A Xunta de Goberno deste venres aprobou definitivamente os derradeiros investimentos da Deputación con cargo ao Orzamento de 2014, que foron acordados de xeito inicial nunha sesión extraordinaria antes de rematar o ano, concretamente o 30 de decembro. Son 560.000 euros para a recuperación do patrimonio histórico-artístico da provincia, para a mellora de instalacións deportivas públicas na parroquia de Corbelle, en Sarria, e para rematar as obras na estrada 5501, do Marco de Álvare ás Rodrigas, en Riotorto.
O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que se aprobaron convenios coas Dióceses de Mondoñedo e Lugo para financiar con 306.000 euros ó arranxo de igrexas, capelas, petos de ánimas…de todos os Concellos lucenses.
Acordouse outro convenio coa Asociación Cultural Lavanqueira de Sarria para financiar con 19.000 euros melloras na pista polideportiva de Corbelle e na súa contorna, “que beneficiarán, directamente, os máis de 100 veciños da zona”, remarcou Martínez.