O executivo local denuncia a falta de apoio para un proxecto que xa conta cunha subvención da Xunta e que considera clave para a dinamización económica e social da vila
Viveiro, 8 de abril de 2026. O Concello de Viveiro expresa o seu malestar tras a reunión mantida co vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, na que se confirmou a negativa da institución provincial a colaborar economicamente na reforma da Praza de Abastos, un proxecto que o executivo municipal considera estratéxico para o presente e o futuro da vila.
Desde o Goberno de Mariña Gueimunde lémbrase que esta actuación conta xa cun apoio da Xunta de Galicia de 320.000 euros para a súa execución, estruturado en dúas anualidades de 160.000 euros, en 2026 e 2027. O Concello leva tempo buscando completar o financiamento necesario para facer realidade a intervención. O proxecto ten un orzamento estimado de 768.068,68 euros e a administración local xa explorara outras vías complementarias de apoio.
O executivo municipal sostén que, ao longo deste proceso, foi atendendo as distintas condicións e requisitos que se lle foron trasladando desde a Deputación. Nun primeiro momento, instouse ao Concello a priorizar investimentos, e Viveiro decidiu situar a reforma da Praza de Abastos como unha actuación preferente pola súa relevancia patrimonial, comercial e social.
Posteriormente, presentáronse os proxectos técnicos requiridos, buscouse a implicación doutras administracións e mesmo se agardou á posible dispoñibilidade de remanentes, sen que finalmente se traducise en ningún compromiso económico por parte da institución provincial.
«O que se nos trasladou hoxe é, simplemente, unha mala noticia para Viveiro. Falamos dun proxecto fundamental para recuperar e dinamizar un espazo emblemático, situado no corazón do casco histórico, e tamén dunha oportunidade para reforzar a actividade comercial e social da vila. Non estamos a pedir un capricho, senón apoio institucional para unha actuación necesaria», explica a alcaldesa Mariña Gueimunde.
O Concello lembra que a Praza de Abastos é un inmoble singular para Viveiro. Data de 1925, foi proxectada polo arquitecto Ricardo García Puig e está considerada unha das edificacións de abastos máis antigas e características de Galicia pola súa tipoloxía de mercado de peixe. O Goberno local subliña que a súa rehabilitación non responde só a unha necesidade material, senón tamén á vontade de protexer e revitalizar un espazo de grande valor patrimonial e de identidade.
Na mesma liña, o executivo viveirense asegura que a falta de resposta non se limita ao proxecto da Praza de Abastos, xa que tamén foron rexeitadas peticións de apoio noutras áreas, especialmente no ámbito deportivo e cultural, sen que se ofrecese ningunha alternativa de financiamento para iniciativas e entidades do municipio. Para o Concello, esta posición evidencia unha ausencia de compromiso institucional con Viveiro e compromete a chegada de investimentos necesarios para o seu desenvolvemento.
O Goberno local manifesta a súa preocupación pola falta de apoio da Deputación a Viveiro e considera que esta decisión evidencia un trato que non responde ás necesidades do municipio. Desde o Concello sinalan, ademais, que lles consta que a institución provincial adoita contar co BNG local nas iniciativas que apoia no municipio, facendo constar a súa participación cando anuncia esas actuacións, polo que lamentan que neste caso non exista a mesma disposición para colaborar nun proxecto estratéxico como a reforma da Praza de Abastos.
«A veciñanza de Viveiro merece saber que este Goberno municipal traballou, buscou financiamento, chamou ás portas doutras administracións e fixo os deberes para sacar adiante un proxecto prioritario. Se hoxe a Deputación decide non apoiar a Praza de Abastos nin outras actuacións no municipio, está lexitimada para facelo, pero tamén nós para dicir con claridade que é unha decisión profundamente negativa para Viveiro», expón Mariña Gueimunde.
Malia esta negativa, o Concello reafirma a súa vontade de seguir traballando para sacar adiante a reforma da Praza de Abastos e outros proxectos estratéxicos para o municipio. O executivo non descarta explorar novas vías de financiamento que permitan facer realidade actuacións que considera fundamentais para a dinamización económica, social e cultural da vila.






















Será o sábado 26 de setembro de 20:00–22:30 no Palacio Santa Emilia de Mondoñedo. Entrada: 34,90 €, inclúe viño seleccionado e aperitivo.
Ás 16 horas deste mércores, o 112 Galicia tivo constancia dunha saída de vía a través do sistema de aviso e-Call do vehículo accidentado. Ocorreu no quilómetro 6 da LU-861, á altura de Santaballa. O propio implicado explicou nese momento que precisaba axuda para saír do vehículo. Nada máis ter constancia, os xestores do 112 Galicia solicitaron a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Vilalba e servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros axudaron a retirar á persoa do vehículo, mais non foi necesario excarcerar.
O centro conta con espazos para forza, cardio, adestramento funcional e alta intensidade, ademais de propostas acuáticas, ciclo indoor, pilates e programas Les Mills. Dispón tamén dunha área de relax con baño de vapor, duchas especiais e hidromasaxe. O director, Javier Canel, destaca que o obxectivo é ofrecer alternativas para que cada persoa atope o tipo de exercicio que mellor se adapte ás súas necesidades. En setembro, o centro ofrece unha proba gratuíta de tres días e matrícula de balde para novas inscricións.
A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
A xornada incluirá feira de artesanía desde as 11:30, inauguración ás 12:30 e xantar popular ás 14:45, con tickets dispoñibles ata o 9 de setembro. Haberá showcookings, degustacións, pasarrúas, xogos tradicionais, concentración de Vespas e demostracións de oficios. A organización espera repetir o éxito da última edición, na que se serviron uns 800 pratos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.



