Na semana última analizamos os alicerces constitucionais e normativos do dereito á vivenda e máis a evolución das perspectivas até hai moi pouco tempo, nomeadamente salientando como os Poderes Públicos do Estado “…dimitiron das súas obrigas a respecto da promoción da vivenda a un prezo asumíbel para as maiorías sociais e deixaron en exclusiva a función da promoción de vivenda ao sector privado” e como na Galicia “…todos os Gobernos autonómicos de AP e do PP deixaron a regulación e provisión de vivenda da man do sector privado…”. Dende a chegada de Feijóo á Xunta non se construíu vivenda pública. E moi pouca privada, agás algunhas destinadas a promocións e rehabilitacións destinadas a persoas abastadas economicamente.
Arestora a falla de vivenda a prezo asumíbel é un problema fulcral na Europa toda. Velaí a causa de que a Cidade-Estado de Berlín, nun referéndum consultivo no outono de 2021 acordou autorizar ao seu Senado para que aprobara unha lei que autorizara do Goberno berlinés a expropiación das vivendas das empresas propietarias individualmente de máis de 3000 unidades na Cidade-Estado. ·Hai pouco máis de dous meses o Tribunal Constitucional validou a lei catalá de vivenda en canto autoriza a expropiación pola Generalitat das vivendas pertencentes a propietarios de 5 ou máis das mesmas, sempre que se atopen en zonas legalmente definidas como “tensionadas” e que leven dous ou máis anos sen se usar por ninguén.
Na Galicia a crise é nomeadamente visíbel nos principais sete concellos e na súa contorna. Os demandantes de vivenda protexida na Galicia acadaban a mediados de marzo os 20.000 solicitantes. E as expertas pensan que a nosa falla de vivenda é multifactorial, mais abrangueu os máis importantes níveis dende que as vivendas de uso turístico (VUT) substituíron como alternativa para a rendibilización económica ás vivendas destinadas ao arrendamento para vivenda permanente. Fenómeno común a moitos concellos do país, mais nomeadamente importante na Coruña, Vigo e Compostela. Por certo, o problema veu xerado polas VUT, non polos apartamentos turísticos, que constitúen establecementos hostaleiros que han de se atopar en edificios independentes destinados a só este uso e han fornecer de servizos varios (recepción, lavandaría, condicións de habitabilidade e dotación de servizos no apartamento…) das que as VUT safan.
Semella que a nova normativa de Compostela, A Coruña e outros concellos que seguen o seu ronsel, canda as facultades que a nova lexislación estatal lles outorga ás comunidades de propiedade horizontal para prohibir as VUT en cadanseus edificios incrementará substancialmente o destino de vivendas ao uso permanente ao que haberían destinadas., Mais aquí abrollan outros problemas, nomeadamente dous: o dilema propiedade vs. arrendamento e a distribución da propiedade das vivendas entre os distintos operadores e investidores.
Expertas do mercado inmobiliario albiscan que as vivendas antes destinadas á VUT é difícil que poidan ir ao alugueiro permanente e poderían ir, en troques, á venda. E velaí unha cuestión fulcral para analizarmos. En realidade, a crise de vivenda actual abrangue tanto á posibilidade de alugueiro asumíbel como á propia capacidade de compra a prezos asumíbeis. Mais as persoas destinatarias dunha política pública galega de vivenda haberían ser divididos en dous grandes grupos, por suposto mudábeis e pemeábeis: aqueles que poden mercar unha vivenda asequíbel coa súa capacidade de aforros e endebedamento bancario e aqueles que non poden e que, xa que logo, precisan de alugar a prezos asumíbeis. Pois ben, até de agora as actuacións da Xunta e da súa nova Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (escindida do Instituto Galego da Vivenda e Solo-IGCVS- para promover solo residencial e vivenda de promoción pública) só se teñen orientado ao primeiro mercado, ao da compravenda. Un mercado que, como xa dixemos, o PP-e antes AP- mantivo abandonado dende 1982.
Porque precisamos dun mercado de alugueiro, destinado ás persoas de rendas máis baixas. E· este mercado precisa dun parque público de vivendas da Xunta de Galicia, construído en parcelas de cesión municipal (como as de promoción para a venda). Mercado público que habería ser complementado por vivendas de pequenos aforradores privados que tivesen asegurados os riscos da falla de pagamento de rendas e doutros incumprimentos substanciais dos contratos polos alugatarios, asumindo o sector público galego unha dupla labor tuitiva dos intereses dos arrendeiros e dos arrendatarios, pois que non se pode alicerzar a política de vivenda no sacrificio do pequeno aforrador.
E, para pechar este espazo (de certo que a actualidade nos obrigará voltarmos unha e outra vez a un dos asuntos que máis preocupa á cidadanía galega), cómpre referírmonos aos grandes investidores, quer fondos, quer grandes sociedades de investimento inmobiliario que moitas veces tenden mercar edificios e mesmo barrios enteiros para controlar no seu beneficio tanto o negocio da promoción inmobiliaria como o do alugueiro de vivendas, rachando coas regras contractuais, de lles convir, cando rematan os sete anos de duración contractual para esta caste de grandes propietarios. Parte dunha política de vivenda galega (en xeral, parte de calquera política de vivenda europea) é impedir que os grandes operadores acaden o seu obxectivo de monopolizar o fornecemento de vivendas como ben de consumo.
Porque o fornecemento da vivenda é unha cuestión moi importante, que atinxe a unha necesidade humana primaria e a un dereito. E, xa que logo, non pode deixarse ao xogo libérrimo dun mercado que, porén, semella non ser quen a fornecer as necesidades da cidadanía. O mercado é, sen dúbida, un bo instrumento para asignarmos os recursos, mais a educación, a sanidade, os servizos sociais, a dependencia ou a vivenda son cuestións de dereitos humanos e de convivencia democrática. A nosa sociedade non pode depender-só- do mercado.



















A principal será o regreso das carrozas dos pobos o domingo 27, recuperando unha tradición histórica. O venres abrirase coa charanga e verbena; o sábado haberá sesión vermú, verbena e fogos; o domingo, música dos sesenta e setenta, desfile de carrozas e festa dos oitenta; o luns, actividades para a infancia e reparto do bollo; e o martes, misa solemne, procesión e verbena final. O Concello de El Franco destaca o labor da Sociedade de Fiestas e o valor de recuperar tradicións e avanzar cara a unhas festas máis inclusivas.
Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.



