Lugo, 30 de xuño de 2020. A Deputación de Lugo aprobou no Pleno ordinario celebrado este martes, cos votos a favor do PSdeG e o BNG e a abstención do PP, unha proposta presentada polos socialistas na que defenden un modelo de xestión pública e de proximidade das residencias, como o implantado nos centros de maiores de titularidade da institución, “coa persoa no centro da atención”, subliñou o Presidente, José Tomé Roca, fronte á aposta que fai o Partido Popular na Xunta polo “negocio”, un sistema que deixou “un legado cruel” e se demostrou que “fai augas por todos os lados” durante a pandemia da Covid-19.
Na moción do PSdeG, que foi aprobada no que foi o primeiro Pleno presencial da Deputación tras a finalización do Estado de Alarma, tamén se solicita que a Xunta reforce a sanidade pública, tanto de medios humanos como materiais, para afrontar con garantías un posible rebrote da pandemia.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, evidenciou con datos o modelo privatizador implantado pola Xunta no ámbito sociosanitario: por cada residencia pública hai catro privadas e, por cada 80 prazas privadas, só hai 20 públicas. O tempo de espera para obter unha praza de residencia é de 453 días, segundo o Consello de Contas”. “Pero incluso cando privatizan o fan mal, porque parten de custos asistenciais moi por debaixo da realidade, as ratios paciente/usuario é ridícula e prodúcese unha precarización salarial e da protección dos profesionais que traballan nas residencias”. “Para o PP, a atención aos maiores é outro sector económico máis, no que buscar o beneficio, atraer aos fondos de inversión e reducir os custos ofertando unha atención low cost”, engadiu, “un cóctel que desgraciadamente provocou que as residencias privadas concentraran o maior número de falecementos por Covid-19”.
Como exemplo do “estrepitoso fracaso” do sistema da Xunta, o Deputado puxo a decisión de mandar a 200 quilómetros do seu concello, ao Carballiño, a cinco maiores usuarios das vivendas comunitarias pechadas na Fonsagrada, cando o Presidente, José Tomé Roca, lles ofrecera colaboración para cumprir o desexo das familias e levalos ao centro público que a institución provincial ten neste concello.
As medidas estrela de Feijóo no eido das residencias e sociosanitario foron, segundo destacou Pablo Rivera, facer test do coronavirus ás residencias privadas antes que nas da Deputación; enviar respiradores a Ayuso; o bono da vergoña de 250€ para o persoal sociosanitario e, a última, de onte mesmo, converter as residencias en locais electorais. Para isto é para o único que lles preocupan os maiores”.
Solución para Alcoa
O Pleno, cos votos a favor do PSdeG e do BNG e a abstención do PP, aprobou reclamar ao Estado e á Xunta que exerzan as accións necesarias para intervir Alcoa co fin de manter a actividade industrial da planta e os seus postos de traballo. Esta proposta foi lanzada polo propio Presidente da Deputación o mesmo día no que a empresa anunciou o despido colectivo.
“Nos témolo claro dende o primeiro momento. Nós estamos cos traballadores e traballadoras de Alcoa. Aquí quen estivo xogando con todos foi a empresa e a Xunta de Galicia, porque non hai que esquecer que o Estatuto de Autonomía, no seu articulo 30, di que as competencias de industria exclusivas son da Xunta, salvo determinadas cuestións que son de ámbito estatal”, asegurou o Presidente.
“O señor Feijóo fixo múltiples visitas a Alcoa, sempre con titulares pactados coa empresa, para crear alarma, para prexudicar ao Goberno do Estado. E agora resulta que nos vén a dicir que, se gana o día 12, ao día seguinte resolve o problema de Alcoa. Iso é chamarlles tontos aos cidadáns, porque o día 13 vai ter as mesmas competencias que ten hoxe. E se xa tiña esas competencias, porque non fixo nada antes? Como deixa que isto chegue a esta situación? Por tanto, non lle vamos a comprar esa mensaxe e vamos a dicirlle ao señor Feijóo que se poña as pilas e, igual que si axuda a Citröen, que me parece moi ben, tamén pode axudar a Alcoa. Non pode ir presentando mocións polos concellos nas que a única esixencia que pon o Partido Popular a Xunta é que sexa leal. Iso é o mínimo que se lle espera a un Goberno como é o da Xunta de Galicia, que ademais representa ao Estado na nosa comunidade autónoma”, argumentou José Tomé.
Pola súa banda, a Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, encargada de defender a moción sobre Alcoa, indicou que o grupo provincial socialista “segue na mesma liña de esixir unha solución das dúas administracións coas competencias: a Xunta, en materia de industria, pois o Estatuto de Autonomía establece que é a súa competencia exclusiva, e ao Goberno central, en materia de enerxía”.
