Alfoz 29-8-17. No verao de 1997 un grupo de veciños de Alfoz, acompañados por deportivistas doutras localidades próximas, creaban a Peña Deportivista “Pardo de Cela” no local que continúa hoxe a ser a súa sede, o Bar San Pedro, na parroquia de Mor, no Alfoz.
Viaxes a Riazor e celebracións dos triunfos do Deportivo da Coruña na sede da peña constituíron as actividades fundamentais durante estes vinte anos.
Malia que a peña naceu no ´97, a inauguración oficial tivo lugar en xuño de 1998, cando Augusto César Lendoiro, daquela presidente do clube, se desprazou até o Alfoz para participar na celebración.
Nos eventos programados pola Peña “Pardo de Cela” foi frecuente a presenza de xogadores ou membros da directiva do club; de tal xeito, o mítico Fran estivo no Bar San Pedro gozando dunha cea cos peñistas do Alfoz e en múltiples ocasións visitaron a localidade Barros Botana (delegado de campo) e Quique Calvete (membro do Consello de Administración), do mesmo xeito, a Federación de Peñas do Deportivo adoita fretar un bus desde A Coruña para que os membros doutros colectivos deportivistas participen nas celebracións dos seguidores alfoceses. De tal xeito, este domingo, membros de numerosas peñas doutras localidades chegarán ao Alfoz para conmemorar o vixésimo aniversario da peña local.
Nesta ocasión, co gallo dos vinte anos de traxectoria, a peña dará a coñecer a súa bufanda oficial; peza na que os deportivistas alfoceses quixeron fusionar os tres símbolos máis amados por eles: a bandeira da Galiza, o castelo do Alfoz e o escudo do Deportivo da Coruña.
Desde a súa fundación, a Peña “Pardo de Cela” é presidida por Enrique Lorenzo Villar, coñecido por todos polo alcume de “Muro”.
PROGRAMA DE ACTOS DO DOMINGO 3 DE SETEMBRO EN CORRELOS (MOR, ALFOZ):
13:15 h.: Discurso do presidente da peña anfitrioa e recibimento dos directivos do RC Deportivo da Coruña.
13:45 h.: Recepción de peñas convidadas por parte da Xunta Directiva da peña anfitrioa.
14:00 h.: Xantar no souto de Correlos baixo carpa (sardiñada e churrascada cun aperitivo sorpresa) -prezo: 10 €; pan, viño e café incluídos-
15:30 h.: Intervención dos membros directivos do RC Deportivo da Coruña
16:00 h.: Actuación do grupo cómico-musical “Trío Forza Dépor”
17:00 h.: Intervención do voceiro da Federación de Peñas do Deportivo.
17:30 h.: Presentación da bufanda oficial da Peña “Pardo de Cela”
18:00 h.: Actuación do grupo cómico-musical “Trío Forza Dépor”
20:00 h.: Despedida e agradecemento aos directivos do club e ás peñas convidadas por parte da Xunta Directiva da peña anfitrioa.