- A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, reuniuse coa presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, para pechar os preparativos dos actos de homenaxe a Agustín Fernández Paz que se celebrarán esta fin de semana
O venres descubrirase a placa que oficializa o nomeamento da Biblioteca Municipal co seu nome, dentro da iniciativa “Miradas sobre Agustín 2026-2027”, que busca divulgar o legado do escritor e apoiar a súa candidatura ás Letras Galegas de 2028. O programa inclúe unha exposición, a lectura dun manifesto e unha conferencia. O sábado entregarase no Auditorio o IX Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade. Rouco destacou a importancia de visibilizar a figura do autor e convidou a veciñanza a participar nos actos.
- O deputado Daniel García visitou o Muíño de Coea, en Castro de Rei, onde alumnado do CEIP Pedro Caselles Rollán participou nunha actividade do programa Da Escola á Granxa
As nenas e nenos coñeceron o proceso de moenda e levaron unha mostra de fariña. García destacou a importancia de achegar a realidade do rural á infancia e agradeceu a colaboración das granxas, ANPAS e centros educativos. O Muíño de Coea é unha das novas incorporacións a un programa que este ano inclúe 210 actividades e chega a máis de 6.000 escolares de 74 centros da provincia.
- Aberto o prazo para participar no Mercadiño de Nadal de Lourenzá, que se celebrará o 20 de decembro
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
- O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, presentaron o Gran Sorteo do Pequeno Comercio de Lugo, unha campaña que sortea un vehículo híbrido para incentivar as compras no comercio de proximidade ata o 30 de novembro
Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web sorteocomercio.es/coche. O coche, exposto esta semana na praza, percorrerá varios concellos da provincia —Burela, Sarria, Vilalba e Monforte— para promover a iniciativa. O sorteo celebrarase o 3 de decembro ante notario. Rivera destacou o carácter innovador da campaña e o apoio da Deputación ao comercio local, mentres Seijas puxo en valor o seu papel para fortalecer a economía provincial nun contexto marcado polo aumento do custo de vida.
- Memorias dun neno labrego, de Contraproducións, este sábado, 24 de outubro, no Pastor Díaz de Viveiro
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
- O Concello de Cervo celebrou este luns unha andaina solidaria en apoio á loita contra o cancro, unha actividade que reuniu veciñanza nun ambiente de esperanza e compromiso
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
- O deputado de Medio Rural, Daniel García, participou este domingo na entrega de premios da Gran Feira Cabalar das San Lucas, en Mondoñedo
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.