O Sindicato Labrego Galego organiza a xornada co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo
Lugo, 3 de febreiro de 2026. Este mediodía presentouse no Pazo de San Marcos o VIIIForo Labrego de Agroecoloxía “A agroecoloxía é o relevo”, que se celebrará o 7 e o 8 de febreiro no Pazo de Santomé, en Mondoñedo.
A xornada, organizado polo Sindicato Labrego Galego coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, inclúe palestras centradas no relevo xeracional, visitas a proxectos labregos e xantares agroecolóxicos.
O deputado de Rural Daniel García, a secretaria xeral do SLG Isabel Vilalba, da Dirección Nacional do Sindicato presentaron o programa do foro, nun acto que contou tamén coa presenza de Eloi Cabanas, concelleiro do BNG en Mondoñedo.
A responsabel do Sindicato debullou un programa cun importante peso da parte formativa. “As persoas mozas con interese en incorporarse á actividade demandan acceso á formación en proxectos que sexan rendibles. De aí que contemos con persoas de distintos ámbitos, desde a universidade ou a formación profesional agraria ata as oficinas comarcais agrarias ou espazos innovadores como Eo Alimenta, ademais de experiencias directas de persoas que xa pasaron polo proceso de dar o relevo, tanto na produción de carne como de leite ou horta”.
Na súa intervención, Daniel García destacou que “a temática do relevo xeracional debe ser prioritaria no deseño das políticas de desenvolvemento rural e na aplicación transversal de políticas encamiñadas a dar resposta á crise demográfica nos entornos rurais”.
O deputado incidiu na importancia de fortalecer “modelos produtivos baseados na sustentabilidade e na produción de alimentos saudables e de calidade diferenciada con formación e cunha rede de entidades de apoio e asesoramento sólidas. Hoxe maís ca nunca, tras a ameaza directa que supón o acordo entre a UE e Mercosur, defendemos modelos que prioricen os dereitos das persoas labregas, a sostibilidade e a produción propia de alimentos”.
Nese terreo, encadrou a colaboración da área de Rural coa organización da xornada, que vinculou a outras iniciativas impulsadas desde a entidade provincial desde o respecto polo medio, a herdanza da nosa tradición agraria e a xestión do territorio, como o programa Da Escola á Granxa ou o apoio ao grupo de produtoras Eo Alimenta.
No acto, destacouse tamén a escolla de Mondoñedo como sede do Foro como lugar emblemático do potencial da produción de horta. As persoas que desexen asistir á xornada poden inscribirse nos formularios dispoñibles na web e nas redes sociais do Sindicato Labrego Galego.
Sábado 7 de febreiro
A programación abrirase ás 11h horas do sábado 7 de febreiro coa visita agroecolóxica ao proxecto de vacún de carne de Bruno Botana en Estelo (Mondoñedo). Logo dun xantar agroecolóxico no seminario de Mondoñedo, ás 15:30h terá lugar a abertura do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía a cargo de Isabel Vilalba Seivane, labrega da Mariña e integrante da Executiva Nacional do SLG-CCLL; e de Daniel García Fernández, deputado da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.
Tras esta benvida inicial, Vidal Martínez Sierra, presidente do GDR Terras de Miranda, intervirá na mesa ‘Benvida ao territorio do Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Miranda’, á que seguirá o coloquio ‘Relevo Xeracional: Situación actual e respostas políticas’ (16h), onde afondaremos no contexto socioeconómico do relevo xeracional no territorio galego da man de Xosé María García Vilaverde, labrego e membro da Executiva Nacional do SLG; Mar Pérez Fra, doutora no Departamento de Economía Aplicada da USC; Programa Terractiva – Guillermina Fernández Villar, investigadora en relevo Xeracional do Laborate da USC; Proxecto Nó Rural – Miguel Teixido Sotelo do GDR Seitura 22, entre outros.
