Foz 29-02-2017.- Si se ten en conta que no pleno do mes de xaneiro o PSOE presentaba unha moción para constituír una mesa que iniciase os tramites para a xestión publica do servizo da auga, e que dita moción resultou rexeitada polo voto en contra do PP e o BNG. Non deixa de ser sorprendente que no pleno deste mes de febreiro, o mesmo BNG, presente unha moción para a municipalización do servizo da auga.
Moción que non é máis que unha declaración de intencións, xa que non sabemos, a día de hoxe, en que consiste o “inicio dos trámites” que nela se pedía.
O grupo municipal socialista intenta emendar dita moción, para que se iniciasen os trámites XA, para fixar un calendario e empezar a traballar falando con todos os axentes sociais, emenda que non foi aprobada, contando co voto en contra do BNG, o cal xa é claramente surrealista.
Afirmaba esta moción dos nacionalistas, que a municipalización non é un tema exclusivamente ideolóxico senón tamén técnico e o grupo socialista facíalles unha serie de preguntas: Por que agora é tecnicamente posible e non foi tecnicamente posible e mesmo necesaria hai 20 anos a privatización? Ou, por que é tecnicamente posible en Foz e non en Ribadeo onde goberna o BNG? Ou, Por que avogan pola xestión pública da auga en Foz e, en cambio, admiten que a residencia de anciáns debe darse directamente a mensaxeiros da paz, sen saír a concurso? Xustifican, ademais, que a xestión pública da residencia non é nin legal nin tecnicamente posible sen ter un informe, estudo ou auditoría respecto diso? Falan dun período transitorio sen saber se dentro de catro anos será posible a xestión pública? Preguntas, todas elas, que quedaron sen resposta por parte do BNG.
O PSOE aposta forte pola municipalización, a uns meses de vencer o contrato coa empresa é o momento de mostrar vontade política para abordar o tema. Por iso, faciamos unha invitación no pleno para que os membros da corporación nos acompañasen a unha “mesa técnica sobre o ciclo da auga” que tiña lugar ao día seguinte na Coruña onde interviñeron membros de AEOPAS, EMALCSA. Alí puidemos comprobar que a municipalización do servizo de auga en España é imparable, que produce aforros significativos e repercute directamente nos veciños, non só no recibo, senón na calidade do servizo. Permite que os traballadores participen nas decisións e que a xestión sexa máis transparente. Informáronnos das dificultades e problemas que nos podemos atopar e como afrontalos. A pesar da nosa invitación non asistiu ningún dos membros do equipo de goberno nin do resto da oposición, o que demostra a falta de vontade política.
Pero todo o anterior carece de importancia, se como intuíamos, dita moción non ía saír adiante en Foz. O curioso é que o equipo de goberno só contaba con catro membros ao ausentarse unha das concelleiras do PP por cuestións laborais. O voto de calidade do Alcalde impediu que saíse adiante a pesar do voto favorable do BNG e PSOE, e a abstención de un dos membros de FPF ao estar ausentes na deliberación os outros dous membros por ter relacións coa empresa. Non dubidamos da honestidade da decisión de ausentarse nas deliberacións, que se repite con un membro do BNG cando se trata de decidir sobre a residencia, pero rompe o xogo das maiorías e impide executar o mandato recibido dos veciños de acordo coa representación que nos outorgaron nas urnas. En definitiva, calquera decisión sobre estes temas colócanos en mans do PP, desvirtuando a representatividade e impedindo tomar decisións adecuadas. Dando a sensación dunha corporación “descafeinada”
A da auga, non é a única batalla que se está librando na maioría de concellos de España, tamén se fala da xestión pública das residencias de maiores, dos servizos sociais, da limpeza e xardíns… Algo está a cambiar e en Foz non podemos ser alleos. Desde logo o PSOE vai expor todas as iniciativas que sexan necesarias para que os servizos básicos sexan de xestión municipal.
Neste pleno, ademais, aprobáronse as tres mocións presentadas do PSOE.
Unha para instar a que dunha vez se publique o Real Decreto do Goberno Central sobre a “polilla da pataca”, a que se fixen indemnizacións no caso de ter que arrincar plantacións, a que se inicien plans de investigación e sobre todo, a que se traslade a información de forma inmediata aos agricultores, xa que as queixas máis habituais destes son a falta de información e a tardanza en tomar as medidas adecuadas.
Outra para que o concello se adhira ao programa de vivendas baleiras da Xunta de Galicia, para poñer a disposición vivendas para persoas en risco de exclusión social ou violencia machista. A que se elabore un convenio para que tanto promotores como particulares poñan a disposición do concello vivendas e a que se completen as axudas ao aluguer a familias en risco de exclusión social por parte do Concello.
Por último, presentamos unha moción para conmemorar o 8 de marzo, día da muller, instando a promover unha exposición, mesa redonda ou actuación doutro tipo para lembrar e dar a coñecer as vidas das nosas antepasadas, co fin acadar unha visión conxunta da muller focense e a súa historia.