cesou para facerse cargo da Delegación Territorial da Xunta en Lugo) e apoiado polo resto dos cargos públicos mariñáns e o conxunto dos parlamentarios populares, “sempre defenderon os novos servizos e as melloras incorporadas no hospital público da Mariña, tamén sempre ben acollidos desde a Consellería de Sanidade”. Entre os feitos que demostran este compromiso coa sanidade da Mariña do PP, Encarna Amigo citou as obras de ampliación do hospital, a creación da sala de quimioterapia, a segunda sala de endoscopias, os novos ecógrafos ou o novo servizo de hospitalización a domicilio, entre outras.


















A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



