Viveiro, 01 de abril de 2017. A España católica do ditador Francisco Franco que impoñía por decreto (“La religión católica, apostólica, romana sigue siendo la única de la Nación española y gozará de los derechos y de las prerrogativas que le corresponde en conformidad con la Ley Divina y el Derecho Canónico”) foi derrogada no ano 1978 polo artigo 16 da Constitución Española, onde se afirma o carácter aconfesional do Estado e, polo tanto, de todas as súas institucións, incluídos os Concellos.
A participación dun cargo público en actos relixiosos supón unha vulneración deste principio de aconfesionalidade e contravén, ademais, o principio de igualdade e respecto a todas as crenzas ao favorecer e promover o privilexio dunha delas.
Ningún dos dereitos relativos a unha determinada crenza ou relixión concreta debe ser imposto nin promovido por riba doutros, como acontecía na triste e tráxica etapa predemocrática da nosa recente historia.
A convivencia en sociedade ten que permitir o logro dun equilibrio entre as esferas pública e privada. O ámbito ou espazo público define o que é común a toda a cidadanía. As conviccións relixiosas ou espirituais pertencen ao ámbito privado e deben estar á marxe no ámbito do público ou do político.
As Administracións Públicas, entre elas os Concellos, non deben pois identificarse con crenza relixiosa algunha, e ningunha destas crenzas pode impoñerse a través do poder político. Unha institución democrática, como este Concello, debe defender, sen ambigüidades, a súa aconfesionalidade.
Estes argumentos son parte da moción que presentará o grupo SON Viveiro no vindeiro pleno do mes de abril e deben ser razón suficiente para que desde a Alcaldía de Viveiro a Sra. Loureiro deixe de actuar de acólita da Xunta de Confrarías, tal e como ocorre na actualidade, e pare de cursar invitacións de asistencia de cargos institucionais a actos relixiosos, onde chegan a impoñerse normas protocolarias respecto á vestimenta e discriminatorias en función do sexo.
Tamén solicitamos a supresión de todo tipo de simboloxía relixiosa nos actos oficiais e nos espazos de titularidade pública que dependan das administracións, debendo os actos públicos do Concello de Viveiro ser exclusivamente civís e sen connotacións relixiosas. Ningunha autoridade pública participará, en calidade de tal, en actos de natureza relixiosa. Os membros da corporación local non amosarán, no exercicio do seu cargo ou das súas funcións, ningún xesto de submisión ou veneración de persoas ou imaxes relixiosas.