Cervo, 4 de novembro de 2013-A Casa da Cultura acollerá a partir deste venres a exposición de fotografía “Anxos, demos e outros retratos divinos de la muerte”, do fotógrafo coruñés Isidro Cea. Unha mostra de temática fantástica na que o autor inmortaliza a distintas personaxes que camiñan entre o real e o imaxinario: Eva no paraíso, Jack o Destripador, Romeo e Xulieta, a raíña da noite e outros retratos cunha técnica situada entre o realismo e a ilustración. Vinte retratos nos que o contorno, máxico, de lenda e de conto, tamén adquire a súa importancia, achegándose nalgúns casos á estética gótica.
A inauguración, aberta ao público, terá lugar este venres ás 20 horas na sala de exposicións da Casa da Cultura e contará coa actuación musical do grupo vocal SondeNós, composto por soprano, mezzosoprano, tenores, barítonos e baixo dos cales tres son mariñáns, en concreto de Viveiro e O Vicedo. Un grupo de recente formación pero que está formado por profesionais da música con estudos neste campo e unha longa traxectoria por separado.
En canto ao autor, Isidro Cea é técnico superior de Imaxe e Son dende hai máis de 20 anos e compaxina a súa labor de técnico de radio coa fotografía. Leva dende o 2008 realizando exposicións de diferente temática, aínda que a fantástica foi dende sempre a súa inspiración. “Anxos, demos e outros retratos divinos de la muerte” exhíbese nun concello da Mariña por primeira vez.
A edil de Cultura, Begoña Alonso, quixo aproveitar para convidar á cidadanía a asistir a inauguración “na que poderán contemplar a exposición mentres escoitan música vocal en vivo, de xeito que este acto será un momento único”.