A Mariña, 4 marzo de 2026. A Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense continúa avanzando na implantación do Modelo de Innovación Sostible de Experiencias Agroturísticas (MISEA), unha iniciativa impulsada pola Secretaría de Estado de Turismo a través de SEGITTUR con novas fases de asesoramento e traballo co sector produtivo e turístico local.
Nesta edición A Mariña foi o único destino galego seleccionado para formar parte deste proxecto de ámbito nacional, xunto coa Deputación de Cáceres, Fuerteventura, Urgell (Lleida) e Valencia, todos eles integrantes da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, explicou que “o obxectivo do programa é integrar de maneira estruturada ao sector primario no sistema turístico local, promovendo experiencias agroturísticas sostibles que xeren novas oportunidades de ingresos, visibilicen o produto local e contribúan a diversificar a oferta do destino sen distorsionar a actividade principal de produtores e empresas”.
Traballo conxunto co territorio
Tras as primeiras sesións celebradas en novembro, o proxecto continuou o pasado martes 24 con novas reunións de traballo do Grupo de contraste e dos 10 produtores participantes no proxecto.
A reunión do Grupo de contraste contou nesta ocasión coa presenza de representantes de Turismo Slow Norte de Galicia, do Colectivo de Gastronomía da Mariña, GDR Terras de Miranda, membros da mesa de calidade do SICTED na Mariña e unha axencia de viaxes. Así, completouse un abanico de profesionais experimentados que, a través da colaboración activa e o intercambio de ideas, achegan unha perspectiva local ao proxecto, contribuíndo á súa boa implementación.
Pola súa parte, os produtores e pequenas empresas transformadoras e comercializadoras participantes recibiron unha formación conxunta sobre a promoción e comercialización de experiencias agroturísticas. “Foi un encontro intenso e dinámico no que se abordou o desenvolvemento dunha estratexia de comercialización a través dos seis pasos que recolle o MISEA”, indicou Tania Hermida, xerente da Mancomunidade de Concellos da Mariña e do Plan de Sostibilidade Turística.
Os 10 promotores que están participando no proxecto son: Cooperativa Terras da Mariña, Agroalimentaria Laurentina, Porto de Burela, Marmeladas A Morena, Mel O Poder das Flores, A Morena Marmeladas Artesanais, Porco Celta Celtagal, Bodega don Pedro Leivas Sidra Salvaxe, Monte Veciñal en Man Común de Frexulfe, Panadería de Galdo e Shiifos Setas.
Tania Hermida dixo que “durante o proceso está a destacar especialmente a excelente motivación dos promotores participantes, así como a claridade coa que afrontan esta nova liña de traballo. Todos eles mostran un firme interese por apostar por un modelo de experiencias que achegue valor engadido tanto aos seus propios produtos como ao conxunto do territorio, aliñado cunha visión de turismo sostible, de calidade e profundamente vinculada á identidade e autenticidade da Mariña”.
O MISEA recolle acompañamento técnico especializado, formación específica e a elaboración tanto dun plan de acción conxunto, que permita consolidar estas experiencias dentro do sistema turístico do destino, como individual de cara aos 10 promotores participantes.
Así, ao longo dos meses de marzo e abril a Mancomunidade recibirá a folla de ruta estratéxica para o destino, en cuxo documento figurará a participación destacada do Colectivo de Gastronomía da Mariña, como axente de cambio no territorio. Paralelamente, aos promotores implicados presentaránselles os seus plans de mellora individualizados, que lles permitirán traballar de forma máis concreta na creación ou perfeccionamento das experiencias que desexen impulsar. Desde SEGITTUR prevese dispoñer dos resultados finais do proxecto de cara aos meses de maio e xuño.
Cara a un modelo turístico máis sostible
Rocío López subliñou que “o obxectivo final é configurar unha rede de experiencias agroturísticas estruturadas, viables e aliñadas cos principios de sostibilidade, autenticidade e conexión co territorio. Con esta iniciativa, desde a Mancomunidade reforzamos a nosa aposta por un turismo responsable, diversificado e vinculado ao produto local, consolidando á Mariña como un destino que avanza en innovación e sostibidade, neste caso, dentro da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes e de xeito habitual grazas ao Plan de Sostibilidade Turística, ferramenta impulsada tamén pola Secretaría de Estado de Turismo, e aos convenios que asina anualmente coa Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo”.





















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



