Lugo, 9 de abril de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, recibiu da man de Carlos López Gil, representante dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, a obra de Xesús Corredoira “Fame en Lugo”, de 1910. “Nestes intres a Deputación de Lugo conta con máis de 30 obras de Corredoira, e con esta doazón, contribuímos a poñer en valor aos artistas lucenses e a nosa cultura”, sinalou o Presidente.
Campos Conde dixo “quero agradecer de xeito profundo e sinceiro a xenerosidade da familia Gil coa rede Museística, con todos os lucenses, e por extensión, con todos os amantes da arte. A Deputación de Lugo convértese neste caso na posuidora deste obra, e cónstame que a finalidade da familia Gil é que sexa para uso e desfrute de todos os lucenses e de todos os galegos”.
“O cadro “Fame en Lugo” retrata como ningunha outra obra de Corredoira a tristura e a angustia dun pobo, o noso, nun lenzo que lembra a obra de Zuloaga. Estamos diante dunha obra mestra da que agora en diante poderemos desfrutar todos”, remarcou Campos Conde.
O Presidente explicou que “Corredoira, como Maruja Mallo, foi bolseiro desta institución. É un artista lucense que pola súa relevancia ten sala propia neste museo e agora esta obra, “Fame en Lugo”, pasará a estar pendurada na súa sala. Polo tanto, Corredoira volve ao seu lugar de orixe, ao seu recuncho, a Lugo”.
Éxito da exposición da Colección Álvaro Gil. Paixón pola Arte
Esta mesma semana, o domingo, remata a exposición Colección Álvaro Gil. Paixón pola Arte, que os herdeiros de Gil cederon gratuitamente e de xeito temporal ao Museo. “Esta exposición está tendo un éxito de público sen precedentes nas salas do Museo”, remarcou o Presidente. Esta escolma da colección, de gran valor, conta cun total de 44 obras pictóricas e 5 esculturas de 41 artistas internacionais que abranguen dende o século XVI ata o XX, que se exhiben en conxunto publicamente por primeira vez.
Xesús Rodríguez Corredoira
Xesús Rodríguez Corredoira (Lugo-1887, Santiago-1939). Formouse na Escola Superior de Pintura de Madrid grazas a unha bolsa concedida pola Deputación Provincial de Lugo, posteriormente completou a súa formación nos talleres de Cecilio Pía e Sorolla. Foi galardoado con senllas mencións honoríficas nas Exposicións Nacionais de Belas Artes de 1908 e 1910 e cunha segunda medalla na de 1917. A súa obra está marcada por unha parte, por un carácter inmobilista, místico-relixioso, anguriado polo pecado e a morte, e por outro, o seu contorno familiar acomodado levaríao a converterse fundamentalmente en retratista da burguesía e do clero. Fame en Lugo é un óleo sobre lenzo de 195 x 120 cm, pintado por Corredoira en 1910 en Lugo, cunha inscrición no ángulo inferior esquerdo,: “Dícese que a fame perseguía ao pobo ata ese día Santo da Misión”, que posiblemente faga referencia á Misión levada a termo en 1906 na cidade de Lugo polo bispo D. Benito Murúa.
Esta obra forma parte do movemento denominado “Rexeneracionista”, que tiña como fundamento a busca do espírito da nación nas súas dúas vertentes, por un lado, a España Negra, representada por Corredoira, Solana e Zuloaga, e por outro a España Branca de Sorolla e Cecilio Pía e que levará a estes pintores a botar a vista atrás e fixarse nos grandes artistas do pasado, entre os que O Greco, na súa etapa toledana, será o escollido por Corredoira para encarnar a súa particular visión de España.
O cadro, cuxa composición nos lembra as de Zuloaga, sitúa en primeiro plano a dúas figuras; no centro, un sacerdote misioneiro, cunha gran cruz coa figura de Cristo baixo
o seu brazo e á dereita, unha muller con pano na cabeza axeonllada en actitude orante
que debuxan unha diagonal dividindo o cadro en dúas partes. Á esquerda en segundo
plano vemos a figura dun home axeonllado ao lado dunha bolsa. Á dereita, unha procesión de mulleres saen da cidade seguindo ao misioneiro.
Todo nesta obra está ao servizo desa espiritualidade, desde o alongamento e deformación das figuras, que son como aparicións sobre o fondo negro, os rostros branco-cerúleos sombreados en verde, e a paleta de cores frías unicamente alteradas polos panos vermellos das figuras femininas. Este lenzo retrata como ningunha outra do artista a tristura e a anguria dun pobo. Son imaxes espectrais que se sitúan nun espazo real pero deformado no que nun cubo denominado “A Mosqueira” convértese nunha espectral cara con ollos e unha gran boca por onde sae a procesión.





















O venres descubrirase a placa que oficializa o nomeamento da Biblioteca Municipal co seu nome, dentro da iniciativa “Miradas sobre Agustín 2026-2027”, que busca divulgar o legado do escritor e apoiar a súa candidatura ás Letras Galegas de 2028. O programa inclúe unha exposición, a lectura dun manifesto e unha conferencia. O sábado entregarase no Auditorio o IX Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade. Rouco destacou a importancia de visibilizar a figura do autor e convidou a veciñanza a participar nos actos.
As nenas e nenos coñeceron o proceso de moenda e levaron unha mostra de fariña. García destacou a importancia de achegar a realidade do rural á infancia e agradeceu a colaboración das granxas, ANPAS e centros educativos. O Muíño de Coea é unha das novas incorporacións a un programa que este ano inclúe 210 actividades e chega a máis de 6.000 escolares de 74 centros da provincia.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Para participar, só é preciso realizar unha compra igual ou superior a 10 euros e rexistrar o tícket na web
Trátasde dunha adaptación da novela de Neira Vilas no décimo aniversario da súa morte, dirixida por Cándido Pazó. 20.30 horas.
Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.



