Esta actividade superou un valor de produción de 5.500 millóns de euros no 2019 fronte aos 3.700 millóns de euros de 2011 segundo reflicte o traballo elaborado polo grupo de investigación en Economía Pesqueira e Recursos Naturais da USC
Ribeira (A Coruña), 26 de setembro de 2022. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo que a produción do sector do mar en Galicia subiu preto dun 50% desde 2011 ao superar os 5.500 millóns de euros fronte aos 3.700 millóns de euros de 2011 e ten relación con máis do 90% das ramas de actividade da economía. Así o reflicten as Táboas input-output pesca-conserva galegas 2019, que hoxe presentou a conselleira en Ribeira e que foron elaboradas por encargo da Xunta polo equipo dirixido polos economistas Gonzalo Rodríguez e María do Carme García Negro, do grupo de investigación en Economía Pesqueira e Recursos Naturais Ecopesca da Universidade de Santiago de Compostela.
Na presentación, na que tamén participou Gonzalo Rodríguez, Rosa Quintana tamén destacou o gran crecemento da industria transformadora cunha produción de 4.300 millóns de euros, máis do dobre que na edición de 2011. Ademais puxo de relevo a capacidade do complexo mar-industria no comercio exterior pois as vendas realizadas fóra de Galicia manteñen unha tendencia positiva.
As relacións comerciais con outros países supoñen unha achega importante ao valor global deste sector en Galicia que, segundo reflicten as táboas, fan que o volume económico xeral engadindo os produtos comercializados desde a comunidade rolde os 9.000 millóns de euros, incluíndo as importacións, o que supón a maior cifra da historia. Un potencial, engadiu a conselleira, que tamén se ve na influencia do sector do mar no resto de actividades da economía pois 76 das 83 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro.
Toda esta información permite cuantificar, expuxo Rosa Quintana, que o mar e as súas industrias son a cuarta actividade con maior presenza na economía galega, cun peso no PIB que rolda o 5%. Isto é unha mostra de que o sector marítimo-pesqueiro ten un papel fundamental na vertebración do territorio pois esténdese por toda a costa e permite fixar poboación. Un exemplo claro é Ribeira, onde a actividade marítimo-pesqueira é vital, apuntou.
Ademais expuxo que esta panorámica socioeconómica da cadea mar-industria galega permite ao Executivo autonómico ter unha visión máis completa e actual da dimensión deste complexo e das súas múltiples interrelacións cos distintos sectores económicos ao tempo que facilita a toma de decisións estratéxicas en beneficio deste sector.
Neste sentido, Rosa Quintana destacou o gran valor destes datos para avanzar na necesidade de ter en conta os aspectos socioeconómicos en equilibrio cos biolóxicos e ambientais, para garantir o desenvolvemento sustentable da actividade. Unha aposta, sinalou, que deben asumir todas as administracións para evitar casos como o veto á pesca de fondo por parte da Comisión Europea que carece do aval de informes científicos.
Impacto do veto á pesca de fondo
A conselleira do Mar salientou que todos estes datos mostran a importancia que o sector do mar ten na economía de Galicia e o gran dano que pode facer nela o veto á pesca de fondo aprobado por Bruxelas en preto dun cento de zonas en augas comunitarias. Neste sentido, lembrou que hai arredor de 200 barcos de capital galegos afectados por esta prohibición, aos que se sumarían outros preto de 900 buques de artes menores que poderían acabar véndose afectados.
Rosa Quintana incidiu en que ese impacto, tendo en conta que a cadea mar-industria ten relación co 90% das ramas de actividade da economía galega, se notaría nos empregos directos e indirectos, nos salarios, no pago de impostos, na prestación de servizos á frota e noutros aspectos que contribúen a xerar unha actividade económica fundamental para as zonas costeiras da comunidade.
No caso concreto de Ribeira, o veto á pesca de fondo afecta directamente a arredor dunha trintena de buques entre arrastreiros de litoral e palangreiros de Gran Sol e a preto de 300 tripulantes. A estes habería que sumar unhas 25 embarcacións de artes menores potencialmente afectadas polo desprazamento de frotas, o solapamento de zonas ou a posibilidade de que a prohibición se amplíe no futuro a novas áreas ou artes de pesca.
Por último a conselleira subliñou que esta cuantificación é posible grazas ao traballo de Gonzalo Rodríguez e María do Carme García Negro e dos profesionais e empresas da cadea mar-industria que colaboraron na elaboración destas táboas coas súas respostas e aportando información.





















Trátase dunha viaxe para dúas persoas con estancia de catro noites nun hotel de catro estrelas en réxime de todo incluído, voos e equipaxe. O sorteo tivo lugar o pasado mes de xuño.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
En concreto, o sinistro ocorreu na N-634, en Vilaframil. Neste caso, un dos vehículos implicados envorcou e o único ocupante quedou atrapado, polo que necesitou axuda dos Bombeiros de Barreiros para poder saír do coche. Cando foi liberada, a persoa recibiu os primeiros coidados dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazado no lugar dos feitos. En relación ao outro condutor implicado no accidente, cómpre destacar que tamén era o único ocupante, resultou ileso e estaba liberado e accesible.
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.



