Ribadeo, 19 de marzo de 2018. Xa se coñecen as gañadoras e o gañador do VIII Concurso Fotográfico do Día do Pai, que convocou Acisa co eslogan O amor por un pai non ten prezo, pero si premio.
A foto que recibiu máis votos a través do Facebook de Acisa Ribadeo foi a titulada Desafiando al destino, de Manuel Solís, que recibirá 200 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados.
E o xurado entre as 20 fotos máis votadas no Facebook elixiu as tres gañadoras. O primeiro premio, dotado con 150 euros en vales de compra foi para Érase unha vez, de Lucía Arias; o segundo premio, que recibirá 100 euros en vales de compra, foi para Un orgullo ser tu reflejo, de Cristina Losas; e o terceiro premio, dotado con 50 euros en vales de compra, foi para Xogos no Cargadoiro, de Lucía González. Tod@s @s premiados recibirán os seus agasallos nas vindeiras horas.
O xurado do VIII Concurso Fotográfico do Día do Pai estivo formado por representantes de Foto Miguel y ElFarero Audiovisuales, como expertos na materia e socios de Acisa, así como David Martínez, Emma Álvarez e Ramón Loredo, presidente, secretaria e vocal en funcións de Acisa Ribadeo, ademais do xerente, Jesús Pérez.
O VIII Concurso Fotográfico do Día do Pai desenvolveuse do 2 ao 18 de marzo e pechouse con 5.061 votos emitidos e 88 participantes. Desde Acisa amósanse satisfeitos: “xa que contamos co dobre de fotos que o ano pasado e cun 25% de incremento nos votos emitidos a través de Facebook. Trátase dunha campaña que xa está consolidada e que está a funcionar moi ben. Foi difícil elixir as fotos gañadoras deste 2018, de feito a votación do xurado estivo moi reñida”. E engaden que “calquera persoa que queira consultar algún dato sobre este concurso, pode dirixirse ás oficinas de Acisa, onde atoparán todos os datos das votacións”.