Burela, 25 de marzo de 2015.- O Concello cederalle a Bumei gratuitamente unha vivenda dos mestres co obxectivo de destinala a piso de emerxencia para vítimas de violencia de xénero. Este será un dos asuntos que se abordarán no pleno ordinario que se celebrará este xoves pola tarde.
O concelleira de Servizos Sociais, Diana Durán, explica que “Mujeres en Igualdad de Burela (Bumei) solicitoulle ao Concello a cesión de uso gratuíto do ben inmoble sito na pranta baixa da rúa das Escolas, nº 4, para poñer en marcha o proxecto vivenda de emerxencia para vítimas de violencia de xénero. O servizo que propoñen desde Bumei considérase que cumpre unha clara finalidade de interese social, cuestión que á súa vez quedou acreditada na memoria técnica presentada pola propia asociación”.
A edil popular indicou que “o proceso a seguir foi o de adxudicación directa ao tratarse dunha operación con singularidade propia, como é a execución dun proxecto de grande valor social. Desde o CIM entendemos que este recurso é necesario para as mulleres vítimas de violencia de xénero, posto que non existe ningún outro na Mariña e o máis próximo atópase en Lugo capital. Ademais cando ese piso está ocupado (o de Lugo) as mulleres, os seus fillos ou persoas ao seu cargo teñen que desprazarse a outras provincias con todo o que iso supón para quen se ten que separar do seu mundo e entorno habituais”.
Durán asegurou que “vistos os informes de Secretaría e Intervención e a memoria técnica de Bumei o equipo de goberno entende positiva a cesión gratuíta de uso con carácter temporal da vivenda dos mestres. E lembrou que “foi arranxada con fondos da Xunta a través de obradoiros de emprego”.
A concelleira de Servizos Sociais dixo que “Bumei é a única asociación rexistrada no Concello que nos seus estatutos recollen como fin expreso a xestión dunha vivenda de emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus familiares dependentes, de ser o caso. O proxecto estivo a exposición pública e non foron presentadas alegacións. Bumei conta con autonomía suficiente para a súa xestión cumprindo con todos os requisitos esixidos para o seu funcionamento. Está rexistrada no RUESS (Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais) e caracterízase por ser independente e sen ánimo de lucro. Este mesmo proceso seguiuse con Eu Son para a cesión gratuíta de locais municipais a prol de persoas con discapacidade intelectual e o mesmo se fai con Afan (Asociación de Familiares de Persoas Enfermas de Alzheimer e outra Enfermidades Neurodexenerativas)”.
Para Durán “as mulleres vítimas de violencia de xénero son un colectivo ao que sen lugar a dúbidas hai que protexer e por iso se quere poñer en marcha este proxecto. Gustaríame que a oposición o apoiase, dado que ten por obxectivo a atención a este colectivo de mulleres e ás súas familias, que ás veces se ven obrigadas a abandonar o seu entorno habitual”.