8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
En 1908, en New York tivo lugar unha traxedia colectiva: 129 mulleres pecháronse en Cotton, unha fábrica téxtil na que traballaban co fin de conseguir o recoñecemento dos seus dereitos laborais. Esa mesma noite, morreron queimadas dentro, loitando.
En 109 anos, os dereitos laborais seguen sendo diferenciados en función do noso xénero e características persoais (raza, etnia, idade, discapacidade, orientación sexual…).
ACADAR, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, ante un novo 8 de marzo, pon de manifesto o seu compromiso para promover a igualdade de oportunidades entre as persoas. Para isto, é preciso tomar conciencia da situación social da que formamos parte activa, dos retos e avances alcanzados así como daqueles que continuamos reivindicando.
Reivindicamos o exercicio e goce de cada un dos dereitos que socialmente se conseguiron. Alzamos a nosa voz para reivindicar unha cidadanía que teña presente que todas as persoas que formamos parte da sociedade temos os mesmos dereitos.
Na actualidade o feminicidio é un asunto de Estado, e unha parte de nós morre con cada voz calada. Millóns de mulleres en todo o mundo necesitan garantir dereitos tan básicos como o acceso á educación, ao traballo ou á participación política. É importante continuar o noso proceso de empoderamento para que as mulleres tomemos o control das nosas vidas en igualdade de condicións que o resto da humanidade.
É necesario que dende as Administracións Públicas se impulsen políticas sociais con perspectiva feminista, onde a discriminación de sexo deixe de existir. Abramos camiño e marquemos pegadas onde os roles de xénero e estereotipos sexan abertos á liberdade de elección de cada persoa no que a igualdade salarial sexa cousa do presente.
Por todo isto, reivindicamos aos Gobernos e á sociedade:
•Que se garanta a igualdade salarial entre mulleres e homes.
•Que se impulsen medidas de conciliación e corresponsabilidade entre mulleres e homes.
•Que se doten os medios necesarios para garantir unha formación idónea que potencie as capacidades das nenas e mulleres con discapacidade.
•Que se promovan programas que aseguren o acceso á formación e emprego das nenas e mulleres con discapacidade.
•Que se garantan os recursos e apoios necesarios que favorezan a participación plena no ámbito público das nenas e mulleres con discapacidade prestando especial atención ao ámbito rural.
•Que se implanten medidas encamiñadas a erradicar o fracaso escolar e abandono dos estudos das nenas e mulleres con discapacidade.
•Que se considere a violencia de xénero contra as mulleres como un asunto de Estado.
•Que a xudicatura, fiscalía e avogacía teñan unha maior concienciación, sensibilidade e coñecemento da realidade das mulleres con discapacidade no exercicio das súas funcións.
•Que se incorpore o indicador da discapacidade en todas as estatísticas de violencia contra as mulleres, tanto maiores como menores de idade, de calquera ámbito territorial.
•Que se incorpore a discapacidade nas campañas de prevención e sensibilización contra a violencia, e que se distribúan en formatos accesibles.
•Que se potencie unha imaxe real e positiva das nenas e mulleres con discapacidade para favorecer a súa inclusión en todos os ámbitos da vida, eliminando calquera forma de discriminación.
Non podemos permitir que as mulleres vítimas de violencia de xénero se convertan en vítimas dun sistema inadecuado para atendelas por falta de vontade e de recursos. Nin unha menos.