Colectivo Cultural Buril
Fai hoxe un mes, o Buril facía pública a súa proposta para retirar o nome do bispo fascista Eijo Garay a unha das principais rúas da nosa vila, tendo en conta a súa implicación directa no golpe de estado do 36 e na posterior represión e consolidación do réxime franquista, proposta feita ao amparo da Lei da Memoria Histórica en vigor, cuxa aplicación xa nos tiña dado a razón hai só uns meses coa retirada do nome de Eijo Garay ao actual colexio vigués “Illas Cíes”, cidade de nacemento do “Patriarca”.
A nosa intención era acadar o apoio dos tres grupos políticos con representación no Concello de Burela para que a nosa proposta fose aprobada en pleno municipal, mais despois de entrevistármonos coas tres forzas políticas vimos que non había unha postura de consenso. Desde o Buril temos que agradecer o trato sempre cordial que nos deron por parte dos tres partidos e o respecto con que foi acollida a nosa proposta, aínda que non podemos ocultar unha certa sorpresa pola falta de apoio inmediato a unha iniciativa para a que críamos (e continuamos a crer) que non hai debate. Ou hai alguén que entenda que un señor que apoiou un golpe de estado contra un goberno lexitimamente elixido en febreiro de 1936, poda ter unha rúa dedicada á súa figura na nosa vila? Mais aínda cando sabemos, polo 1º Informe das Vítimas da represión en Galicia (1936-1939) -estudo de recentísima publicación, froito dun proxecto de colaboración entre as tres universidades galegas- que morreron neses anos na Galiza 4.560 persoas de forma extraxudicial e 1.091 persoas por xuízo sumarísimo. Diante destes tristes datos, o Buril non pode mais que continuar cara adiante coa súa iniciativa, aínda que entendemos que haxa que facer unha reformulación da proposta inicial pola falta de consenso por parte dos partidos políticos da vila.
Despois dunha rolda de reunións encontrámonos coa seguinte situación: o Partido Popular mostrouse en contra de retirar unha rúa ao bispo, aludindo á súa “axuda” para a construción do porto de abrigo, estando tamén en contra da aplicación dunha lei que eles rexeitan, posición coa que non concordamos, como ben se pode deducir do noso último artigo publicado ao respecto; Foi outro o sentir do PSOE e BNG, entendendo estes que a lei ten que ser aplicada, mais desde un prantexamento xeral, no que sexa unha Comisión integrada por representantes dos partidos políticos e das asociacións veciñais e culturais de Burela, a encargada de estudar non só o caso da rúa Eijo Garay, senón os de todas as rúas e símbolos da vila que se podan ver afectados pola citada Lei da Memoria histórica.
O Buril, tendo en conta o dito até aquí, vai manter firme a súa intención de eliminar o nome de Eijo Garay dunha das principais rúas da nosa vila, así como de todos os nomes e símbolos relacionados co franquismo, polo que vamos apoiar a creación desa comisión, por coherencia e por entender que é unha iniciativa dos dous partidos políticos que a día de hoxe forman maioría de goberno en Burela, e polo tanto representan á maioría social da nosa vila. Non podía ser doutro xeito, pois a proposta do Buril non se podía cinguir exclusivamente ao caso da rúa Eijo Garay, deixando fóra outras rúas e/ou símbolos, como se pode reparar se ollamos o título do dossier no que presentábamos a nosa proposta orixinal: Por hixiene democrática: Eliminación da simboloxía fascista da nosa vila!. É por iso que tamén temos que manifestar o noso malestar por aquelas opinións aparecidas en distintos medios de comunicación nas que se dubidaba da nosa falta de rigor ou de actuar de forma pouco consecuente, cuestionando qué faríamos desde o Buril coa Avenida Arcadio Pardiñas, se chegado o momento se lle tivese retirado unha rúa a Eijo Garay.
Sen entrar agora en polémicas estériles que pouco ou nada poden aportar á consecución dunha Burela limpa de “heroes” e símbolos franquistas, e tendo en conta que deberá ser a comisión a que estude caso a caso todos as rúas e símbolos que podan estar afectados pola Lei, entendemos que a priori non se pode establecer unha comparación minimamente razoábel entre un dos actores principais dun golpe de estado ilegal e dunha brutal represión que deixou milleiros de mortes no noso país e un alcalde dun pequeno concello da Mariña no tardo-franquismo.
Agardamos que ficase clara a postura do noso colectivo e esperamos que a comisión sobre a presenza de simboloxía franquista en Burela sexa unha realidade que xere un espazo de debate serio e sempre desde o respecto ás persoas que nela se integren. Tamén esperamos que participen todos os partidos políticos e axentes sociais convocados. Nós, alí vamos estar.




















A reorganización dos espazos —stands na Praza do Casino e presentacións no Cine Fantasio— foi clave para o éxito. A concelleira de Cultura, Patricia Rodríguez, destacou a boa acollida e a resposta do público, valorando moi positivamente o novo formato.
Estivo organizada polo Motoclub Os de Sempre, que reuniu este fin de semana a centos de participantes chegados de Galicia, Asturias, León e o Bierzo. O programa incluíu unha ruta nocturna en homenaxe aos moteros falecidos, ademais de momentos de convivencia en comidas e actuacións musicais dos grupos Primera Línea e Malditos Pendejos. Na entrega de trofeos participaron o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e a concelleira Isabel Rego.
Destacou o seu valor como punto de encontro e motor económico e cultural da comarca. Arias puxo en valor o labor do Concello por manter eventos de referencia como a Moexmu, esta feira e a próxima Festa da Filloa, que contribúen a promover o sector agrogandeiro e a tradición galega.
A concelleira de Cultura, Ana Cartelle, destacou que “es un privilegio para Ortigueira contar con una formación de la talla de Qvinta Essençia”, e subliñou que o concerto ofrece “una oportunidad única para disfrutar de una música que en su día fue la vanguardia de las cortes europeas”. O recital propón unha viaxe pola lírica e a música do Renacemento, con obras de Guerrero, Morales ou Vázquez e textos de Garcilaso, Boscán ou Lope de Vega.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.



