Ribadeo, 17 de febreiro de 2022. A Xunta de Galicia colaborou cos concellos de Ribadeo, Mondoñedo e Trabada na posta en valor e embelecemento de elementos patrimoniais que causaban impactos paisaxísticos, obras ás que destinou 32.700 euros. Igualmente, apoiou na Mariña sete reformas promovidas por particulares con achegas que sumaron 16.500 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado da restauración da fonte de Guimarán, en Ribadeo, xunto co director do Instituto de Estudos do territorio, Enrique Luis de Salvador, entre outros. Lembraron que están convocados de novo estes programas de axudas; os particulares interesados poden solicitalas ata o 21 de febreiro, mentres que os concellos dispoñen dunha semana máis.
Ao abeiro da pasada convocatoria, apuntou Arias, restauráronse na comarca esta fonte de Ribadeo, un hórreo en Mondoñedo e un inmoble en Trabada. En todos os casos, a Xunta achegou o 70% do investimento das obras.
A fonte de Guimarán, situada no conxunto histórico, recuperou a súa beleza e funcionalidade, xa que estaba inutilizada ao igual que unha das escaleiras de acceso. Entre os traballos realizados, eliminouse a vexetación, reformouse a fronte con morteiro tradicional a base de cal, repasáronse as xuntas de sillería e renováronse algúns elementos.
En Mondoñedo reconstruíuse un hórreo abandonado en Lousada, para o que foi preciso repoñer a cuberta, os laterais de madeira, a porta de peche e mesmo acometer intervencións puntuais nos elementos de fábrica.
Pola súa banda, en Trabada renovouse o exterior do edificio da Cámara Agraria, realizando unha limpeza e reparación das zonas con humidade e o pintado dos paramentos segundo a Guía de cores e materiais de Galicia.
En canto as obras particulares, impulsáronse dúas en Foz e Lourenzá, e o resto en Barreiros, Mondoñedo e Ourol. Ante o éxito da primeira convocatoria, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda “volve a apostar por brindar apoio económico a aqueles cidadáns e concellos que executen actuacións de renovación, mellora e acondicionamento sobre edificacións e equipamentos que repercutan de forma positiva na súa contorna”, afirmou Arias.
Tramitación máis sinxela
A presente convocatoria simplificara os trámites, reduce a documentación requirida e introduce toda unha serie de especificacións e novidades técnicas co fin de ampliar o ámbito das actuacións subvencionables.
Novamente, fixouse unha liña para particulares, que inclúe obras de revestimento, fachadas sen rematar, renovación de acabados, remates exteriores e de cubertas e acondicionamento de peches. Os beneficiarios poderán acceder a unha axuda do 70% da actuación, ata un máximo de 3.000 euros.
No caso da orde dirixida aos concellos, de ata 20.000 habitantes, poderán acceder a dúas liñas de actuación: aquelas que melloren o exterior dos edificios públicos e, á segunda, para recuperar os equipamentos, como fontes, palcos, lavadoiros ou hórreos, entre outros. Así, os concellos poderán optar a dúas axudas de ata 40.000 euros.
Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, quen participou na visita destacou que “a Xunta invirta en Ribadeo para rehabilitar unha fonte moi coñecida, que se pode atopar subindo ou baixando da vila ao porto, e que levaba moito tempo abandonada”. Así mesmo, o popular explica que“o noso Grupo Municipal defende a conservación do noso patrimonio e dos atractivos turísticos no municipio” e, nese sentido, “seguiremos xestionando orzamento para a nosa vila”.






















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



