A Mariña, 10 de abril de 2017. Os seis Concellos da Mancomunidade de Municipios da Mariña participantes no programa Avanza celebrarán mañá unha reunión para estudar a inserción laboral de 21 persoas que están a participar neste proxecto.
O presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, lembra que “os seis concellos que estamos no programa Avanza, que somos os de A Pontenova, Riotorto, Mondoñedo, Barreiros, Burela e O Vicedo, imos falar para buscar empresas que colaboren con nós para a inserción laboral das 21 persoas que actualmente se están a beneficiar deste plan. Temos que determinar de cara ao verán onde van ir traballar estas persoas porque este programa remata o 31 de decembro”.
Llano explicou que “tamén imos falar da contratación dunha empresa para que leve adiante a formación nas tres especialidades de axuda no fogar, restauración e resto de servizos como poden ser o forestal ou o agrario, que se desenvolven neste programa”.
A xuntanza terá lugar mañá, martes, no Concello de Burela a partires das 19:30 horas.