Nota de Prensa
José Manuel Balseiro criticou que os nacionalistas reclamen en Galicia que se estendan aos tripulantes as compensacións por paralización da actividade, cando nas Cortes non apoiaron unha iniciativa do PP que ofrecía solucións a este problema
O PPdeG CENSURA O “DOBRE DISCURSO” DO BNG RESPECTO DA MOCIÓN NA QUE ESA FORMACIÓN PEDÍA A URXENTE PUBLICACIÓN “DUNHAS AXUDAS QUE XA EXISTEN” PARA O SECTOR DA PESCA PERO QUE O GOBERNO CENTRAL AÍNDA NON ABONOU
• O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular salientou no Pleno Parlamentario que o Goberno de Zapatero “foi incapaz de aprobar en tempo e en forma” as ordes de axudas e que aínda “non se pagou nada”.
• O deputado popular cualificou de “peregrino” que se pretenda derivar o problema á Xunta de Galicia, cando a solución “non está en trasladar o problema aos demais, senón en esixir dilixencia e que o Goberno central cumpra co que promete”.
Santiago, 10 de xuño de 2009.- O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, José Manuel Balseiro, censurou hoxe, no Pleno da Cámara, o “dobre discurso” do BNG respecto da moción na que esa formación pedía a urxente publicación “dunhas axudas que xa existen” para o sector da Pesca pero que o Goberno central aínda non abonou. Balseiro explicou que xa foron publicadas a meirande parte das ordes de axudas, tanto para armadores como para tripulantes, aínda que “meses despois de terse comprometido a facelo”, polo que “novamente, a fórmula PSOE máis axudas máis Zapatero dá como resultado un tarde, mal e arrastro”.
José Manuel Balseiro criticou que os nacionalistas reclamen en Galicia que se estendan aos tripulantes as compensacións por paralización da actividade, cando nas Cortes non apoiaron unha iniciativa do PP que ofrecía solucións a este problema. “O Grupo Popular –indicou- non será cómplice nin coartada para que poidan dicir unha cousa aquí e outra ben distinta en Madrid”. O deputado lembrou que o seu partido logrou sacar adiante no Congreso unha iniciativa “moito máis ambiciosa que a que hoxe pretenden aprobar aquí” na que se reclamaba que as axudas poideran ser aboadas en espazos non superiores a 30 días e que as compensacións correspondentes aos armadores non se dilataran no tempo por máis de tres meses. Sen embargo, o BNG non votou a favor da dita iniciativa, polo que Balseiro pediu aos deputados nacionalistas que explicaran “cómo é posible que agora pretendan aparentar aquí que están preocupados polos mariñeiros, pois cando debían facelo, o BNG pregouse en apoio do Goberno de Zapatero, en contra dos intereses da flota galega”.
O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular salientou no Pleno parlamentario que o Goberno de Zapatero “foi incapaz de aprobar en tempo e en forma” as ordes de axudas e que aínda “non se pagou nada”. Tras apuntar que os afectados son arredor de 4.500 mariñeiros e 465 embarcacións das flotas de Gran Sol, Arrastre de litoral, artes fixas, palangre de superficie e NAFO, o deputado considerou “unha mostra máis do esquecemento que os actuais responsables do Goberno central teñen con respecto á flota galega” o feito de que o dito goberno non aproveite os mecanismos que a lexislación comunitaria reflicte “para compensar o impacto nas economías familiares dos profesionais e empresas do mundo do mar afectadas polas paradas da flota e a carencia de ingresos”. Unha situación da que o novo Goberno de Galicia “quixo facerse eco”, amosando a súa preocupación por escrito perante o departamento da ministra Elena Espinosa.
INCUMPRIMENTO DO GOBERNO CENTRAL
Para o PPdeG, “hai que reclamar dilixencia, celeridade e un compromiso firme” na aplicación das axudas. Nese sentido, o deputado popular cualificou de “peregrino” que se pretenda derivar o problema á Xunta de Galicia, cando a solución “non está en trasladar o problema aos demais, senón en esixir dilixencia e que o Goberno central cumpra co que promete”. O Goberno central “publicou tarde as ordes de paralización” e está a incumprir o articulado das ordes de axudas, que obrigan a efectuar o pagamento ao final do período da parada unha vez recaída resolución favorable. Sen embargo, indicou Balseiro, “hai barcos que empezaron a parar en outubro, arriscaron os seus cartos e hoxe non se lles paga”.
O portavoz do Mar do Grupo Popular considerou que o BNG pretendeu,“ocultar os graves erros cometidos” coa presentación da súa moción, xa que, dixo “son conscientes de que trasladar o problema ata a Xunta de Galicia non sería unha solución aceptable a día de hoxe”. Adiantar os cartos das axudas, explicou, “tendo en conta a amplitude da flota afectada e o número de embarcacións que existen na nosa comunidade esixiría reprogramar os fondos”, un proceso complexo, que precisa do visto e prace da Unión Europea “e que non ofrecería máis que demoras e atrasos na percepción das axudas”. Doutra banda, o deputado popular preguntou aos nacionalistas que se a solución era achegar fondos autonómicos “cómo é que non deixaron os fondos consignados nos orzamentos para 2009”.
Por último, José Manuel Balseiro recriminoulle ao BNG que dera “a calada por resposta” cando o Ministerio publicou a orde de axudas e deixou fóra á flota de artes fixas. “Vostedes tiveron máis dun ano para reclamar a súa inclusión, pero fano agora, sabedores de que non sería útil”, subliñou, antes de lamentar tamén que cando o BNG “tivo a forza de condicionar os orzamentos non lembraran este tipo de reclamacións, pois había que ceder e ser servís a Zapatero malia que quen perdera fora Galicia”.

















No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
O vendedor da ONCE Daniel José López Legaspi foi quen levou a sorte ao municipio desde o seu posto de venda situado na Praza Maior.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