Fronte ás medidas aprobadas e propostas feitas polo Executivo do Estado para manter a actividade industrial e os empregos de Alcoa, a Xunta “presenta unha folla en branco en industria nos máis de 11 anos de Goberno do PP”, afirmou Loureiro.
Plan de reactivación do sector audiovisual
O Goberno da Deputación sacou adiante, cos votos en contra do PP, a súa proposta de reclamar á Xunta un plan de reactivación específico do audiovisual para paliar os efectos da crise sanitaria neste sector, que ten unha gran capacidade de xerar riqueza e emprego e de promocionar a imaxe de Galicia, ademais de enriquecer a cultura, e que antes da pandemia vivía unha puxanza inédita, singularmente na provincia de Lugo co fitos como os acadados polos irmáns Coira coa serie Hierro, por Oliver Laxe con O que Arde ou pola produtora CTV con O Sabor das Margaridas, a primeira serie en galego que chega a Netflix e que ten Lugo como escenario da súa segunda tempada.
Tal e como explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, este plan de reactivación do audiovisual debe incluír medidas formuladas polo sector, como a creación de axudas para compensar as perdas xeradas pola interrupción das rodaxes en marcha, para aquelas producións xa rematadas que viron interrompida a súa distribución debido á Covid-19 e para afrontar o aumento dos costes derivados da implantación das novas medidas de seguridade hixiénico sanitarias, así como a creación dunha Film Comission Galega que impulse accións que consoliden a Galicia como un estudio de gravación de rodaxe e con capacidade de atraer proxectos internacionais. Este organismo debe contar coa presenza das asociacións profesionais e tamén dos concellos, pois son os que acollen as rodaxes.
Con esta reivindicación, o Goberno da Deputación apoia as demandas formuladas polas asociacións profesionais do audiovisual e comparte o seu rexeitamento practicamente unánime ao plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19 presentado pola Xunta de Galicia, pois, como aseguran os propios colectivos, non recolle ningunha das medidas que propuxeron, presenta como novidades liñas de subvención xa existentes e demostra un descoñecemento das cifras reais do sector audiovisual galego.
Xunto a un plan de reactivación do audiovisual, o Executivo provincial tamén demanda á Xunta na súa proposta plans específicos para o impulso do turismo e da cultura que teñan en conta as particularidades destes sectores, xa que o plan anunciado polo Goberno galego, subliñou García Porto, “é un totum revolutum do que, ao final, pouco se pode sacar fóra da súa aposta polo Xacobeo como solución máxica e case que única dos problemas de Galicia”.
Compromiso cos obxectivos da Axenda 2030
Por iniciativa do Goberno e dentro do seu compromiso co medio ambiente e a sostibilidade, a Corporación provincial aprobou por unanimidade no Pleno de hoxe a adhesión da Deputación de Lugo á Rede de Entidades Locais da FEMP para promover a implantación na provincia dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030, traducindo unha axenda universal e ampla coma esta en políticas públicas concretas e tanxibles.
A Rede de Entidades Locais da Federación Española de Municipios e Provincia é un instrumento dirixido a favorecer a coordinación de actuacións entre os gobernos locais para a aplicación da Axenda 2030 en municipios e provincias e, neste sentido, ofrecerlles ferramentas para alcanzar estes obxectivos. Ademais, aportará pautas, información e propostas de actuacións para facer fronte á crise provocada polo coronavirus, tendo moi presente unhas das principais premisas da Axenda 2030: non deixar a ninguén atrás.
Actas dixitais do Pleno
Por outra banda, o Pleno, a proposta da Secretaría Xeral da Deputación, aprobou a modificación do Regulamento Orgánico da institución co fin de adaptalo á próxima implantación dun sistema de dixitalización das actas dos plenos. Trátase dunha aplicación denominada Vídeo Actas, que grava as sesións plenarias e permite arquivar esas gravacións como actas oficiais.
Con este sistema tecnolóxico, a Deputación dá un paso importante cara a Administración electrónica e supoñerá unha mellora moi importante na eficiencia do servizo de Actas, pois a día de hoxe a transcrición dos plenos faise á man, o que supón un labor complexo que esixe moitas horas de traballo. Con esta ferramenta, as sesión plenarias quedarán automaticamente rexistradas en vídeo, que terá validez como acta.
Ademais, este sistema supoñerá unha mellora da transparencia e da accesibilidade, pois a cidadanía poderá visualizar o contido íntegro de calquera dos plenos dende a páxina web da Deputación, podendo acceder de maneira rápida e sinxela a calquera intervención realizada polos membros da Corporación.

















O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