Ás 18:30h será a quenda da palestra ‘A formación que fomenta o relevo xeracional’, a cargo de Alba Vázquez Lema, docente de agroecoloxía de Formación Profesional acompañada de alumnado; Laura Megias Garriga, da Rede estatal de Espazos Test Agrarios; Eva López Quiroga, do Espazo Test Eoalimenta; e Víctor Álvarez Arias, técnico da Consellería do Medio Rural. A primeira sesión do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía finalizará ás 21h cunha cea agroecolóxica no seminario.
Domingo 8 de febreiro
A segunda xornada do Foro inaugurarase o domingo 8 de febreiro ás 10h con ‘Habelas Hainas: Experiencias de éxito no Relevo Xeracional’, onde participarán a finca As Fadegas T.C, proxecto de hortalizas e froita (Ribadeo- Lugo); Refol S.C, proxecto de vacún de carne (Xermade- Lugo); e Casa Codesal S.L, proxecto de vacún de leite (Friol-Lugo). Despois dun breve descanso, David González Sánchez falaranos da súa experiencia en Sustraiak, no marco da mesa ‘O papel da Agroecoloxía no Relevo Xeracional’ (11:15h); á que proseguirá ‘Pensando o relevo desde a organización’ (12h), espazo facilitado con REXENERANDO SCG e que levará ao peche do VIII Foro Labrego de Agroecoloxía cun xantar agroecolóxico no seminario de Mondoñedo.























Nesta ocasión, a homenaxeada foi a de Román. Tras unha recepción ás portas do concello, a veciñanza da parroquia desprazouse a pé ata a Igrexa de Santa María co grupo tradicional Cerna de Árbol. Na misa, cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa, realizáronse as ofrendas e púxose en valor a tradición “dos canteiros e os traballos en pedra” en Román, unha parroquia cun destacado patrimonio histórico e cultural. Tras a celebración na igrexa, os veciños e veciñas de Román compartiron uns pinchos de fraternidade no Centro Cultural.
O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.
Daniel García reafirmou o apoio ao festival, que conta cunha colaboración estable e continuada da Vicepresidencia provincial desde a primeira edición e valorou "o impulso que a Asociación Fanto Fantini lle dá ano a ano ao festival, cun programa que vai máis alá do cartel musical e que profundiza na súa identificación e o seu vínculo con Burela e coa Mariña". A Vicepresidencia da Deputación achega 25.000 euros ao patricinio desta edición do Osa do Mar.
Presidenta e xerente, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, acudiron ao Teatro a escoitar a Pepe Conde, quen fora xefe do servizo de cirurxía do HULA e persoa moi vinculada a esta vila por motivos familiares. Co seu pregón arrincaron varios días festexos que rematarán o vindeiro martes, día da patroa. Cruzado e Pérez departiron cos responsables da comisión das festas minutos antes do inicio do pregón.
No acto tamén estivo o presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, e outras autoridades. López destacou a importancia do certame e entregou os trofeos. A Granxa Gayoso Castro, situada en Castro de Rei, é un referente provincial pola súa labor de formación, investigación e apoio á recría de Rubia Galega en colaboración coa USC e ACRUGA.
A sesión incluirá a proxección da peza, de 27 minutos de duración, e un coloquio con Ugía Pedreira sobre música, saúde e outros temas. A obra forma parte da selección oficial do Barcelona Indie Filmmakers Festival (BARCIF) 2025 e a actividade está promovida por A Pomba do Arco.
O evento comezou cunha misa na igrexa parroquial de Santa María de Meira e a continuación, tivo lugar o tradicional xantar no Pavillón dos Deportes e o recoñecemento ao home e á muller de maior idade do municipio. Nesta xornada de convivencia, Fernández Méndez puxo en valor a contribución das persoas maiores á sociedade e enxalzou o seu papel activo no municipio, “é unha satisfacción compartir este día coas nosas persoas maiores, que tanto teñen achegado á sociedade e que merecen espazos de encontro e celebración como este”.



