O Concello de Xove vén de acometer unha obra, incluída no POS (PLAN DE OBRAS E SERVIZOS) da Deputación, denominada “Mellora de seguridade no núcleo de Ceranzos” coa que se elimina un punto negro de acceso á praia de Esteiro. Conta cun investimento de 28.931,91 euros, dos cales o Concello aporta 15.775,05 euros, aportando a Deputación o resto.
A estrada, que conduce á Praia de Esteiro e ten o seu inicio no cruce de A Vara, ten no núcleo de Ceranzos un punto negro, un auténtico tapón entre dúas casas, tan estreito que impide o paso de dous coches simultaneamente, dificultando tamén o paso dos autobuses escolares; estamos a falar dunha estrada que, sobre todo nos meses estivais, ten moito tráfico, xa que conduce a nosa praia de Bandeira Azul de Esteiro. Pois ben, dende o Concello decideuse eliminar este punto negro, incluíndoo no POS deste ano 2015.
A obra, que se está executando este mércores, consiste en eliminar unha das casas (que está abandonada dende hai anos) para así gañar espacio e facilitar o tránsito. A área vaise retranquear, quedando limitada cun muro de nova construcción.
En definitiva, unha moi sustancial mellora desta estrada, que sen dúbida notarán os veciños e os moitos visitantes e usuarios da Praia de Esteiro.