A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá colaboran no curso de verán que achegará do 4 ao 6 de setembro novas olladas sobre a figura e o legado do protagonista do Día das Letras Galegas 2023
A Coruña, xoves 31 de agosto de 2023.- Lourenzá, a vila natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, acollerá a semana que vén o encontro Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX. Preto de vinte especialistas de distintas institucións analizarán do luns 4 ao mércores 6 de setembro a biografía e a obra do homenaxeado como activista, intelectual, estudoso e escritor nos sucesivos contextos históricos que percorreu na súa case centenaria vida. A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá colaboran na organización da cita, que forma parte da oferta de cursos de verán da USC. As xornadas contan co apoio económico da Deputación de Lugo, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Xunta de Galicia.
O académico e vatedrático da USC Henrique Monteagudo dirixe as xornadas, que poderán seguirse en directo a través da páxina web da Real Academia Galefa. A institución publicará posteriormente os traballos presentados neste marco no seu Boletín.
Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) implicouse dende moi novo no movemento galeguista dende unha perspectiva progresista e aberta a Europa e o mundo. Foi, primeiro, un destacado líder estudantil na Compostela universitaria da II República e membro activo do Partido Galeguista, e tras a guerra, actor fundamental da resistencia cultural durante o franquismo, fundador da editorial Galaxia, promotor de numerosas iniciativas a prol da lingua e da cultura galegas. En todos estes perfís profundarase no curso de verán, que será inaugurado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na tarde do luns 4 de setembro.
O presidente da Academia abrirá o foro cunha conferencia sobre Francisco Fernández del Riego nesta institución. O homenaxeado estivo vinculado a ela dende 1948, primeiro como académico correspondente e logo, a partir de 1960, como numerario. Unha das súas primeiras iniciativas como tal foi propoñer a creación do Día das Letras Galegas que, 60 anos despois da primeira edición dedicada a Rosalía de Castro, agora el mesmo protagoniza. O intelectual foi ademais presidente da RAG entre 1997 e 2001, un período no que a Academia iniciou un notable proceso de modernización.
A xornada inaugural continuará cun relatorio biográfico de María Dolores Villanueva Gesteira, autora de Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (Galaxia, 2023) e colaboradora fundamental de don Paco nos seus últimos tres anos de vida.
Do activismo republicano á resistencia cultural
O programa do martes arrincará cun relatorio do historiador Justo Beramendi sobre os anos de formación política e intelectual de Del Riego e seguirá coa mesa redonda “Da República á resistencia”, co académico Lourenzo Fernández Prieto, o profesor da Universidade da Coruña Uxío Breogán Diéguez e o investigador do Instituto da Lingua Galega Pablo García Martínez. A mañá rematará cunha conferencia do director da Sección de Historia da RAG e catedrático emérito da USC, Ramón Villares Paz, sobre a relación do homenaxeado coa diáspora galega en América, coa que tendeu constantemente pontes durante a ditadura. Neste terreo afondará na tarde do día 5 o académico Xesús Alonso Montero nunha intervención centrada no epistolario entre Del Riego e o artista e intelectual Luís Seone, exemplo excepcional do diálogo entre o exilio exterior e interior que don Paco sempre procurou.
A xornada do martes rematará cun percorrido didáctico polos lugares de Del Riego en Lourenzá guiado polos seus biógrafos locais, Manuel Román e Xosé López González.
A intensa actividade epistolar de Fernández del Riego será tamén foco de atención na xornada do mércores 6 de setembro, na que se analizará polo miúdo o valor das cartas que intercambiou con Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero, e o filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa e Ramón Otero Pedrayo. Será nunha mesa que contará coas achegas da profesora da USC Dolores Vilavedra, Henrique Monteagudo e a secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Chachero, encargada da edición do epistolario entre don Paco e o de Trasalba que publicará proximamente a Real Academia Galega.
A relación entre memoria, ensaio e paisaxe na obra de Del Riego será o eixe da seguinte mesa redonda, na que tomarán a palabra a académica de número María López Sández, a catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia, o académico correspondente Ramón Nicolás e o director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo. A xornada de clausura rematará cunha terceira mesa redonda sobre Francisco Fernández del Riego na xeración Galaxia coas contribucións do profesor de Filosofía da USC Xosé Luís Pastoriza, o investigador do ILG e secretario do curso de verán, Álex Alonso Nogueira, e o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva.
























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



